martes. 27.07.2021 |
El tiempo
martes. 27.07.2021
El tiempo

Adolescentes á espera dunha lei para poder ser

Brais Fernández. DAVID FREIRE
Brais Fernández. DAVID FREIRE
A lei en vigor que rexe o cambio de sexo no DNI para as persoas trans non ten en conta aos menores, que acoden a subterfuxios legais para facer efectiva a súa transición

"Quítanos un peso de enriba". É o resumo de Carlos Míguez, mozo trans de 17 anos de Redondela, cando lle preguntan polo anteproxecto da coñecida como Lei Trans. De ser aprobada, por primeira vez na lexislación española recoñecerase de xeito explícito o dereito dos nenos trans a adecuar a súa identidade á súa documentación. Terán dereito a ser, a través da coñecida como autodeterminación de xénero, que pasa, á súa vez, por deixar de considerar a transexualidade como unha patoloxía.

A polémica arredor do texto non é allea ao colectivo que centra o debate e moitas persoas quéixanse de que a súa opinión non se escoite. "A reacción da xente é, sobre todo, de sorpresa, todo o mundo fala sobre as persoas trans menos nós mesmas", explicaba esta semana a activista pontevedresa Ada Otero ao respecto.

Neste sentido, as historias dos menores trans que asisten ao debate falan de esperanza ante unha lei que os teña en conta, xa que a de 2007 non se refire á realidade dos nenos e nenas trans, dificultando o proceso de transición. Ata o de agora, o proceso para poder cambiar de sexo o DNI leva aparellados unha serie de test psicolóxicos para certificar a pertinencia do cambio. "A min mesmo fixéronme preguntas que non me entraban na cabeza, como se de neno xogaba máis con coches ou con bonecas, e eu xogaba con ambos, pero son un home, entón non sabía moi ben que contestar", conta Carlos, que aclara que algúns dos seus amigos chegaron a mentir adecuandose aos roles de xénero para poder conseguir un informe favorable. "Teño un amigo ao que a psicóloga lle dixo, directamente, que ía ter que mentir", explica.

Carlos Míguez soubo que era un neno arredor dos nove anos. "Non me cadraban as cousas e foi aos 13 anos cando coñecín a comunidade trans por Internet", explica o mozo. Agora leva dous anos en proceso de transición e xa conseguiu cambiar o nome no DNI.

"Nos tests psicolóxicos preguntáronme cousas absurdas como se xogaba máis con bonecas ou con coches"

Custa atopar mozas trans que queiran falar sobre a súa experiencia. "Aféctalles especialmente o debate que se xerou arredor das mulleres trans e parte do feminismo", explica Cristina Palacios, presidenta da asociación Arelas. Raquel, de 17 anos, prefire que non se publique a súa fotografía e define o momento de transicionar como "lo mejor que me pasó en la vida porque sabía que iba a convertirme en la persona que siempre quise ser en mi cabeza". Cun historial de acoso escolar e varios intentos de suicidio ás súas costas, agora espera para realizar unha operación de reasignación de sexo, se ben a cirurxía xa non é requisito para cambiar a documentación dende e lei de 2007.

"Con la nueva ley nuestra vida mejorará en muchos sentidos porque no necesitaremos informes médicos", conta a moza, que explica que dende nova se vestía con roupa da súa nai e perrucas. "Yo sabía que quería ser así, una mujer", conta.

OS PAIS. A realidade trans en menores implica a toda a familia e, en moitos casos, obriga aos pais a facer un reseteo mental para entender o que lle ocorre aos seus fillos. Iso foi precisamente o que lle ocorreu a José Manuel Costa, tamén de Vilagarcía, pai dun neno trans.

