domingo. 25.08.2019 |
El tiempo
domingo. 25.08.2019
El tiempo

Unhas 500 persoas poderán visitar de balde o Pórtico da Gloria cada semana

Colas para entrar no Pórtico da Gloria. LAVANDEIRA JR (EFE)
Colas para entrar no Pórtico da Gloria. LAVANDEIRA JR (EFE)

As visitas gratuítas serán de luns a sábado de 19.00 a 20.00 horas e os domingos de 18.30 a 20.00 horas ► Durarán uns 15 minutos

O renovado Pórtico da Gloria poderá visitarse de forma gratuíta até sete horas e media á semana, en grupos organizados que permitirán o acceso a un total de 550 persoas, aínda que o tempo de estancia dos visitantes limitarase a 15 minutos nestes casos e non a 45 como se establece nas entradas de pago. 

A Catedral de Santiago, a través dun comunicado, informou da regulación das visitas gratuítas ao conxunto escultórico de Mestre Mateo. Poderase ver, sen cargo, unha hora de luns a sábado, de 19.00 a 20.00 horas, e en hora e media, de 18.30 a 20.00 horas, o domingo

Fronte ás catro horas de visita obrigatoria gratuíta establecidas pola Lei de Patrimonio Cultural ao tratarse dun Ben de Interese Cultural, a Catedral destaca que serán sete horas e media –30 mensuais– as que se poderá acceder gratis, sen ter que pagar os 10 euros, en entrada xeral, que se comezarán a cobrar cando o Pórtico volva abrirse ao público. 

No caso do estudantado, peregrinos, persoas desempregadas e maiores de 65 anos a entrada será de 8 euros, custe reducido, 2 para os escolares e gratuíta para os amigos da Catedral. A visita combinada ao Pórtico, á colección permanente do Museo Catedral e a Compostela Sacra ascenderá a 12 euros, reducida a 10 e para escolares a 3. 

O malestar xerado polo anuncio do cobro para unha obra cuxa rehabilitación tivo un custo de 6,2 millóns de euros –financiados pola Fundación Barrié–, levou a que no Parlamento galego, o pasado setembro, os grupos políticos, por unanimidade, tras unha proposta do PsdeG, instaran á Xunta a que acordase coa Igrexa a visita libre e gratuíta ao Pórtico polo menos catro días ao mes. 

A Catedral volveu xustificar o cobro de entrada no obxectivo de "aproximarse ao auto sostemento, con recursos propios, do esixente mantemento que demanda o Pórtico".

Unhas 500 persoas poderán visitar de balde o Pórtico da Gloria cada...
Comentarios