A alcaldesa, tras as protestas con feridos en Mos: "Non haberá expropiacións forzosas"

Asegura que haberá "acordos" de venda nos terreos que quere o Celta e condena os incidentes que acabaron cun veciño hospitalizado e outros dous con ataques de ansiedade

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo (PP), asegurou este mércores que non haberá "expropiacións forzosas" na parroquia de Tameiga para a construción da Cidade Deportiva e complexo comercial promovido polo Real Club Celta e, aínda que admitiu que a expropiación é a "única fórmula xurídica" posible para que o proxecto salga adiante, precisou que "haberá acordos" cos propietarios das parcelas. 

A rexedora compareceu este mércores en rolda de prensa, horas despois de que o Concello tivese que suspender un acto informativo na parroquia de Tameiga, no que se produciron forcexos e no que, segundo confirmou Nidia Arévalo, algún veciño resultou ferido e outros con ataques de ansiedade. En concreto, un veciño recibiu un golpe na cabeza polo que pasou a noite hospitalizado e en observación; outros dous sufriron ataques de ansiedade e unha caeu ao chan.

Segundo recolle o informe da Policía Local, os altercados producíronse cando os axentes pediron identificarse ás persoas que querían entrar no pavillón onde ía celebrarse a reunión.  Foi entón cando un grupo de persoas vestidas con camisetas verdes intentou acceder ao recinto sen identificarse e aí produciuse un enfrontamento cos axentes policiais.

Arévalo condena o altercado que obrigou a suspender un acto informativo e que atribúe a uns "exaltados" 

A alcaldesa condenou estes disturbios, protagonizados por "40 persoas que ía alí a armar batifondo", e que impediron que outros moitos veciños puidesen recibir información por parte dela mesma e dos técnicos municipais achega do proxecto de Cidade Deportiva do Celta. 

Arévalo denunciou que estas persoas, que se opoñen ao proxecto, basean os seus argumentos en "mentiras" e incluso intentan "enganar" aos veciños, con afirmacións como que se pagarán as leiras a un euro por metro cadrado, que se van a asfaltar 900.000 metros cadrados de monte, ou que os veciños se van a quedar sen auga". Segundo subliñou, haberá acordos" na expropiación de terreos, como xa se alcanzaron na zona de Pereiras, onde se pagaron as parcelas a prezos de entre 12 e 18 euros o metro cadrado. "Que o Celta compre o que os veciños lle ofrecen", sentenciou.

DEFENSA DO PROXECTO. A rexedora defendeu os beneficios desta actuación, non só para o Concello de Mos, que ingresará máis de 7 millóns en concepto de ICIO (Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras), e un canon anual dun millón polo IBI; senón que tamén recordou que o investimento previsto supera os 200 millóns, que se crearán 2000 postos de traballo, e reforestaranse para destinar a zona verde 400.000 metros cadrados (a actuación complétase con 250.000 metros de zona deportiva e outros 120.000 metros de zona comercial), ademais dos viarios, mellora de abastecemento e outras actuacións. 

Por outra banda, recordou que o seu apoio ao proxecto é coñecido desde antes das pasadas eleccións de maio, e que o pobo de Mos volveulle a outorgar a súa confianza de forma maioritaria (goberna con maioría absoluta de 9 edís).

CRÍTICAS. A alcaldesa tamén criticou aos partidos da oposición, por porse ao lado dos "que foron a armar batifondo" e negou as acusacións de falta de transparencia, recordando que os grupos municipais teñen toda a información sobre a modificación puntual da PGOM que irá a pleno o vindeiro luns (e que permitirá as expropiacións para a Cidade Deportiva), e que se abrirá un prazo de 2 meses para alegacións. 

Arévalo foi especialmente dura co PSOE, a cuxos representantes acusou de "defender" antes a Vigo e a Abel Caballero (que se opón a que o Celta faga un área comercial en Mos, polo dano que causará ao sector na cidade) que ao seu propio municipio. 

A ese respecto, Nidia Arévalo advertiu de que Mos non quere seguir sendo un "municipio-alfombra" da cidade olívica, e que "ten dereito" a crecer. Ademais, sinalou que nunca se escoitou a Abel Caballero criticar actuacións como Porto Cabral ou as zonas comerciais do Centro Vialia. "¿Iso non ataca ao comercio de Vigo?", cuestionou. 

Comentarios