O alcalde de Cerceda recorre a súa condena a oito anos de inhabilitación

Ademais, presentou tamén un recurso por vulneración de dereitos fundamentais, por vía contencioso-administrativa

El alcalde de Cerceda, José García Liñares. EP
photo_camera El alcalde de Cerceda, José García Liñares. EP

O alcalde de Cerceda, José García Liñares, presentou recurso ante a Audiencia coruñesa contra a súa inhabilitación a oito anos por un delito de prevaricación administrativa en relación coas obras do xardín botánico, no ano 2015. 

Ademais, presentou tamén un recurso por vulneración de dereitos fundamentais, por vía contencioso-administrativa, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). 

Así o confirmou a Europa Press o rexedor que, após a decisión da oposición --conformada polo PP e o BNG --de pedir un pleno extraordinario para forzar a súa dimisión, rexeitou a necesidade desta sesión plenaria. 

"Xa o fixen", dixo sobre a sesión plenaria celebrada en agosto na que se aprobou, co apoio do PSOE --grupo no que nas últimas eleccións concorreu como independente-- unha proposta na que se recoñece que non pode continuar na Alcaldía despois da súa inhabilitación. 

Concedíaselle tamén un prazo de dez días hábiles para presentar un escrito de renuncia, aínda que, ao mesmo tempo, esta cuestión quedaba condicionada á presentación do correspondente recurso por parte do rexedor para que os tribunais aclarasen a súa situación xurídica, de forma que se paralizaría preventivamente o acordo.

ARGUMENTOS. Co seu recurso de vulneración de dereitos fundamentais, o alcalde busca "suspender calquera cesamento", apuntaron fontes xurídicas a Europa Press, que precisaron que supón pór "en cuestión" que teña que facelo sen haber unha sentenza condenatoria en segunda instancia. 

Neste contexto, é no que o alcalde rexeitou a necesidade dun pleno extraordinario para dar conta da sentenza e pedir á Xunta Electoral a expedición de credencial do candidato seguinte na lista do PSOE. 

"Xa o fixen, outra cousa é que non se tomasen as decisións que eles querían", expuxo o rexedor, quen asegurou que a oposición tampouco presentou na sesión plenaria de agosto "proposta". "Por que votar dúas veces", engadiu tamén como argumento para rexeitar un pleno extraordinario sobre a súa sentenza condenatoria. 

Comentarios