O Rácing Vilalbés e o Residencia asinaron as primeiras vitorias da nova tempada

Os verdivermellos superaron ao Dumbría pola mínima no Roca, mentres que os da capital foron quen de vencer ao Rácing de Ferrol con tres goles

Coa segunda xornada do curso chegaron as primeiras vitorias para dous dos cinco equipos lucenses que militan na Galega Xuvenil. Foron o Vilalbés e o Residencia que venceron na casa, mentres que o Viveiro volveu rematar en táboas. Pola súa parte, o Ribadeo e o Milagrosa quedaron sen puntos fóra.

Os do Rácing, que empataran contra o Galicia de Caranza na primeira quenda, conseguiron o triunfo no Roca contra o Dumbría. O conxunto local comezou dominando, serios atrás e facendo bo traballo con balón. Froito desa boa dinámica chegaron as primeiras ocasións de Alberto e Hugo Blanco, e no minuto 27 Alfredo logrou asinar o 1-0 na saída dun córner. Ata o descanso seguiron xerando chegadas, pero o esférico non entraba. Tralo paso polos vestiarios o Vilalbés perdeu control, pero o Dumbría tampouco conseguiu artellar ocasións. No tramo final os lucenses volveron coller o mando. Hugo Blanco e Molina tiveron nas botas o segundo, pero a falla de acerto deixou a incerteza co 1-0 ata o pitido final. 

En canto ao Residencia, que viña de ser derrotado no inicio do curso polo Ribeira, fíxose co primeiro triunfo na Cheda contra o Rácing Ferrol. Ambos equipos saíron ao verde coas pilas cargadas e na primeira xogada os visitantes xa xeraron a primeira ocasión. Os lucenses conseguiron pillalos na seguinte nunha contra e fixeron o 1-0 cun remate de Dani ao segundo pau. Un erro defensivo custoulles aos de Lugo un penalti en contra, pero David non deixou que entrara. Na transición do mesmo o Residencia provocou un saque de esquina que rematou cunha volea de Eric que subiu o 2-0 ao taboleiro. A intensidade seguiu sendo a protagonista e un roubo propiciou o terceiro tanto nun pase de Dani a Javi Calderón, que definiu man a man contra o porteiro. Os ferroláns conseguiron recortar distancias tras unha acción individual que rematou en gol de Bruno. Despois da primeira media hora de frenesí o partido foise relaxando ata o descanso. Á volta, os do Rácing comezaron a apertar pola banda esquerda e sacaron un par de centros perigosos. Os lucenses tiveron tamén as súas a través de Hugo Dono e Javi Calderón, pero o 3-1 non se moveu.   

Ao Viveiro tocoulle tamén abrir as portas da súa casa despois do empate en Carballo. Recibiu no Marcos Gómez ao Galicia de Caranza e volveuse levar un punto. Os celestes comezaron con dúbidas, pero foron collendo ritmo ata dominar o partido e ter dúas ocasións claras antes do descanso. Na segunda metade o equipo mariñao saíu con outra cara, pero os de Ferrol puxeron o marcador ao seu favor cun gol no minuto 75. Na seguinte xogada o Viveiro recompúxose e tras un rexeite puxo o 1-1 que enchufou Xoel Ferro. Sen embargo, un erro defensivo do central dos locais fixo que o Caranza metese o 1-2 a pracer. Para poñer as cousas máis difíciles, os celestes quedáronse cun xogador menos trala expulsión de Javi Barja, pero loitaron polo empate e no tempo engadido Alejandro conseguiu poñer de novo as táboas no taboleiro nunha falta lateral. 

Pasando a falar do Ribadeo, esta vez foi derrotado pola Estrada. Os mariñaos, que foran superados a pasada fin de semana polo Victoria, asumían este partido con importantes baixas e tiveron que recorrer aos cadetes para completar filas. O nerviosismo pola situación propiciou que os locais abrisen cedo o marcador ata irse ao descanso co 3-0. Despois do paso polos vestiarios o Estrada seguiu tendo todo o control do partido, aínda que o Ribadeo tivo algunha oportunidade para moldear o resultado, que se pechou co 6-1. 

Quen tampouco logrou sumar esta xornada foi o Milagrosa. Os recén ascendidos á Galega gañaron a pasada fin de semana ao Val, pero esta vez non puideron superar ao San Tirso. O duelo comezou poñéndose de cara para os de Lugo tras un erro do porteiro local que propiciou o 0-1. Malia isto, eran os coruñeses quen levaban o dominio e antes do descanso lograron empatar o duelo. Na segunda parte os lucenses melloraron e conseguiron poñerse por diante cun tanto de Gabriel. Pero pouco durou a alegría ante un rival que tamén seguiu crecendo ata conseguir facerse co dominio total do partido e asinar tres goles en menos de dez minutos. 

