O alcalde de Val do Dubra apela á "tranquilidade" tras a denuncia de violación dunha peregrina 

O rexedor considera "lamentable" que "unha muller non poida facer" o Camiño de Santiago "nas mesmas condicións de seguridade que un home" 

Antonio Negreira Noya, alcalde de Val do Dubra. EP
photo_camera Antonio Negreira Noya, alcalde de Val do Dubra. EP

O alcalde do concello coruñés de Val do Dubra, Antonio Negreira Noya, apelou este luns á "prudencia" e á "tranquilidade" ante a investigación da Guardia Civil por mor da denuncia de violación presentada por unha peregrina de nacionalidade venezolana supostamente ocorrida neste municipio a fin de semana. O rexedor sinalou que os feitos denunciados están en investigación e, de confirmarse, avanzou o "rexeitamento máis severo" por parte do Concello ante actos como estes porque "sería un auténtico crime machista". 

Así, convidou a reflexionar sobre o que se fai "socialmente" nesta materia e "por que se dan este tipo de condutas repugnantes". "Haberá que estudar que estamos a facer a nivel de formación", apostilou. 

Ademais, considerou "lamentable" que "unha muller non poida facer o Camiño (de Santiago) nas mesmas condicións de seguridade que un home" sen que sucedan "actos repugnantes".

"NON HAI RISCO". Non entanto, subliñou que Val do Dubra non presenta un índice de delincuencia alto e incidiu en que "o peor" que se pode facer nestes casos "é alarmar". Por iso, manifestou que se trata dun "caso illado" en investigación que "hai que rexeitar" e, se se confirma o feito denunciado, avogou por que o responsable "pague por el". 

Con todo, insistiu en que "non hai risco en facer o Camiño", polo que apela á "prudencia e tranquilidade". "Non se pode meter medo", concluíu o rexedor. 
 

Comentarios