Zapatero abre o curso político prometendo subas nas pensións mínimas

O presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero abriu hoxe o curso político e, como xa fixera onte o líder da oposición, Mariano Rajoy, fíxoo com promesas. Durante a súa xa tradicional intervención na festa mineira astur leonesa en Rodiezmo (León), Zapatero anunciou unha "suba das pensións mínimas ao dobre da suba media das pensións".

Para encarar este último curso político da lexislatura, semella que o presidente do Goberno optou por recurrir aos clásicos: as pensións nunca fallan. Neste caso, Zapatero quixo centrarse nos cidadáns que cobran os subsidios máis baixos, para anunciarlles unha suba na prestación que cada mes chegará aos seus petos.

O líder do PSOE anunciou que proporá aos sindicatos "un esforzo singular" para o colectivo de pensionistas e persoas viúvas que cobran as prestacións máis baixas, para que perciban mensualmente 110 euros máis. Ou o que é o mesmo, 1.500 euros anuais máis nos petos. Deste xeito, segundo recalcou Zapatero, acadaríase unha suba do 60% ao longo de toda a lexislatura.

No seu discurso trala festa mineira, o presidente do Goberno central confirmou tamén o anuncio feito polo ministro de Traballo e Asuntos Sociais, Jesús Caldera, segundo o cal o permiso de paternidade pasaría a ter unha duración dun mes, fronte aos 15 días da actualidade.

Comentarios