Jueves. 21.03.2019 |
El tiempo
Jueves. 21.03.2019
El tiempo

O acusado do incendio de Ribeira atribúe á "presión" a súa confesión inicial

O acusado de provocar un lume en agosto de 2013 en Ribeira. XOÁN REY
O acusado de provocar un lume en agosto de 2013 en Ribeira. XOÁN REY

Un axente forestal di que o viu no lugar "con cara desencaixada" e el asegura que só colaborou "cargando auga"

O acusado do incendio rexistrado en Ribeira en agosto de 2013, que puxo en risco ao polígono industrial e ao Hospital do Barbanza e obrigou a cortar a autovía durante horas, negou os feitos ao asegurar que el ese día, na súa condición de voluntario de Protección Civil, só colaborou na extinción "cargando camións de auga" nunha rotonda próxima ao núcleo urbano da localidade.  Na súa declaración, a preguntas do seu avogado e tamén do presidente da sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, Ángel Pantín, atribuíu a súa confesión inicial a "presión" por parte dos axentes policiais, que estaban moi "encima" del. 

Pola súa banda, un axente forestal que declarou como testemuña sinalou que o viu "con cara desencaixada" nun lugar onde prenderan as chamas. "Materializouse alí o paisano", subliñou, antes de indicar que existían rumores sobre que este mozo "sempre" aparecía en escenarios de lumes. "Vino a el só, con cara desencaixada, e o que pensei foi: foi este tío, está acolloado coa que montou", apostilou.

PIDEN 15 ANOS. O fiscal, Mario Piñeiro, que pide para el 15 anos de prisión por un incendio que calcinou case 200 hectáreas, interrogouno sobre por que "non contou até hoxe" o relato segundo o cal ese día repartiu o pan cun amigo, logo foron a dar para comer a dous cabalos que tiñan nunha leira do seu avó, comeu, durmiu a sesta e volveu á leira.  De acordo con esta versión, a dada polo acusado este mércores durante o xuízo, non foi até máis tarde que recibiu unha chamada de Protección Civil, motivo polo cal se desprazou (na furgoneta da panadaría dos seus pais, de novo, segundo afirma, conducida polo seu amigo, xa que el non ten carné) á rotonda onde axudou a fornecer aos medios de extinción. 

"Non puiden contalo pola presión que tiña", respondeu, ante o que o representante do Ministerio Público lembroulle que, ademais de ante a Policía Autonómica, tamén despois, na súa primeira comparecencia en sede xudicial, confesou ser o causante do lume. "Dixo que tivo ganas de ouriñar e que tirou un cigarro", apuntou Piñeiro. 

Ante esto, o acusado afirmou non ter constancia de soster que puido ocasionar el o lume por tirar ese cigarro, aínda que si confirmou que despois, a cuestións do seu letrado, dixo que todo iso era mentira. Nun punto do interrogatorio no que o presidente da sección, Ángel Pantín, interveu para pedir algunha aclaración, acabou chamando a atención á avogada da defensa, á que pediu que non movese "tanto" a cabeza

Antes da declaración das testemuñas, a sala visionou varios vídeos de cámaras de seguridade da autovía e doutros viarios. Despois foi a quenda para os axentes de policía e os dous primeiros coincidiron en que o acusado se presentou "voluntariamente" ante eles para dicir "que lle pasou algo coa noiva, foi a por unhas cervexas e logo tirou un cigarro". Iso, segundo expuxeron, motivou a detención a ordes do seu instrutor, cuxa comparecencia foi máis breve e na que ratificou que "si" houbo unha ameaza seria para o hospital.

"SABÍA COMO TRABALLAR". O axente forestal, despois, asegurou que, cando ese día ía apagar un dos focos que se localizaron na zona, apareceulle " detrás", aínda que non puido confirmar se era o único ocupante do "vehículo vermello" do que lle viu baixar. "Sabía como traballar. Subiuse á motobomba e púxose a colaborar como un máis", indicou, após referirse ao vestiario que levaba, adecuado para a extinción. Ante esto, Pantín mostrou a súa sorpresa por que lle deixasen traballar na extinción do incendio, se non formaba parte da brigada: "Por que lle deixaron?", incidiu, e o axente forestal respondeu que "porque era un membro de Protección Civil". 

Ante a falta dunha testemuña, outro voluntario de Protección Civil que finalmente comparecerá este xoves (cando se realizará tamén a pericial) debido a que está no cárcere de Teixeiro, a seguinte testemuña foi outro brigadista da Xunta que relatou os motivos polos que o incendio lle pareceu "provocado" nunha xornada de "vento" e altas temperaturas. 

O acusado do incendio de Ribeira atribúe á "presión" a súa...
Comentarios