sábado. 19.10.2019 |
El tiempo
sábado. 19.10.2019
El tiempo

'Os 19 de Meirás' esixen no Parlamento a devolución gratuíta do pazo

Protesta del BNG en Meirás. AEP
Protesta del BNG en Meirás. AEP

O colectivo de dezanove militantes nacionalistas procesados polo asalto simbólico ao Pazo de Meirás levado a cabo o pasado mes de agosto protestan á entrada do Hórreo

O colectivo de dezanove militantes nacionalistas procesados polo asalto simbólico ao Pazo de Meirás levado a cabo o pasado mes de agosto, autodenominados os 19 de Meirás, esixiu este mércores na entrada do Parlamento de Galicia a devolución gratuíta a patrimonio público deste inmoble.

O membro da Executiva do BNG Néstor Rego actuou como portavoz deste grupo e mostrou a súa adhesión, no día no que se debaten varias propostas, á proposición non de lei presentada polo seu partido para a recuperación do pazo, na que se inclúe unha cláusula que pretende vetar calquera posible indemnización económica á familia Franco.

"Esperamos que deste debate salga unha posición clara que supoña que hai un acordo institucional para que o Pazo de Meirás sexa devolto ao pobo galego de forma gratuíta", sostivo Rego, quen engadiu que calquera compensación sería unha "burla" ás vítimas do réxime franquista.

De igual forma, o portavoz nacionalista declarouse orgulloso de que a toma simbólica do edificio do pasado verán "contribuíse a que socialmente esta demanda –a da súa devolución- fora aínda máis visible".

Á súa chegada ao Lexislativo galego, os 19 de Meirás foron recibidos pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, a quen lle agradeceron a súa "solidariedade" coas persoas denunciadas e para as que a acusación, conformada pola familia do ditador e a Fundación Nacional Francisco Franco, pide penas de cárcere.

Na súa intervención ante os medios, Rego quixo trasladar tamén o seu apoio aos activistas que o próximo 18 de xullo se enfrontan a un xuízo similar na Coruña por outra "acción simbólica" ante a Casa de Cornide, outro dos bens "expoliados" polo Franco.

'Os 19 de Meirás' esixen no Parlamento a devolución gratuíta do pazo
Comentarios