Pontón: "Se alguén pensa que non haberá papeleta nacionalista, engánase"

Ana Belén Pontón Mondelo (Sarria, 1977), votando o domingo
photo_camera Ana Belén Pontón Mondelo (Sarria, 1977), votando o domingo

As primeiras horas de Ana Pontón á fronte do BNG están a ser, sobre todo, intensas. Presidiu a súa primeira executiva, respondeu entrevistas, empezou a preparar o consello do día 12 e viu como Aymerich e a súa contorna xa protagonizaban as primeiras baixas. Para non aburrirse

Como leva estas primeiras horas á fronte do Bloque?

Ben e moi agradecida a toda a militancia pola súa participación, o debate e o exercicio de democracia que vimos de facer. Debo agradecerlles a todos a confianza depositada nas persoas que integramos o consello nacional e xa estamos traballando con ilusión para poñernos a punto para facer fronte aos retos que temos por diante.

Xa presidiu a súa primeira executiva. Que se tratou nela?

O que fixemos foi máis ben unha toma de contacto e unha avaliación do desenvolvemento da asemblea. Nos vindeiros días xa iremos definindo máis as cousas para o consello nacional do día 12.

A nova dirección repartirase en cinco grandes áreas: organización, política institucional, comunicación, ideas e alternativas políticas e relacións nacionais e internacionais. Xa teñen responsables?

Imos pensar algo máis as cousas. Acabamos de saír da asemblea e temos que respirar. Sen pausa, si, pero tamén sen présa. Imos conformar equipas nestas cinco áreas para conseguir que a organización sexa máis áxil e coexionada.

Vólvese escoitar que a UPG pasou o rolo, que volve quedar o BNG en mans dela... Que lle parece?

O domingo todos e cada un dos militantes do BNG, que foron moitos, arredor de 3.000 personas, votaron libremente. O que ocorre é que hai esquemas reducionistas que non se corresponden coa realidade. O BNG é a organización máis democrática do Estado español e dígoo con absoluta convición. Só fan falla 15 militantes par a presentar candidatura e poder así ter representación en órganos de participación e decisión.

Marcouse o prazo dun ano para materializar unha refundación do Bloque, pero por algún sitio haberá que empezar. Por onde?

O mandato da asemblea é claro e o consello nacional do día 12 fixará unha estratexia máis concreta sobre esa refundación. Nese proceso estamos traballando e daremos cumprida información dos avances ao respecto, pero agora precisamos algo de tempo.

Gustaríalle que a marca BNG siguese existindo dentro dun ano?

Para min o BNG é moito máis que unha marca. Leva 34 anos acompañando a historia deste país como forza determinante e positiva. Imos abrir a reflexión sobre o que é mellor, porque importa máis o proxecto que as siglas. Pero persoalmente eu teño querencia pola marca BNG, non o oculto.

En ano electoral con autonómicas á vista parece evidente que a estratexia electoral é importante e que esta non pasará por En Marea.

Na asemblea aprobamos un texto que di que o BNG ten que pór en marcha un diálogo con persoas e colectivos para confirmar unha candidatura nacionalista e ese é un dos retos fundamentais que temos por diante. Porque pensamos que o nacionalismo é fundamental para Galicia, temos que garantir que haxa unha papeleta nacionalista nas autonómicas.

Será unha papeleta con Ana Pontón encabezándoa?

Neste momento o primeiro é poñernos a traballar para conformar unha candidatura e traballar con solvencia nesa dirección. As persoas que van á candidatua e á presidencia tamén son importantes, pero iso tamén ten un prazo. Abriremos un proceso democrático e de participación para definilo, con votacións das asembleas e que a militancia decida, porque temos canteira. Pero para nós hoxe o importante é conformar unha candidatura nacionalista. E se alguén pensa que non a vai haber esa papeleta, engánase.

Aymerich e parte da súa contorna falan da necesidade dunha nova casa común para o nacionalismo galego. Teme outras siglas novas?

O BNG non ten ningún temor a que na sociedade galega as persoas que organicen como queiran para participar nos ámbitos de decisión. O noso cometido é traballar para fortalecer o nacionalismo e a min este proxecto é o que me preocupa. Imos traballar por atraer máis persoas a nós e tecer un futuro xuntos e xuntas.

Pero outra escisión e outras siglas sería como revivir Amio?

Non hai que ter medo na vida porque nos paraliza. Penso que hai que respectar as decisións individuais de cada quen, pero tamén digo [por Aymerich] que no BNG hai sitio para traballar todos, as portas están abertas para os que queiran construír con nós. O proceso de refundación é un sinal claro da apertura do BNG e a iso dedicarei os meus esforzos.

Seguirá como vicevoceira no Parlamento galego ou asumirá a portavocía de Francisco Jorquera?

A miña idea e seguir. Jorquera é un gran portavoz que está facendo un labor intenso, como todo o grupo. Ten todo o meu respecto e recoñecemento polo seu traballo. Ninguén no BNG cuestiona o seu papel, aínda que aquí tamén pesan as decisións persoais, claro.

Comentarios