Un buque afunde en Eivissa e causa un verquido de gasóleo

O buque mercante Don Pedro, da navieira Iscomar, afundiuse esta madrugada preto do porto de Eivissa con vinte persoas a bordo que foron rescatadas por Salvamento Marítimo sen lesións de gravidade.

O barco, que estaba cargado con 150 toneladas de gasóleo, atópase a uns 40 metros de profundidades e os danos no casco causaron unha fuga do combustible. Segundo fontes de Salvamento Marítimo, unha barreira despregada na zona do naufraxio está evitando que o escape se propague.

Varias empresas do Servizo de Calidade de Augas da Consellería de Medio Ambiente traballan nas labores de contención nunha tentativa de minimizar tamén o impacto do hidrocarburo. Segundo as mesmas fontes, un helicóptero con material e recursos humanos para colaborar nas tarefas de limpeza e erradicación da contaminación marítima chegou este mediodía á illa.

Paralelamente, un avión viaxará dende Galicia con material e persoal especializado na localización de manchas para colaborar nas labores de limpeza. Será o persoal galego o encargado de realizar as inmersións que permitan cuantificar con exactitude o tamaño do verquido.

O accidente produciuse ó redor das tres da mañá, dez minutos despois de que o buque zarpase de Eivissa rumbo a Valencia, ó chocar coa Illa de Daus, a unha milla náutica do porto. O Don Pedro sustituía nesa ruta de Iscomar ó transborador Carmen del Mar, inmobilizado nun porto alacantino por falta de seguridade e hixiene dende o pasado 2 de xullo.

Comentarios