martes. 21.09.2021 |
El tiempo
martes. 21.09.2021
El tiempo

Aleksandr Dziuba: "Moitas persoas dos antigos países soviéticos queren aprender galego"

O profesor Aleksandr Dziuba. EP
O profesor Aleksandr Dziuba. EP
O primeiro dicionario galego-ruso está dispoñible en liña e conta con máis de 10.000 entradas. O seu autor, un profesor ruso que foi capaz de aprender galego en dous anos, explica agora a súa ambición de elaborar un glosario de palabras galegas máis alá da norma estándar

Ensinar, traducir e interpretar son os principais labores que Aleksandr Dziuba (Rostov, Rusia, 1990) vén desempeñando ao longo dos últimos anos. Despois de exercer como director interino na Universidade Estatal Técnica do Don, en Rostov, o filólogo aterrou en Galicia coa pretensión de aprender galego. O idioma non se lle resistiu e conseguiu dominalo en tan só dous anos. Na Coruña, Alexandr exerceu como auxiliar de conversa na Escola Oficial de Idiomas. Agora, tras publicar a primeira edición do dicionario galego-ruso, emprende a viaxe de volta ao seu país natal para continuar cos seus proxectos.

Como se achegou ao galego?
Atopábame estudando castelán en Alicante cando, no lugar onde vivía, descubrín un disco titulado Bágoas negras, que estaba dedicado a traxedia do Prestige. Nel aparecían cantantes galegos e asturianos e gustáronme algunhas cancións. Logo, no ano 2017, quixen escoitalo outra vez. Por algunha razón, gustoume máis desa segunda volta. En concreto, agradoume unha canción titulada Maldito sexa o mar. Na súa versión orixinal é unha cantiga en galego-portugués de Rui Fernández de Santiago. Por ela decidín traducir ruso do galego-portugués. Nese momento brotou en min a idea de ir a Galicia para aprender galego. Non era un plan novidoso para min, pois no ano 2017 xa intentara aprendelo a través de internet pero tan só había algúns cursos moi desactualizados. No entanto, contei coa posibilidade de ir á Coruña traballar como auxiliar de conversa, polo que me despedín do meu labor como director interino dun centro internacional da universidade da miña cidade. Vin a Galicia e aproveitei o tempo como puiden nas circunstancias que temos agora.

Como foi vostede capaz de aprender o idioma en só dous anos?
Cando me matriculei na escola de idiomas, decidín lanzarme a escribir un poema en galego ao saír da primeira clase. Tan só levaba dez días en Galicia cando o departamento que me formaba decidiu que tiña que estar cursando o nivel B1 de galego. Mentres tanto, ao tempo que estudaba, tamén ía lendo libros. A isto hai que engadirlle que exercín como profesor de Filoloxía románica e teño coñecementos de italiano, portugués, rumano e doutros idiomas románicos. Para min foi máis doado porque fun capaz de ver correspondencias entre os idiomas e comprender as leis fonéticas.

"O diccionario saiu duns apuntamentos persoais que empregaba para recordar palabras en galego que descoñecía"

De onde vén a idea de crear o primeiro dicionario galego-ruso?
O dicionario, orixinalmente, saíu duns apuntamentos que fixen sobre palabras que eu mesmo descoñecía do idioma de Galicia. Lendo a Castelao e traducíndoo deime conta de que había moitas palabras rexistradas na fala e na literatura que non aparecen na RAG, nin no dicionario Xerais. Comecei a apuntar todos eses termos que non coñecía e que non aparecían nestes sitios. Considero que para aprender ben un idioma, primeiramente, hai que a comprender o léxico. Cando a miña listaxe de palabras foi medrando pensei en darlles unha utilidade pública. Pasaron varios meses e decidínme a escribirlle á Secretaría Xeral de Política Lingüística e resultou que lles interesou a miña obra. A partir de aquí, comecei a traballar decotío chegando a pasar ata 300 lemas nun só día. Propúxenme acabar o dicionario o día 1 de maio para poder mostrar os resultados. Acabei facendo 11.000 entradas para a primeira edición e agora seguirei traballando para incluír novos lemas. A miña intención é chegar ás 40.000 entradas para que se constitúa como un gran dicionario publicado en papel.

Que se pretende lograr con el?
Deime conta que hai moitas personas dos antigos países soviéticos que queren aprender galego pero que non dispoñen de ningún medio. Por outra banda, traballando como auxiliar de conversa na Escola Oficial de Idiomas coñecín moita xente que utiliza o galego como a súa lingua principal, polo que vin que non ten moito sentido empregar un idioma mediador como é o castelan para a persoa galega que quere aprender ruso.

E a quen vai dirixido?
O dicionario pode ser interesante para os tradutores, filólogos, lingüistas, comparatistas, especialistas en linguas románicas e outros lexicógrafos. Polo que, a produción pode ser útil para persoas iniciadas e personas especializadas na lingüistica en xeral. Non quero que incorpore só palabras usadas pola RAG, a miña intención é que teña entradas coas expresións que se usaban antes e se usan agora, pero que non están rexistradas de maneira oficial. De calquera maneira, entendo que a RAG se está actualizando constantemente, polo que quizais algunhas palabras que non estean agora no dicionario dentro duns anos se inclúan.

Aleksandr Dziuba: "Moitas persoas dos antigos países soviéticos...
Comentarios