lunes. 09.12.2019 |
El tiempo
lunes. 09.12.2019
El tiempo

Fernández acusa a Anova de servir de "pata do proxecto de Podemos" e sopesa deixar a militancia

Alexandra Fernández. AEP
Alexandra Fernández. AEP

En Marea agradece o seu traballo nas Cortes mentres o seu partido e os seus compañeiros no Congreso gardan silencio 

A deputada de En Marea Alexandra Fernández, que o pasado xoves anunciou que abandona a primeira liña política para finalizar os seus estudos, confirmou que sopesa abandonar a militancia de Anova, partido ao que acusa de converterse en "pata do proxecto" de Podemos, organización que "pasou dunha forza que falaba de plurinacionalidade a unha forza cada vez máis centrada na realidade madrileña". Así se expresou na mañá deste venres en declaracións á Radio Galega, onde subliñou que a súa decisión se debe a motivos persoais, aínda que recoñece sentir decepción co rumbo tomado polo autodenominado proxecto de unidade popular. 

O anuncio da parlamentaria de deixar a primeira liña política produciuse nun momento no que o seu nome figuraba nas quinielas para ocupar un lugar destacado na candidatura de En Marea para as xerais nas que, salvo sorpresa, o partido instrumental concorrerá por separado de Anova, EU e Podemos. 

Ningún dos seus compañeiros no Congreso publicaron algunha mensaxe sobre a marcha de Alexandra Fernández

O propio partido instrumental emitiu este venres un comunicado no que agradece "o traballo e o compromiso" da deputada durante a lexislatura que agora acaba. Por contra, ningún dos seus compañeiros no Congreso —Yolanda Díaz (EU), Antón Gómez-Reino (Podemos), Ángela Rodríguez (Podemos) e Miguel Anxo Fernán Vello (Anova)— publicaron algunha mensaxe sobre a marcha de Alexandra Fernández, que recibiu numerosas mensaxes de apoio a través das redes sociais, entre eles o de Luís Villares.

CRÍTICAS A ANOVA. Tampouco o fixo Anova, formación na que aínda milita a viguesa a pesar de que, desde hai dous anos, permanece enfrontada á súa dirección. Fernández recoñeceu este venres que baralla abandonar a formación nacionalista fundada en 2012 despois da saída do BNG da corrente encabezada polo histórico político Xosé Manuel Beiras. "Estou a repensar a miña militancia en Anova polas últimas declaracións e os últimos movementos", asegurou a aínda deputada, que afirma sentirse "decepcionada" co rumbo do partido nacionalista, xa que percibe que deixou de actuar como "un contrapeso para garantir a autonomía política de En Marea". 

A política institucional é un período limitado. Teño o meu proxecto de fin de carreira sen terminar e non quero que a política se converta na miña profesión

"Anova está a facer un papel máis de asentamento, de pata do que é o proxecto de Unidos Podemos", aseverou, para logo apuntar que sente "decepcionada coa alianza con Podemos", unha partido que, segundo Fernández, "foise transformado". Para a viguesa, o partido morado que lidera Pablo Iglesias "pasou dunha forza que falaba de plurinacionalidad" nos seus inicios a, co paso do tempo, derivar cara a unha organización "centrada na realidade madrileña e que non tiña unha conta a realidade galega". 

Alexandra Fernández pon como exemplo diso a votación dos orzamentos xerais, na que foi a única dos representantes de En Marea que se opuxo á súa tramitación na Cámara seguindo as directrices da dirección política de En Marea. O resto de deputados de En Marea apoiaron as contas negociadas entre o PSOE e Unidos Podemos.  "Quixéronnos obrigar a pasar pola humillación de apoialos, a pesar de que tiñan un recorte do 20% para Galicia", asegura Fernández, distanciada desde hai meses dos seus compañeiros no Congreso, aos que chegou a criticar abertamente acusándoos de antepor os seus intereses persoais nas decisións do grupo e de converter a representación da confluencia galega nun "satélite" de Unidos Podemos.

A política para ser entendida como unha ferramenta para a sociedade e non un modelo de satisfacer intereses persoais

RETOMARÁ OS SEUS ESTUDOS. Así as cousas, Alexandra Fernández afirma que a súa decisión se debe a cuestións persoais e que así llo trasladou ao portavoz de En Marea, Luís Villares, quen convidara á viguesa a candidatarse nas primarias do partido instrumental para as listas do Congreso. "A política institucional é un período limitado. Teño o meu proxecto de fin de carreira sen terminar e non quero que a política se converta na miña profesión. Por iso teño a urxencia de volver á miña carreira, de coller forzas e de volver á militancia política desde a base", asevera Fernández, que cursa estudos de Arquitectura.

AGRADECEMENTOS DE EN MAREA E DAS VÍTIMAS DO ALVIA. A dirección de En Marea emitiu un comunicado no que agradece o traballo desenvolvido por Alexandra Fernández ao longo da lexislatura que agora acaba e deséxalle "o mellor para as súas decisións coa seguridade de que os seus labores seguirán sendo útiles para Galicia e a súa cidadanía". Ademais, valora o paso dado por Fernández, xa que entende que se trata de "unha demostración máis da maneira" na que a viguesa "entende o servizo público e o carácter cívico ao que se debe a política para ser entendida como unha ferramenta para a sociedade e non un modelo de satisfacer intereses persoais". 

Pola súa banda, a plataforma de vítimas do accidente do Alvia mostrou o seu agradecemento polo "excelente traballo" de Fernández na comisión de investigación "en procura da verdade e a mellora da seguridade". "Persoas do sector ferroviario tamén nolo transmitiron", apuntan. 

En declaracións a Europa Press, o seu portavoz, Jesús Domínguez, valorou que "investigou e profundou máis aló da 'verdade oficial' estudando en profundidade a documentación e os informes independentes da UE e o perito xudicial". "O seu traballo non quedará en balde", subliña. 

Fernández acusa a Anova de servir de "pata do proxecto de Podemos"...
Comentarios