Feijóo, sobre o título de máster de Cifuentes: "Se non o ten, non dixo a verdade"

O presidente da Xunta asegura que "se o ten non nos mentiu; se non o ten, teríanos omitido a verdade"

Alberto Núñez Feijóo. EP
photo_camera Alberto Núñez Feijóo. EP

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que no debate sobre o máster de Cristina Cifuentes hai unha pregunta que só se responde cun si ou un non e é se a presidenta da Comunidade de Madrid ten o título expedido pola Universidade Rey Juan Carlos. "Se a resposta é non, non dixo a verdade".

Así se explicou Feijóo en declaracións na convención nacional que o PP celebra en Sevilla e na que o groso das declaracións son sobre esta cuestión.

O dirixente galego asegurou que cre as explicacións que Cifuentes deu na Asemblea de Madrid, porque é o "lugar máis solemne" da política e el cre aos políticos que dan a súa palabra nel.

Ao seu xuízo, este debate ten unha pregunta que se debe contestar: se a presidenta rexional "ten un máster expedido" por esa universidade ou non. "Se o ten non nos mentiu. Se non o ten, teríanos omitido a verdade", reiterou.

Logo disto, o dirixente galego argumentou o que o resto que o PP, que a URJC cometeu contradicións que debe aclarar e que é un problema interno do centro, que non afecta á alumna en cuestión. Nesta mesma liña, asegurou que a credibilidade do PP non se ve afectada por un problema que afecta a unha universidade, senón que está "moi por riba".

Preguntado polo ultimato de Cs ao PP para que apoie a comisión de investigación que quere organizar no parlamento madrileño, Alberto Núñez Feijóo apostou por non improvisar a resposta a un partido que hoxe expón unha idea pero "non se sabe que vai facer mañá". "Dáme a sensación de que aquí se están improvisando moitas cousas", agregou.

Comentarios