Salvamento Marítimo confirma o empeoramento da situación en Eivissa

 A directora xeral da sociedade estatal de Salvamento Marítimo, Pilar Rojo, recoñeceu este mediodía en rolda de prensa que se produciu un importante empeoramento da situación en Eivissa, ó confirmar que o fuel que mana do cargueiro afundido o pasado mércores acadou xa a zona de litoral situada fronte ó parque natural de ses Salines.

Rojo sinalou tamén que o ministerio de Fomento decidiu acelerar os plans de extracción do fuel e do aceite hidráulico que o cargueiro segue a verquer no mar.

As declaracións chegan despois de que esta mañá os buzos que realizan inspeccións rutinarias no Don Pedro detectasen outras tres novas fugas de combustible, aínda que de pequenas dimensións e intermitentes. Así o indicaba o director xeral de Calidade Ambiental e Litoral de Baleares, Josep Lliteres.

Un pequeno regueiro
Os escapes prodúcense despois de que onte se desen por seladas todas as fisuras do barco, e de que ministra de Fomento, Magdalena Álvarez, asegurase que a mancha de fuel de 3,5 millas de longo por media de ancho era xa un “pequeno regueiro”.

Entre o venres e o sábado recolléranse, segundo a ministra, unhas trinta toneladas de combustible procedente do cargueiro, afundido a unha milla náutica do porto da illa balear e a uns 43 metros de profundidade.

As fontes do Concello aseguran que as praias que seguen pechadas como medida de precaución pola presenza de fuel no litoral se atopan “en bastante o estado” a día de hoxe.

Demanda de Greenpeace
A organización ecoloxista Greenpeace presentou unha demanda contra a navieira Iscomar, propietaria do mercante afundido, perante a Fiscalía de Baleares para determinar se aquela incurriu nun delito ambiental como consecuencia do verquido ó mar que ocasionou o accidente.

Comentarios