O alcalde de Sada afirma que os usos de Meirás constan nun documento de 2008

O rexedor considera que é positivo dedicar o espazo a render tributo a Emilia Pardo Bazán pero que iso "é compatible" con "lembrar" a outros moitos intelectuais represaliados
Pazo de Meirás. DP
photo_camera Pazo de Meirás. DP

O alcalde de Sada, Benito Portela, manifestou que os usos para o Pazo de Meirás xa están definidos nun documento aprobado no ano 2008 pola Xunta de Galicia e que os usos "a maiores" que poidan darse ao complexo deben respectar os que marca dita declaración. 

Así se pronunciou nunha entrevista concedida este sábado a Radio Nacional na que Portela dixo que o goberno de Sada, municipio no que se sitúa o Pazo de Meirás, non coincide "en todo" o que expón o plan presentado polo Executivo autonómico pero si comparte "a parte educacional e didáctica" do documento. 

Deste xeito, cre que Meirás, recentemente recuperado para patrimonio público após un proceso xudicial culminado hai días, debe servir para actuar de memoria dos represaliados após o golpe de estado de 1936 e o réxime franquista. 

Deste xeito, o rexedor considera que é positivo dedicar o espazo a render tributo a Emilia Pardo Bazán pero que iso "é compatible" con "lembrar que moitos intelectuais foron represaliados, tivéronse que ir ou foron asasinados o golpe do 36 ou na represión posterior". 

Así as cousas, Portela cre que haberá acordo sobre os usos do pazo que, ao seu xuízo, tería que quedar xestionado por un ente que aglutinase "non só" ás administracións, senón tamén a entidades sociais relacionadas coa memoria histórica, das que destacou o papel xogado antes de que as institucións acelerasen as xestións para recuperar o inmoble en mans da familia do ditador. 

Comentarios