Dimite a Executiva das xuventudes do PSN polo veto ó pacto con Nafarroa Bai

A decisión da Executiva Federal do PSOE de non pactar en Navarra con Nafarroa Bai segue xerando consecuencias. Despois da dimisión do candidato socialista, Fernando Puras, engádeselle agora a dimisión da Comisión Executiva Nacional de Xuventudes Socialistas de Navarra (JSN).

Fontes desta agrupación confirmaron que o motivo era a orde de non levar a cabo ese pacto de Goberno que levaba máis de dous meses negociándose e que non foi aprobado polo PSOE en Madrid por non garantir a suficiente estabilidade da lexislatura.

Sergio Sierra, un dos dimisionarios, recalcou que as liñas xerais das JSN “ían encamiñadas cara un Goberno de progreso e a nosa primeira e única opción era formar un tripartito”.
Os doce membros da Executiva reuníronse co máximo dirixente de PSN, Carlos Chivite, para comunicarlle a súa decisión quen lles respondeu que eran eles “os que tiñan que tomar a decisión e nada máis”.

Debate de investidura
A esta hora desenvólvese no Parlamento navarro o debate de investidura do candidato de UPN, Miguel Sanz, como novo presidente de Goberno despois da presentación do seu programa. Os deputados socialistas absteranse na votación desta tarde, polo que Sanz non obterá a maioría absoluta. Aínda que será investido mañá, gobernará en minoría, abrindo unha difícil lexislatura.

Comentarios