Jueves. 23.05.2019 |
El tiempo
Jueves. 23.05.2019
El tiempo

Marta González acusa a Sánchez de vender "o país a anacos" aos seus "socios inconfesables"

Marta González. EP
Marta González. EP

Defende que as linguas cooficiais sexan "un requisito preferente" no acceso á Función Pública, pero non "invalidante" 
 

A vicesecretaria de Comunicación do PP e cabeza de lista ao Congreso pola provincia da Coruña, Marta González, acusou ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, de querer vender "o país a anacos" aos que cualificou como "socios inconfesables", en alusión, entre outros, aos independentistas. 

En rolda de prensa, xunto a outros candidatos e candidatas ao Congreso e ao Senado por esta provincia, Marta González manifestou que nestas eleccións só hai dúas posibilidades para elixir presidente. 

En concreto, dixo que a elección está entre un Sánchez "cunha listaxe de socios inconfensables neste dez meses" ou "unha solución diferente como Casado", expuxo sobre o presidente do PP. "Ou o mantemento da Constitución ou a venda do país a anacos", apostilou. 

Por outra banda, criticou o balance de xestión socialista. "Hai 126.000 persoas máis en paro desde que Sánchez goberna", asegurou. Ademais, criticou os acordos alcanzados con formacións nacionalistas como co PNV para a transferencia da AP-68. "Fáltanos por saber a cesión a Bildu porque non hai voto que se conceda no Congreso que non teña un prezo".

PROPOSTAS PARA GALICIA. Preguntada polas propostas para Galicia e a provincia da Coruña, remitiuse ao programa electoral que presenta o PP nesta xornada. No entanto, avanzou que haberá medidas para abordar "a cuestión enerxética", en referencia ás empresas electrointensivas como Alcoa. "Se non para resolvelo de forma definitiva, si para palialo". 

Sobre se apoiarán a transferencia da AP-9 a Galicia, lembrou que o PP "votou a favor" no Congreso. "E púxose á beira do Parlamento galego, para que a titularidade pase á Comunidade Autónoma", recalcou. 

LINGUAS COOFICIAIS. Noutra orde de cousas, sobre a postura do PP respecto dos idiomas cooficiais no acceso á función pública, rexeitou que non haxa "sintonía" neste asunto entre a formación popular a nivel nacional e autonómico. 

Así, defendeu o "modelo galego", en alusión ao implantado polo Executivo de Alberto Núñez Feijóo. Cun "recoñecemento" do galego como "requisito preferente na maioría dos casos, pero non invalidante". 

Pola súa banda, o candidato ao Senado pola Coruña, Miguel Lorenzo, comprometeuse a traballar para "non consentir" que esta provincia e Galicia "queden discriminadas nos orzamentos" en materia de infraestruturas. "Non podemos ser menos que Cataluña", sinalou. 
 

Marta González acusa a Sánchez de vender "o país a anacos" aos seus...
Comentarios