A restauración da figura da catedral custou entre 10.000 e 12.000 euros

A Xunta alega que a vixilancia do centro histórico e da Catedral de Santiago é "responsabilidade" do Concello 

Román Rodríguez ante la figura del siglo XII de la catedral ya sin restos del grafiti. LAVANDEIRA JR.
photo_camera Román Rodríguez ante a figura do século XII da catedral xa sen restos do grafiti. LAVANDEIRA JR.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, cifrou este xoves o custo dos traballos de restauración da figura do século XII da fachada da Catedral de Santiago que apareceu pintada con rotulador azul en entre 10.000 e 12.000 euros. As obras, dixo, realizáronse nun tempo "récord", xa que se iniciaron o mesmo luns pola noite e concluíron este mércores. Os traballos efectuáronse coa maquinaria de restauración do Pórtico da Gloria. "Se non a tivésemos xa aquí, sería máis cara", asegurou. 

"Tendo en conta que é unha pintada pequena, imaxinemos que se fixese máis grande. Sería un custo importantísimo, ademais de que estas accións prexudican algo vital para a nosa cultura e economía", reivindicou. 

Pola súa banda, o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, celebrou o resultado "óptimo" que conseguiron os técnicos de restauración, que son os seus "colaboradores habituais" baixo a dirección da responsable de conservación da institución, Noelia Márquez. Explicou, ademáis, que o proceso de recuperación foi "delicado", porque "se debería procurar que non se perdese volume da masa de mármore" da figura. 

De igual modo, subliñou que a Fundación colocou un cártel de 'non tocar' co que buscan que os visitantes "non toquen esa peza" que sufriu o acto vandálico "nin a fachada", porque, prosegue, "ten 900 anos e a pedra ten alteracións". 

VIXILANCIA. O autor da pintada aínda non foi identificado. Ao respecto, o conselleiro alegou que os labores de vixilancia tanto do centro histórico como da fachada da catedral de Santiago son "responsabilidade" e "ámbito" da Policía Local e do Concello.  A preguntas dos medios, o titular de Cultura da Xunta expresou este xoves que tanto o Consistorio como as súas forzas de seguridade "teñen que ser conscientes" de que a zona vella é unha "xoia cultural, case un museo ao aire libre". 

Por iso, afirmou que o Concello ten a "obrigación de manter a seguridade e a convivencia" dun espazo "tan simbólico e tan singular" como a cidade de Santiago de Compostela, distinguida como Patrimonio da Humanidade desde 1985. Ademais, cuestionado sobre se se prevé aumentar as cámaras na zona, insistiu en que, aínda que "todo o que sexa contribuír a preservar e prever" o vandalismo nos monumentos é "positivo", este traballo é "responsabilidade" do Concello. 

Neste sentido, o conselleiro destacou que as cámaras de seguridade existentes na zona "non son suficientes" para detectar o infractor, polo que lle desexou "éxito" á Policía na identificación do responsable desta "barrabasada", segundo as súas palabras. 

Comentarios