"O Rei emérito Juan Carlos I pasou de gozar dun gran carisma a baixar aos infernos el soíño"

O debate sobre se a sociedade española é republicana ou monárquica reviviu estes días trala marcha de España do Rei emérito Juan Carlos I, motivada por unhas supostas contas en paraísos fiscais
Xosé Manoel Núñez Seixas, catedrático de Historia Contemporánea.AEP
photo_camera Xosé Manoel Núñez Seixas, catedrático de Historia Contemporánea.AEP

A FIGURA e o papel histórico do Rei emérito Juan Carlos I está agora en entredito, despois da súa marcha de España cara a un país descoñecido e tralas acusacións que hai contra el pola suposta tenencia de contas bancarias en paraísos fiscais, o que está a ser investigado pola Fiscalía do Tribunal Supremo e tamén en Suíza.

O catedrático de Historia Contemporánea da USC Xosé Manoel Núñez Seixas analiza a situación e o contexto políticos actuais e, malia a caída de popularidade do Rei emérito, opina que a sociedade española segue a apoiar a monarquía como unha institución garante da actual configuración territorial de España e da Constitución e o réxime democrático en vigor desde hai máis de 40 anos.

A recente marcha, fóra do país, do Rei emérito Juan Carlos I é algo tan excepcional na historia de España ou houbo máis casos similares?
Non é a primeira vez que un Rei marcha de España nos dous últimos séculos. Pero foi dun xeito diferente. Por exemplo, Carlos IV e Fernando VII marcharon nunha carroza a Bayona, no sur de Francia, nun pseudosecuestro de Napoleón Bonaparte cando as súas tropas invadiron España. Ademais, en setembro de 1868, Isabel II foi derrocada por unha revolución; Alfonso XIII deixou o país cando foi proclamada a Segunda República e Amadeo de Saboya —que foi Rei entre 1872 e 1873— decidiu abandonar o país pola súa ingobernabilidade. Sen embargo, neste caso, no de Juan Carlos I, todo é diferente: non houbo derrocamento do Rei —de feito, xa era emérito—, nin tampouco proclamación da república. Foi un afastamento para non deshonrar a monarquía como institución fundamentalmente porque, en pleno século XXI, xa non son tolerables pola sociedade as actividades privadas dun Rei emérito que poidan ser susceptibles de responsabilidades penais.

"Esta situación non levará a unha república pero a monarquía ha de recuperar o prestixio"

Traerá esta marcha consecuencias na futura configuración do Estado español? De que maneira se podería resentir a monarquía?
Juan Carlos non era o Rei titular. Era o Rei emérito, unha figura estrana. Non obstante, cumpriu como Rei un papel protagonista na historia recente de España e pasou de gozar dun gran carisma a baixar aos infernos el soíño. Nos anos 80 e 90, falábase en todo o mundo da exemplaridade da Familia Real española, da que destacaba a súa sobriedade, e os fillos dos Reis casaban con persoas que non pertencían á realeza. Pero todo cambiou na segunda década do século XXI. En 2012, abdicou como rei Juan Carlos I. Os escándalos financieiros e a investigación xudicial contra o seu xenro, Iñaki Urdangarin, tiveron unhas consecuencias negativas sobre a popularidade da monarquía. Pero, de todos os xeitos, non creo que esta situación vaia levar á implantación próxima dunha república en España. Iso si, a monarquía terá que desenvolver unha estratexia para recuperar o prestixio.

Que opinión lle merece, como historiador, que Juan Carlos I non aclarase a onde ía, na carta que deixou escrita informando da súa marcha do país, nun sistema democrático como o que hai actualmente en España?
É un comportamento anómalo, foi unha pseudofuga. Isto non lle fai ben á institución monárquica. Vén sendo como un desaire. As monarquías de hoxe teñen que ter algún tipo de auga. Os membros da monarquía han de estar por riba dos demais, como exemplo de comportamento, aínda simbolicamente. A corrupción na monarquía, no século XXI, é algo non aceptable. E isto non ten nada que ver con ter ou non negocios privados. Alfonso XIII, o avó de Juan Carlos, tiña intereses nas compañías mineiras en Marrocos e foi promotor das primeiras películas pornográficas que se fixeron en España, hai un século.

