Luz verde á venda da vacina contra o cancro de útero

'Gardasil' protexe contra catro cepas do virus
photo_camera 'Gardasil' protexe contra catro cepas do virus

A partires do mes de setembro poderase comercializar 'Gardasil', a vacina contra o virus do papiloma humano, causante do cancro de útero, despois de que o Consello de Ministros autorizase hoxe a súa posta no mercado.

A vicepresidenta primeira do Goberno, María Teresa Fernández de la Vega, confirmou tamén a intención de incluíla dentro do calendario de vacinacións do Sistema Nacional de Saúde. Esta iniciativa levarase a cabo despois de que en outubro se pronuncie o Consello Interterritorial de Saúde.

Para nenas de entre 9 e 12 anos
O presidente da Asociación Española de Pediatría, Alfonso Delgado, cualificou de “excelente nova” a inclusión desta vacina no calendario vacinal obrigatorio e valorou especialmente que se empregue 'Gardasil', xa que protexe ás mulleres contra catro cepas distintas do virus.

A vacina aplicarase ás nenas de entre 9 e 12 anos, e preferentemente antes de manter relacións sexuais, debido a que unha vez iniciadas a protección fronte o papiloma non é posible “nin empregando o preservativo”.

Baixa incidencia en España
O virus do papiloma humano representa unha das infeccións de transmisión sexual máis común, coñecéndose máis dun cento de tipos. As infeccións por este virus adoitan deterse de xeito espontáneo nun prazo máximo de dous anos, pero poden persistir e producir lesións que, se non se tratan, poden evolucionar en 20 ou 30 anos a un cancro.

A porcentaxe de persoas afectadas en España polo virus do papiloma é un dos máis baixos de Europa, ó igual que as cifras de mortalidade: en 2005 rexistráronse 594 falecementos, cunha idade media de defunción de 63 anos.

Comentarios