jueves. 28.10.2021 |
El tiempo
jueves. 28.10.2021
El tiempo

Absolta a exalcaldesa de Betanzos por un contrato sen "intencionalidade maliciosa"

María Dolores Faraldo. EP
María Dolores Faraldo. EP

A Audiencia non aprecia en María Dolores Faraldo, exdeputada do PP no Parlamento de Galicia, "conciencia da ilegalidade ou da arbitrariedade que se cometeu"

A exalcaldesa de Betanzos e exdeputada do PP no Parlamento galego María Dolores Faraldo foi absolta dun suposto delito de falsidade documental en concurso cun delito de prevaricación administrativa por un contrato irregular que non tivo "intencionalidade maliciosa". Unha sentenza da sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña, do pasado 16 de marzo, á que tivo acceso Efe, absolve tanto a Faraldo como ao director do Conservatorio da localidade e a un profesor, que sentaron no banco dos acusados en febreiro.

Os feitos que levaron ao xuízo empezaron en 2009, cando o director do Conservatorio propuxo a Faraldo a contratación do profesor, debido ao exceso de traballo, o que se materializou en formato de falso autónomo á marxe dun concurso público.

A sección sostén na sentenza que "os feitos axuizados e declarados probados non son constitutivos dos delitos" e engade que o citado docente "non foi máis que a vítima da contratación irregular". Censura, ademais, o feito de que o Concello, actualmente gobernado polo PSdeG, personado como acusación particular realizase "unha interpretación moi selectiva da imputación", ao manter a acusación só contra a exalcaldesa.

O tribunal entende que Faraldo, "médico de profesión sen formación xurídica" deu "unha versión crible" sobre o ocorrido, pois mantivo que a contratación como falso autónomo era algo que se produciu en repetidas ocasións antes de chegar ao cargo. "O problema que se estaba expondo era temporal e urxente, consultou coa Intervención as condicións para os contratos menores, que estas eran que a súa duración non excedese dun ano, e que non supuxese un desembolso de máis de 18.000 euros", detalla a sentenza.

Sostén, ademais, que "da declaración dos tres acusados non é posible deducir ningún acordo de vontades para favorecer a unha determinada persoa e, á marxe do procedemento legalmente establecido, colocar como falso autónomo ao que non é outra cousa que persoal laboral saltándose os procedementos de concurso público, publicidade, mérito e capacitación".

Respecto da acusación de prevaricación, a Audiencia Provincial lembra que para que se produza este delito é "precisa a clara conciencia da ilegalidade ou da arbitrariedade que se cometeu". "Non apreciamos intencionalidade maliciosa con relevancia penal no momento da contratación", continúa o fallo, que lembra que o secretario do Concello non alertou "da irregularidade da contratación" ou, se o fixo, non quedou probado.

Por todos estes motivos, a Audiencia absolve aos tres acusados, aínda que é posible interpor un recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Absolta a exalcaldesa de Betanzos por un contrato sen...
Comentarios