Foi esta a mellor forma de encarar as acusacións sobre o cuestionado comportamento do Rei emérito?
Foi unha saída do país máis ou menos pactada. Agora que se iso evita o escándalo... haberá que velo. Aquí, en España, non se fala tanto do asunto pero na prensa alemá, por exemplo, fálase claramente do 'Rei corrupto' e mesmo 'fuxido da xustiza'.

Podería ser esta saída do Rei emérito a porta da Terceira República?
Non creo que se houbese hoxe un referendo saíse unha maioría social republicana. Máis ben me parece que gañaría a monarquía. Instaurar agora unha república supoñería reformar a Constitución para deseñar unha nova estrutura territorial, onde quizais afloren os conflitos nacionalistas e iso xeraría inestabilidade. É máis, mesmo unha parte da deReita que non era nada monárquica agora volve defender a monarquía como unha continuidade histórica porque cuestionar a monarquía debilita a unidade da nación española. Iso foi o que pasou desde Isabel La Católica ata o Rei actual.

Falouse, nun primeiro momento, de que Juan Carlos veu a Sanxenxo e despois foi a Portugal. Que lle pode ofrecer este país ao Rei emérito?
O Rei viviu en Estoril e durante a ditadura católica de Oliveira Salazar este país foi o refuxio dourado do Rei rexente de Hungría e das familias reais da Europa do Leste derrocadas polo comunismo.

Resulta chocante que a sociedade española se altere coa suposta actividade corruptiva do Rei cando xa hai anos que este tipo de escándalos salpicaron practicamente a toda a clase política, sen diferenzas entre partidos e ideoloxías... A tolerancia cara a corrupción desde a crise económica é inferior. A corrupción vaise aceptando nas institucións locais pero sempre se considerou que a corrupción non estaba nas altas institucións do Estado, por iso choca máis. A cuestión agora é saber se o Rei Felipe se manterá á marxe do seu pai.

"En pleno século XXI xa non son tolerables pola sociedade as actividades privadas dun rei emérito susceptibles de responsabilidades penais"

Pero o caso é que, ao longo da historia de España, moitos monarcas foron corruptos e, en cambio, a monarquía seguiu sobrevivindo...
A monarquía sobrevivía porque supoñía a continuidade da comunidade política, das institucións. Por iso, se lles podía permitir moitas cousas aos monarcas. Os que eran corruptos non eran os Reis, aparentemente. Eran os subordinados. Cando había algún escándalo deste tipo, os Reis apartaban os ministros, que eran os que levaban a culpa. De aí o dito de "Viva o Rei e morra o mal Goberno!". Todo cambia despois da Segunda Guerra Mundial, onde se presenta un novo contexto histórico. Desde entón, a lexitimidade da monarquía vén dada polo comportamento transparente dos Reis. Por iso, ese tipo de comportamentos, supostamente corruptos, non son tolerados agora.

Ben é certo que o carisma que tiña Juan Carlos I perdoáballe algunhas condutas de dubidosa exemplaridade na súa vida privada...
Unha cousa é que botase canas ao aire con algunhas famosas, como se ten comentado, o que era admitido dentro desa cultura política de raigame católica, e que formaba parte da súa esfera privada, e outra, diferente, é cando o escándalo afecta á esfera pública. A todo isto contribuiu tamén a inviolabilidade na prensa da figura do monarca en España durante anos, xa que non só non se contaban estas cousas senón que a Familia Real non podía nin ser obxecto de chistes cando, por exemplo, no Reino Unido iso non pasa, hai chistes da raíña e da súa familia constantemente, é unha institución moito máis forte que en España. Aquí, nos primeiros anos da Transición, houbo unha apertura a todos os partidos e bandeiras pero o que non se toleraba era a bandeira republicana. Había moito medo a que volvese a república. E iso acabou sendo apoiado tanto polo PP como polo PSOE.

