miércoles. 27.10.2021 |
El tiempo
miércoles. 27.10.2021
El tiempo

"A Academia é unha institución preocupada polo país e non frivoliza"

Víctor Fernández Freixanes. RAG
Víctor Fernández Freixanes. RAG
Un estudo da RAG constata a caída en picado do uso do galego entre a xente nova

Di que a Academia pelexa duro por adaptarse aos tempos e defende que é unha institución imprescindible no contexto cultural e social galego. Víctor Fernández Freixanes (Pontevedra, 1951), mestre da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago, xornalista e escritor recoñecido (Premio da Crítica en dúas ocasións), editor fundamental da historia contemporánea galega (primeiro en Xerais e despois en Galaxia), foi elixido por primeira vez presidente da Real Academia Galega (RAG) en 2017. O pasado sábado 24 de abril foi reelixido.

Como asume esta nova etapa á fronte da RAG?

Co compromiso e coa ilusión da primeira. Valorei o apoio dos compañeiros e compañeiras que me daban a opción de continuar. Vendo que, despois de catro anos, aínda había cousas a medio facer, pareceume que formaba parte da miña responsabilidade dicir que si e continuar.

Hai debates na Academia porque ten que habelos, pero prima a convivencia e o respecto ante as discrepancias

Cando asumiu a presidencia por primeira vez, a Academia viña de superar unha etapa un tanto convulsa, na que se falou moito das loitas internas dentro da institución. Son para tanto eses enfrontamentos?

A Academia é unha institución plural e democrática con opinións diversas e, polo tanto, hai debates. Ten que habelos. Pero eu diría que prima un clima de convivencia e respecto, mesmo aínda que haxa discrepancias, que as hai. Nese aspecto non teño queixas dos académicos e académicas. Estamos todos empuxando polo mesmo dende unha institución cunha historia centenaria detrás.

Unha institución centenaria que soubo adaptarse aos tempos?

Eu sempre digo que a Academia é como un transatlántico no medio da ría. Móvese lentamente porque é iso, un transatlántico, non unha planeadora, que certamente é moito máis rápida, métese entre as rochas e brinca de aquí para alá, pero que non ten a súa forza e transcendencia. Un transatlántico necesita manobrar amodo porque move moitas toneladas de peso e de responsabilidade. Por tanto, hai que sabelo manexar. Poñelo ao día e telo permanentemente actualizado é complicado, pero efectivamente é parte da nosa responsabilidade. E eu creo que avanzamos bastante. Calquera que siga hoxe as actividades da Academia verá que se mantén todo o traballo científico, pero que se avanzou moito no plano da comunicación. PA Academia debe ter capacidade para comunicar o que fai e que a xente coñeza o valor do que hai aí. A maiores hai un compromiso persoal e do meu equipo por conectar coas novas xeracións. Queremos que a Academia sexa tamén nun escaparate do que fan os novos creadores coas súas linguaxes, co audiovisual e as novas tecnoloxías.

A conexión coa xente nova é o reto máis importante da RAG de cara ao futuro?

Efectivamente. Mira, a Academia estalle facendo agora mesmo un servizo obxectivo á sociedade, que é o dicionario en liña. Temos máis de 110.000 consultas diarias do dicionario. O ano 2020 rematámolo con máis de 38 millóns e medio de consultas. Son cifras moi espectaculares, tendo que conta que dispoñemos duns recursos moi limitados. Por outra banda está o traballo que facemos no ámbito da onomástica e da toponimia. Ao lado de todo iso a min gustaríame que fi gurara o traballo cos novos creadores. Ás veces valoramos a lingua unicamente polo texto escrito, pola literatura, e está ben, eu mesmo procedo do mundo da escrita, pero hai que estar atento tamén ás linguaxes que máis lle interesan ás novas xeracións, sabendo que a Academia non é unha produtora de vídeo nin a responsable das políticas culturais e lingüísticas do país. Outra cousa é que si que poidamos promover e animar iniciativas que nos leven a avanzar na dirección adecuada.

Outro reto pendente da Academia é incorporar máis mulleres. Actualmente no pleno son seis dun total de 25 membros. Tres delas forman parte do seu equipo directivo: Margarita Ledo, Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre.

Que estean no meu equipo directivo non é nin un mérito meu nin da Academia, é unha realidade social. Falamos moito deste tema dentro da institución. A medida que imos renovando académicos e incorporando académicos correspondentes aumenta o número de mulleres. E non cabe dúbida de que este proceso é imparable. Esta executiva responde simplemente a unha realidade social.

Isto é un transatlántico: manobra lentamente porque son moitas as toneladas de peso e responsabilidade que move

De que está máis orgulloso da etapa que vén de rematar?

Da convivencia dentro da Academia. Diso que che comentaba antes, de conseguir poder falar de todo dende o respecto e tendo en conta esas diferenzas que deben existir, porque é de onde sae a riqueza. As sociedades modernas son sociedades plurais. E, despois, desa liña de traballo da que che falei que pasa por ir incorporando novas voces e novos creadores que están facendo cousas interesantes. Todo isto dará os seus froitos no futuro.

