Os afíns a Paula Quinteiro piden non participar na consulta de En Marea

En Marea activará esta consulta o próximo día 22 na que os inscritos terán 36 horas para responder

Paula Quinteiro. PEPE FERRÍN
photo_camera Paula Quinteiro. PEPE FERRÍN

Integrantes de diversas mareas locais de Galicia impulsaron este venres un manifesto no que cargan contra a activación dunha consulta ás bases sobre o futuro de Paula Quinteiro polo que fan un chamamento a non participar no mesmo.

En Marea activará esta consulta o próximo día 22 na que os inscritos terán 36 horas para responder si ou non á pregunta "Consideras que Paula Quinteiro debe dimitir do seu cargo como deputada do Parlamento galego polo uso da súa acta de deputada para un asunto particular?".

Con todo, as persoas próximas á deputada piden que non se participe neste proceso posto que "non é un procedemento estatutario aplicable neste caso", "carece de todas as garantías e só tensiona o espazo político común".

Segundo o manifesto ao que se pode acceder na web http://coidandoaunidade.info, "esta consulta deixa en suspenso os valores democráticos fundamentais" do "espazo político e vulnera os documentos organizativos e o Código Ético de En Marea"

"Non entendemos a activación de mecanismos inéditos que non constitúen as fórmulas de control democrático que nos demos entre todas, senón mecanismos plebiscitarios que non corresponden ao momento actual, que só contribúen a un linchamento político e mediático", continúan.

Por iso, insisten en que non participarán "neste linchamento público que, como diciamos, só favorece ao PP", ao entender que foi desde este partido desde o que se iniciou "unha campaña de acoso e derriba" contra Paula Quinteiro, ao soster que lles resulta "incómoda".

Por iso, apelan a "non caer na trampa", e a traballar por unha En Marea na que se aposte pola "solidariedade".

Comentarios