É España monárquica? Iso é o que nos di a historia deste país?
A monarquía está presente en España como en case todas as comunidades políticas. A monarquía naceu coa comunidade política hispana, no século XV, e salvo nos anos da Primeira e da Segunda República, sempre a houbo, exceptuando no franquismo.

De todos os xeitos, foi o franquismo o que acabou restablecendo a monarquía en España. Como se entende isto?
Porque houbo un pacto de España cos Aliados, especialmente Gran Bretaña e Estados Unidos, tralo fin da Segunda Guerra Mundial, polo que se garantía unha restauración monárquica. De aí que España fose oficialmente un Reino desde 1947 e adóptase a Marcha Real como himno e a bandeira bicolor pero ao mesmo tempo co aguilucho, para quitar toda connotación monárquica posible. A Franco non lle interesaba que houbese un Rei.

"O franquismo contribuíu a facer esquecer a monarquía"

Como é que se recuperaron tan axiña, tralo ascenso de Franco ao poder, a bandeira bicolor ou a Marcha Real?
A bandeira bicolor foi un empeño das bases sociais do Movimiento, pois esta bandeira estivo prohibida durante a república. Pero incorporóuselle o aguilucho, que era unha invención baseada no blasón da dinastía dos Austrias, dos Habsburgo.

Que era outra dinastía monárquica, anterior á dos Borbóns...
Si, pero esa insignia non pretendía relanzar a monarquía senón o desexo de vincular a España franquista ao imperio da época dos Austrias, cando España tiña un papel preponderante en Europa e acumulaba moitos territorios por todo o mundo. Por iso, se incorporou ese símbolo, que indicaba poder, o que encaixaba totalmente coa ideoloxía do réxime franquista.

E que pasou coa Marcha Real? Como se decidiu incorporar esta música ao himno nun réxime ditatorial e nada monárquico?
Recuperouse esta música para o himno de España pero non se restaura a letra monárquica de José María Pemán. A declaración de España como Reino en 1947 foi consecuencia, tamén, de parte dun acordo co exilio, ademais de cos Aliados da Segunda Guerra Mundial. Era unha maneira de facer sobrevivir España en Europa e na nova orde mundial que se estaba a deseñar. Por iso viría a educarse a España o príncipe Juan Carlos.

Resulta sorprendente que puidese haber algún tipo de trato entre o exilio e Franco sobre a restauración da monarquía...
Houbo movementos estratéxicos dos monárquicos e franquistas, conversas con xente do exilio, pero non se fiaban uns dos outros. E, de feito, Franco seguiu a ser xeneralísimo desde que foi nomeado como tal o 1 de outubro de 1936. Algúns dos xenerais que o apoiaron a el contra a república si contemplaban restaurar a monarquía en España, pero Franco non. O que fixo foi por presión internacional dos Aliados. El sempre quixo un réxime autoritario onde a presenza dun Rei molestaba sempre. De feito, Franco non abdicou do seu poder para darllo ao futuro Rei, morreu na cama. Por iso mesmo, o seu réxime contribuiu a facer esquecer a monarquía durante catro décadas en España, moito máis que nas dúas repúblicas que houbo neste país.

De todos os xeitos, o levantamento de Franco contra a Segunda República en 1936 non estivo apoiado tamén polo sector carlista, que era monárquico?
Franco foi apoiado pola Comunión Tradicionalista, que pertenecía ao movemento carlista, partidario da restitución da monarquía pero na figura de Carlos María Isidro. Non obstante, os defensores do carlismo perderon influencia no réxime de Franco ao longo dos anos. Os carlistas querían unha restauración monárquica pero coa liña dinástica de Carlos María Isidro, non con Juan Carlos. Polo tanto, ao final houbo un desacordo. De feito, o dirixente deste movemento acaba finalmente no exilio porque non se fía de Franco. Como consecuencia de todo isto, e nas décadas dos anos 50 e 60, no pasado século, o movemento carlista acábase diluíndo e derivando cara a outros lados e formacións políticas. Moitos dos antigos carlistas acabaron despois militando no Partido Nacionalista Vasco (PNV).

Comentarios