O ano pasado foi de seguro o máis duro da historia recente da Academia ao ter que enfrontar, como o resto da sociedade, a pandemia por coronavirus. Houbo voces que criticaron abertamente que a situación impedira celebrar as Letras Galegas adicadas a Carvalho Calero como era debido.

Volvemos á diversidade de opinións. A Academia estudou este tema en profundidade. Non improvisou. Ata o último momento tratou de atender as cousas coa maior dignidade posible. Carvalho Calero para nós é unha figura fundamental na cultura galega contemporánea e, por tanto, fixemos todo o posible para que quedase así recoñecido. É máis, atreveríame a asegurar que en ningún personaxe se puxo tanta atención como neste dentro das posibilidades das que dispoñemos: novas tecnoloxías, publicacións... A figura de Xela Arias non vai enfrontar a celebración en mellores condicións. Navega nun mar de dificultades. E despois dela, virá outro. O que nós non queriamos era que a situación nos puidese. Queriamos avanzar coa máxima normalidade posible. A maiores, todo o que queira seguir traballando arredor de Carvalho Calero ten á súa disposición todas as publicacións e todo o traballo realizado dende a RAG. E o mesmo pasará con Xela Arias. Porque cando eliximos a figura á que se lle adicará o Día das Letras Galegas sempre o facemos pensando na significación da persoa, pero tamén en ampliar a súa proxección social, coa intención de seguir enriquecendo a nosa cultura. Cada ano é unha achega diferente. O mundo de Carvalho Calero, con todo o que significou despois da Guerra Civil e ata a segunda parte do século XX, é moi diferente ao da xeración dos anos 80 e ao de Xela Arias.

O que está pasando coa lingua obriga a unha reflexión, pero hai quen prefire pechar os ollos ou autoenganarse

Poucos días despois de ser reelixido presidente, volveu a aparecer vostede nos medios de comunicación mostrando a súa preocupación por un estudo presentado polo Seminario de Sociolingüística da RAG que constata que segue caendo en picado o uso habitual do galego entre a mocidade.

É un dos nosos grandes desafíos e unha das nosas máximas preocupacións. Temos que conectar coa mocidade. Non debemos deixar que se rompa a transmisión xeracional da lingua. A esa xente nova hai que darlle material de uso, non só na escola, senón tamén na vida. Porque a lingua non é só un conxunto de pronomes mellor ou peor colocados, a lingua é tamén o uso social e a realización que unha sociedade ten a través do seu idioma. Aquí xa nos metemos que cuestións de política lingüística, pero é evidente que hai que darlle á mocidade espazos de comunicación, de ocio, de afirmación, saídas profesionais... Como pode ser que ver unha película en galego sexa algo excepcional? Por que non se dobra máis ao noso idioma, por exemplo? Ou por que non se subtitulan máis filmes en galego? Debuxos animados, videoxogos, música... Aí é onde hai que apostar pola produción cultural en galego. Se non, imos acabar por facer da escola un gueto do galego e todo se reducirá a darlle voltas aos pronomes e aos sintagmas, cando a vida é outra cousa.

Sen embargo, ao día seguinte de facerse pública a análise da RAG, o conselleiro de Cultura defendeu no Parlamento a política lingüística da Xunta e asegurou, entre outras cousas, que se estaba a reforzar o galego como lingua maioritaria de Galicia.

O conselleiro defende a súa política. Pero nós non estamos emitindo unha opinión, estamos ofrecendo datos reais e poñémolos enriba da mesa. Por iso ás veces tardamos tanto tempo en dar información, porque o que facemos son estudos contrastados e documentados. Calquera pode consultalos. A nosa análise ofrece datos obxectivos e incuestionables. Se alguén quere mirar para outro lado e non quere interpretalos, se alguén prefire enganarse a si mesmo, pechar os ollos ou construír discursos xustificativos, mal asunto. O que está pasando obriga a reflexionar seriamente sobre a política cultural, lingüística e educativa deste país. É necesaria autocrítica para tratar de comprender que está fallando, que non estamos facendo ben. Iso sería unha proba de intelixencia política.

Ten a sensación de que a RAG se enfronta a unha sociedade e a uns políticos case sempre á defensiva?

Si e non. É certo que sempre está aí esa sensación de enfrontarnos a nós é dalgunha maneira enfrontar o poder, os que teñen o poder simbólico, cultural, etc. Pode ser que haxa nalgún ámbito esa sensación de que nós cocemos todo aquí dentro entre nós dende unha posición de autocomplacencia, pero non é así en absoluto. A Academia é unha institución moi preocupada pola situación do país e que nin frivoliza nin está todos os días lanzando comunicados. Cando a RAG fai público calquera informe é porque o ten ben documentado. A nosa obriga é esa como a doutros é actuar en consecuencia. E, se non o fan, nós respondemos coas ferramentas das que dispoñemos, mesmo chegando ao Tribunal Europeo, como xa fixemos. Que despois, como dicía antes, atopamos a quen prefire para mirar para outro lado, ben, para min esa non é a solución.

De non cambiar as cousas, imos facer da escola un gueto do galego e todo acabará reducido a darlle voltas aos pronomes

"A Academia é unha institución preocupada polo país e non frivoliza"
Comentarios