"Hai xente que pensa que isto é un invento dos hippies, pero eu son unha familia moi normal, bauticei á miña filla e estaba encantado cunha nena á que lle gustaban as motos e o fútbol, pero el expresou dende sempre que era un neno", conta Costa, contra o argumento que di que moitos pais decidirán que a súa filla é un neno se lle gustan "cousas de nenos". "Eu mesmo tratei de reconducilo, por descoñecemento, porque iso non debe facerse, pero dicíalle moitas veces que podía ser unha nena e levar o pelo corto ou xogar ao fútbol, pero foi el o que o tivo claro", conta o pai.

"Eu tratei de ‘reconducilo’ dicíndolle que podía ser nena e xogar ao fútbol, foi el o que o tivo claro"

O neno, que prefire manter no anonimato, ten agora sete anos e fixo a transición aos cinco, converténdose no neno máis novo da asociación Arelas. Polo de agora non recibiu ningún tipo de tratamento hormonal, debido á súa idade. "Cando chegue o momento, falaremos con el e será el quen decida se quere tomar bloqueadores hormonais e hormonas. Agora, cando lle preguntamos, di que non quere ter peitos como mamá, di que el será como papi", conta.

José Manuel Costa explica o proceso de transición como unha época que lle supuxo "moitas noites sen durmir e moitas explicacións". Recorda especialmente o momento no que unha psicóloga o informou do elevado número de suicidios entre adolescentes trans sen apoio familiar. "Aí quedei en shock e convencinme de que ía estar sempre ao lado do meu fillo", termina.

"Ten que haber un debate sobre a norma, pero ten que incluírnos ás persoas trans"

O pontevedrés Brais Fernández comezou a súa transición hai tres anos. Polo camiño, pasou por cinco tests psicolóxicos e foi o primeiro menor trans galego que conseguiu que o Sergas conxelase os seus ovocitos para poder xestar nun futuro. Pensa que a súa experiencia, e a do resto das persoas trans, ten que escoitarse á hora de debater sobre a pertinencia da nova lei. "Claro que hai que detaber sobre a lei, coma todo, pero penso que o debate que se está dando é moi impersoal, Ten que incluírnos ás persoas trans. Ninguén se pregunta cales son as consecuencias para nós de quedar como estamos ou avanzar con esta lei", conta o mozo.

Sobre o percorrido que emprende un menor trans e a súa familia para transicionar, conta que está cheo de confusión. "Hai poucos protocolos, sínteste desamparado, é como se non existísemos", conta. Neste sentido, o mozo asegura que o éxito no proceso de transición depende, sobre todo, da sorte.

"En temas sanitarios e educativos depende do profesional co que deas, se tes sorte e comprende máis ou menos a túa realidade", conta á vez que asegura que el, por exemplo, contou co apoio da súa familia e o azar quixo que a xuíza que decidiu o seu cambio de sexo foi "moi amable". "A miña nai insistiu moito para que o cambio se levase a cabo", conta, xa que moitos menores trans atopan coa oposición da súa propia familia á hora de dar o paso de transicionar.

"Eu penso que a transición nunca para. Agora estoume hormonando, pero pode que chegue un momento no que queira xestar, teño claro que quero ser pai", explica o mozo, que emprendeu unha batalla xudicial para que o Sergas garantise a súa saúde reprodutiva.

Sobre algúns casos que teñen saído nos medios de comunicación de persoas que volven atrás e fan o camiño contrario volvendo ao seu xénero anterior, asegura que non coñece ningún. "Estase falando de casos que ocorreron, pero que son moi puntuais. Eu non coñezo a ningunha persoa trans que volvese atrás. Entendo que é un argumento moi potente que impacta a quen non coñece a realidade trans, pero son excepcións ", conta o mozo, que asegura que unha persoa que realiza un longo proceso administrativo e médico está moi segura do que quere. "Coa lei actual ata tes que presentar probas como capturas de pantalla de chats nas que se vexa que as persoas do teu círculo te tratan conforme ao xénero que dis ter", explica o mozo de Pontevedra.

Adolescentes á espera dunha lei para poder ser
Comentarios