Martes. 18.09.2018 |
El tiempo
Martes. 18.09.2018
El tiempo

PORTAVOZ NACIONAL DO BLOQUE NACIONALISTA GALEGO (BNG)

Ana Pontón: "Gobernen PP ou PSOE só vemos alternancia no agravio a Galicia"

Ana Belén Pontón Mondelo (Sarria, 1977), no exterior do Parlamento de Galicia. PEPE FERRÍN
Ana Belén Pontón Mondelo (Sarria, 1977), no exterior do Parlamento de Galicia. PEPE FERRÍN

Ela non nacera cando hai medio século xa se reivindicaba máis poder para Galicia na primeira mobilización do Día da Patria e, pasados 50 anos, a líder do BNG lamenta que pouco cambiase

Van 50 anos celebrando o Día da Patria. Tanto había que reivindicar?
Evidentemente que había e que hai, porque seguimos tendo que reivindicarnos como nación, co convencemento de que se temos capacidade real para decidir, os galegos viviríamos mellor.

Aínda que algunhas das demandas coincidan coas de hai medio século, algo terá mudado, non?
Hai cousas que cambiaron, pero tamén hai problemas estruturais que se manteñen; digamos que non acabamos de darlle a volta á situación do país. Estou convencida de que Galicia ten potencialidade, pero non falla o país senón os gobernos e o modelo político e institucional, que xoga contra o noso desenvolvemento.

O BNG estivo neses gobernos e está en concellos e deputacións. Ten parte da responsabilidade?
Nos concellos onde gobernamos demostramos que hai outra Galicia posible, pero os municipios teñen competencias moi limitadas e non poden actuar en parte da realidade. Para dar un xiro de 180 graos necesitaríamos da Xunta.

O lema deste Día da Patria é ‘Sumar por Galiza’. A quen quere sumar?
A todas as persoas que comparten con nós a confianza en Galicia e na necesidade que ten o país de forzas políticas propias, xa que as solucións aos nosos problemas teñen que partir de aquí, porque nunca van vir de Madrid.

"En Galicia hai moitas máis persoas que comparten as principais ideas do Bloque das que despois reflicten as urnas"

Viviu no Bloque as grandes manifestacións do 25-X de antano. Bota de menos aqueles tempos?
Creo que a mobilización do día 25 segue a ser grande, con milleiros de persoas que percorren as rúas, polo que o BNG non ten añoranza do pasado. Estamos nun tempo novo que precisa un cambio de rumbo e desde o BNG cremos que podemos facelo se os galegos confiamos nas nosas forzas. Se algo precisa a xente de Galicia é esperanza, rachar esa idea de que o PP é o único capaz de facer cousas.

Os nacionalistas de Galicia poderán acudir o 25 a actos de En Marea, Anova, BNG, CxG... Demasiados?
A gran mobilización de referencia para todos os nacionalistas e para moita xente que acredita na defensa de Galicia segue a ser a do BNG, que está aberta a todas as persoas que levan a Galicia na cabeza e no corazón; máis alá de que haxa actos doutras forzas. 

"Hai máis sentimento nacionalista en Galicia do que reflicten as urnas". Esta é unha reflexión súa.
Estou convencida de que moitas persoas comparten ideas que defende o Bloque, aínda que por circunstancias máis amplas do que se pode tratar nunha entrevista iso non se reflicte no voto. Se aos galegos lles preguntamos se é xusto que a electricidade que se xera aquí so lle rente ás grandes empresas e non deixe beneficios en Galicia, estarán de acordo? Ou pensando en Lugo, non apoiará a maioría que o Miño se xestione desde Galicia e non desde Madrid?  Ao final hai moitos elementos na política práctica nas que as alternativas do BNG teñen moito apoio social. E a iso hai que sumarlle a identidade nacional.

Prexudican os líos de En Marea a imaxe do conxunto da esquerda como alternativa ao PPdeG?
Eu o que vexo é que o PPdeG é derrotable e para que haxa un cambio positivo para Galicia hai que fortalecer o proxecto do BNG, porque somos unha organización sólida con ideas que realmente significan un cambio. No caso de En Marea penso que terán intelixencia suficiente para atopar solucións aos problemas que teñen.

Foi difícil chegar a acordos no Parlamento entre a esquerda ante a proximidade das eleccións?
Neste mandato o máis preocupante non é o que fai a oposición senón o Goberno, que directamente non existe; temos no canto unha xestoría. Vexo o Executivo de Feijóo sen iniciativa, sen pulo, esgotado, instalado nos recortes, obsecionado con criticar á oposición e a Euskadi e Cataluña... A submisión e a posición entreguista de Feijóo condúcenos á irrelevancia política, como vimos de ver na reunión con Sánchez. Eso si me preocupa e non a oposición, onde temos capacidade de diálogo máis alá das diferencias políticas.

