"Agora mesmo Sumar é un movemento, despois decidiremos que facer"

Tras un acto inaugural en Madrid, as xuntanzas que buscan dar forma ao novo proxecto da política galega chegaron á aldea de Parada, no Courel

Yolanda Díaz. CARLOS JULIO GONZÁLEZ
photo_camera Yolanda Díaz. CARLOS JULIO GONZÁLEZ

YOLANDA DÍAZ non puido ocultar a súa ledicia por levar o seu novo proxecto a unha terra que coñece ben e que visita asiduamente, O Courel. A vicepresidenta segunda comeza unha xira por España coa incógnita sobre a mesa de que pasará con Sumar unha vez rematen estes actos de escoita.

Polo momento pretende percorrer España para escoitar a cidadanía. Despois que?

Como sabedes, estamos a facer moitos grupos de traballo que van pensar o país que queremos e imos estar moitos meses traballando para culminar esa tarefa do país que queremos para a próxima década. Despois presentarémola, discutirémola e decidiremos colectivamente o que queremos facer. Pero agora mesmo isto é un movemento cidadán que se pon en marcha para sumar e levantar un país mellor, porque é posible e para iso imos contar con todo o mundo. Aquí no Courel tivemos un exemplo xuntando xente que non se escoitaba entre si e para os que me consta que resultou unha boa experiencia.

En que se diferencia Sumar doutros movementos cidadáns que comezaron deste xeito?

Ningún movemento comezou como Sumar. Nin en Galicia nin en España nin en Europa. Isto estámolo a facer de maneira artesanal e queremos que sexa así, porque temos creatividade e moita intelixencia. E ímolo facer coa xente dentro, porque non queremos un país no que a xente quede nas marxes. ‘O país que fica fóra’, que nos di o escritor Manolo Rivas.

Nesta xuntanza coa veciñanza do Courel escoitou tantos dos problemas que ten a xente que vive aquí que é difícil escoller un par deles. Iso xa di moito.

Sen dúbida. Eu xa sabía que este acto de escoita era un dos máis importantes, porque ollamos unha parte do país que se descoñece, que é o país rural. Precisa unha mirada diferente, porque pode ter outro modelo produtivo e pode xerar postos de traballo de calidade. Este rural pide o dereito á alimentación con comercio de proximidade e quere servizos públicos de calidade. Hoxe levo que é posible ter un rural vivo.

Comentarios