Xabier Fortes: "Despedinme en galego porque así me saíu"

Máis de oito millóns de persoas seguiron o debate electoral que o xornalista Xabier Fortes conduciu en TVE. Para máis de un, el foi o gañador

Xabier Fortes. AEP
photo_camera Xabier Fortes (Pontevedra, 1966). AEP

Quen foi o gañador do debate?

Non podo dicilo. Iso sería dar unha opinión e o árbitro, que foi a miña función, non debe dala. Que o decidan os afeccionados. Eu non debería entrar niso. De calquera maneira, paréceme que non houbo unha gran diferenza entre uns e outros. Cada un xogou o seu papel, con maior ou menor sorte. O que teño que dicir é que os 6.500 traballadores de Radio Televisión Española estamos moi orgullosos do debate que conseguimos facer. Creo que cumprimos dignamente o noso papel. 

Máis dun comentario nas redes sociais sinalábano a vostede como único gañador. 

Menos aínda debo comentar iso. Eu tratei de facer o mellor posible o que era o meu papel: arbitrar o xogo e aspirar a non ser citado nas crónicas. O importante é que conseguimos que a radio televisión pública deste país acollese un debate electoral histórico, que fose o máis vivo posible, que se expuxesen propostas e contrapropostas e que se cruzasen opinións. Quizais, no primeiro tramo, cada un dos candidatos se centrou no que quería contar e despois, na última parte do debate, houbo un cruce máis intenso de opinións. Pero, en todo caso, penso que o obxectivo se cumpriu. Agora que cada un que saque as súas propias conclusións.

Tamén tivo moita aplaudida a súa despedida en galego: "Coma sempre, moi boa noite". Moitos usuarios das redes sociais recoñecíana como a única mención a Galicia no debate. 

Eu encantado de que se aplauda, pero, honestamente, paréceme que nun debate electoral para toda España é imposible analizar os problemas de cada comunidade autónoma unha por unha. Outra cousa é que o problema territorial se centre en Cataluña. Quizais sería conveniente pensar noutro debate sobre a cuestión territorial no que se falase de todos os territorios. Fóra diso, eu despendinme en galego porque así me saiu. Non o tiña nin previsto. Pero eu son de Pontevedra, son galego, así o sentín e así o fixen. E encantado de facelo. Pero foi improvisado. Non o foi, por exemplo, saír cunha gravata granate. Iso foi con toda a intención porque quería facerlle unha homenaxe ao xogador do Pontevedra C.F. Rafa Ceresuela, que viña de falecer e ao que me unía unha gran relación, a el e á súa familia. Saír con ela e ter esa lembranza si que foi absolutamente intencionado e por unha cuestión sentimental. 

Foi un debate especialmente complicado para vostede como profesional? Viña precedido por esa polémica arredor do cambio de data. Iso engadiulle máis presión aínda? 

Eu non afrontei o debate con esa presión engadida porque xa de por si tiña bastante presión enriba. Os profesionais da radio televisión pública viñamos defendendo había tempo a necesidade de que debía haber debates electorais nas televisións privadas, pero tamén na pública. E cos nosos parámetros. Nese sentido, eu tratei de abstraerme desa polémica e ceñirme ao que tiña que facer. É dicir: nós ao noso. Pero é que se un debate deste tipo ten sentido nalgún escenario é no da radio televisión pública. Creo que bastante enriba tiña o foco para poñelo aínda máis. Así que me centrei no traballo. Había que defender ata o final que os candidatos deben debater e expoñer as súas ideas na radio televisión pública. 

Nunca máis se vai entender que non haxa, como mínimo, un debate electoral na radiotelevisión pública

Dígame algo que non se vira, algo do 'backstage' que lle chamara a atención ou o sorprendese. 

Os nervios do presentador. Negalo sería mentir. E eu nunca mentín no exercicio da profesión. Non o vou a facer agora. O peor foi a conta atrás, cando quedamos sós no plató os candidatos e mais eu. A sensación de tensión que me invadiu foi tremenda. Eses dez segundos foron os máis duros. Despois, unha vez que comezamos a debater e a falar, a sensación xa cambiou. Por iso, cando no primeiro tramo, vin que os candidatos parecían reacios a escoitarse, tratei de animalos a que confrontasen ideas e non se limitasen a expoñer os seus discursos. 

Que aprendeu desta experiencia? Repetiría? 

Repetiría, pero dentro dalgún tempo. É moita tensión. Sabes que te están analizando con lupa, que se vai estar enriba de ti polo que dis, polo que non dis e ata polos silencios. Eu tratei de facelo da mellor maneira posible. Agardo que os cidadáns que o viron quedaran satisfeitos. Para aqueles que non quedaran, na próxima ocasión tratarei de facelo mellor. Pola parte que nos toca ao equipo, estamos bastante satisfeitos do traballo. 

Axudoulle a decidir o seu voto? Ou xa o tiña decidido? Sempre se di que estes debates son cruciais para os indecisos. 

Non che vou falar do meu caso particular, pero si que che vou lembrar que, segundo todas as enquisas, o 42% dos votos ou están ocultos ou sen decidir. Un 42% é unha porcentaxe altísima. Eu creo que si que axudou a decantar o voto. Porque se ben os mitins están máis dirixidos ás propias parroquias e aos convencidos, este tipo de debates están moi dirixidos aos votantes con dúbidas. Por iso este é un exercicio tan necesario. E, o que é máis importante, despois do que pasou nesta ocasión, nunca máis se vai entender que non haxa, como mínimo, un debate electoral na televisión pública e outro na privada. 

Daríalle algún consello a algún compañeiro que se vise na tesitura na que se viu vostede o luns? 

Que va! Eu son moi mal conselleiro! Xa digo: tratei de facelo o mellor que souben e nada máis.

Comentarios