Xa que cita a reunión con Sánchez... que axenda lle levaría Pontón?
Unha axenda de país ambiciosa, non só temas de infraestruturas, porque parece que aquí só existe o debate do Ave. Galicia necesita tamén investimentos extraordinarios para modernizar o noso ferrocarril, porque está antes que poidamos circular en tren por toda Galicia que contar unha conexión ultrarrápida coa Meseta. E levaría a necesidade de transferir a AP-9, un novo sistema de financiamento con concerto económico, 180 millóns que nos deben en dependencia, xulgados de violencia de xénero en todas as cidades...

Non a vexo moi optimista co Ave.
Son escéptica, pero é que resulta case imposible seguir todos os incumprimentos: 2009, 2012, 2016, 2019... Goberne o PP ou o PSOE só hai alternancia no agravio. Como galegos temos que cambiar este guion, apostar por forzas políticas propias que poñan a Galicia na axenda e, sobre todo, empezar a facer as cousas nós mesmos.

Dous dos grandes acordos no Hórreo son sobre a transferencia da AP-9 e Meirás. É máis optimista?
Sobre a AP-9 hai acordo no Parlamento grazas ao impulso que o Bloque lle deu á iniciativa. Nas autoestradas construidas ao mesmo tempo que a AP-9 van suprimirse as peaxes mentres aquí se elevan ao máximo legal, polo que é importante acabar con esta estafa. E en Meirás foi fundamental o impulso social que deu o nacionalismo á anomalía de que o pazo siga en mans dos Franco. Agora a responsabilidade de xestionar esa unanimidade do Parlamento é de quen goberna, porque os acordos deben servir para que as cousas muden e non ser só flor dun día. De feito, coa transferencia da AP-9 nin sequera é preciso agardar a debater a lei no Congreso, senón que se queren poden traspasala mañá mesmo na comisión mixta.

Feijóo queda en Galicia. É das que se alegra ou das que se lamenta?
Se Feijóo segue no Parlamento é porque viu que non había aclamación da súa figura no PP e porque non é sinxelo pórse á fronte dun partido ao que lle agardan tempos difíciles, cunha travesía do deserto electoral e moitas sentenzas pendentes pola corrupción.

"Desde a moción de censura hai unha operación para intentar salvar o bipartidismo, pero xa non creo que se poida"

Onde si houbo cambio foi na Moncloa. Nota que xa mudou algo?
De momento temos un Executivo de xestos, algúns deles decepcionantes, porque non se deroga a reforma laboral, non hai un cambio real nas pensións, mantense a lei mordaza e continúa a axenda de agravios con Galicia. Se hai un cambio teríamos que notalo en beneficio de Galicia, pero por agora só hai alternancia na discriminación.

Como lle afecta ao BNG o novo escenario políltico no Estado?
É moi difícil facer previsións a curto ou medio prazo porque o escenario político actual é moi volátil. O que observo é que desde a moción de censura hai unha operación para tratar de salvar o bipartidismo, pero non creo que se poida consolidar porque o panorama político mudou moito.

Estase colgando a etiqueta do nacionalismo a moitos movementos xenófobos e antieuropeos. Preocúpalle que iso dane a súa imaxe?
Bautista Álvarez dicía que non podes ser ao mesmo tempo ti e a túa antítese. O nacionalismo como nós o entendemos é un movemento emancipador para darlle poder político a quen non o ten. O que estamos vendo en Europa non é nacionalismo, é outra cousa: chauvinismo, xenofobia, racismo... nada que ver co que nós representamos. Nós somos esa antítese! Defendemos unha identidade aberta, non excluínte, solidaria entre os pobos, igualitaria e internacionalista. Pero esta demonización do nacionalismo non é casual; é a reacción do imperialismo, ao que agora chaman globalización, porque cuestionamos esa concentración do poder político e económico nos grandes estados e corporacións.

Tamén en España a crise catalá xerou certo sentimento antinacionalista en parte da poboación.
Porque foi o nacionalismo quen abriu a vía para cuestionar o réxime do 78 e reclamar a rotura democrática, e a reacción contra iso foi brutal: represión a políticos, sindicalistas, cantantes... É a involución democrática dun réxime que cada vez dá máis síntomas de esgotamento.

Que lle diría a quen ve o nacionalismo como un anacronismo nestes tempos tan globalizados.
Eu creo que o máis moderno é ser nacionalista, porque significa cuestionar o modelo do centralismo, que si que é algo antigo. Somos unha oportunidade para xerar un cambio real.
 

Ana Pontón: "Gobernen PP ou PSOE só vemos alternancia no agravio a...
Comentarios