         

Consulta a clasificación aquí

                

VILALBÉS 1 - 0 DUMBRÍA

Rácing Club Vilalbés: Yago, Brais, Sergio, Carlos, Hugo Xabier, Noel, Miguel, Hugo, Luís Alejandro, Alberto e Alfredo. Tamén xogaron David, Yago, Luís E e Xairo.
CF Dumbría: Iván F, Iván L, Antón, Gabriel, Álvaro E, Iker, Hugo, Álvaro A, Pablo, Manuel e Brais. Tamén xogaron Adrián, Samuel, Óscar, Iker e Yeray.
Goles: 1-0 (27'): Alfredo.
Árbitro: Francisco Ibáñez López.

RESIDENCIA 3 - 1 FERROL

SD Residencia: David, Manuel, Alonso, Diego, Jorge, Erik, Daniel, Andrés, Javier, Alejandro Neira e Alejando Goas. Tamén xogaron Lucas, Óscar, Rodrigo e Hugo.
Rácing Club Ferrol SAD: Marcos, Martín, Pablo, Iker, Nicolás, Axel, Lucas, Hugo, David P, Iván e Bruno. Tamén xogaron Marcos, David C, Axel e Javier.
Goles: 1-0 (3'): Alejandro. 2-0 (17'): Erik. 3-0 (19'): Javier. 3-1 (22'): Bruno.
Árbitro: Alberto Lago Barreiro.

 

VIVEIRO 2 - 2 GALICIA DE CARANZA

Viveiro CF: Javier, Bruno, Marco, Carlos, Adrián F, Hugo, Martí, Xoel, Adrián D, Javier e Rafael. Tamén xogaron Lucas, Alejandro e David.
Galicia de Caranza: Noel, David P, Iago, Mathias, Martín, Víctor, Sergio, Bruno, Alexander, Aarón e Bruno. Tamén xogaron Hugo, Manuel, Mehdi, David L e Marcos.
Goles: 0-1 (75'): Manuel. 1-1 (77'): Xoel. 1-2 (78'): Alejandro en propia. 2-2 (88'): Alejandro.
Árbitro: Ángel Pérez Rodríguez.

 

ESTRADA 6 - 1 RIBADEO

Escola Estrada FB: Ángel, Alejandro, Ramiro, Daniel, Julián, César, Iker, Iago, Francisco, Jesús e Hugo L. Tamén xogaron Hugo B, Andrés, Sergio G, Sergio L e Hugo P.
SD Ribadeo: Aarón A, Hugo, Jesús, Ignacio, Lucas, Ayoub, Aarón B, Óscar, Antón, Kai e Martín. Tamén xogaron Sergio, Arturo, Álvaro e José M.
Goles: 1-0 (6'): Iago. 2-0 (7'): Francisco. 3-0 (22'): Francisco. 4-0 (49'): Francisco. 5-0 (52'): Hugo L. 6-0 (65'): Hugo P. 6-1 (84'): Antón. 
Árbitro: Gustavo Vidal Fonseca.

 

SAN TIRSO 4 - 2 MILAGROSA

San Tirso SD: Marcos, Álvaro, Bruno, Manuel, Miguel, Daniel R, Alejandro, Anxo, Raúl, Daniel L e Pedro. Tamén xogaron Mateo, Martín, Unai e Ayana.
SDC Milagrosa: Carmelo, Francisco, David, Leo, Brais P, Miguel, Juan, Rafael, Gabriel, Gonzalo e Brais N. Tamén xogaron Diego, Mauro, Hugo e Alejandro.
Goles: 0-1 (24'): Marcos en propia. 1-1 (42'): Daniel. 1-2 (66'): Gabriel. 2-2 (79'): Bruno. 3-2 (82'): Bruno. 4-2 (84'): Bruno. 
Árbitro: Francisco Xabier Rodríguez Campos.

                           

 
LIGA GALEGA XUVENIL - GRUPO NORTE
    

Resultados xornada 2                                

Boiro 4-0 Ribeira
Lalín 0-4 Bertamiráns
Victoria 3-2 Conxo B
Estrada 6-1 Ribadeo
O Val 0-3 Olímpico
San Tirso 4-2 Milagrosa
Rácing Vilalbés 1-0 Dumbría
Viveiro 2-2 Galicia de Caranza
Imperátor 3-1 Bergantiños
Residencia 3-1 Rácing Ferrol
   

Próxima xornada                 

Boiro - Lalín
Beramiráns - Victoria
Conxo B - Estrada
Ribadeo - O Val
Olímpico - San Tirso
Milagrosa - Rácing Vilalbés
Dumbría - Viveiro 
Galicia de Caranza - Imperátor       
Bergantiños - Residencia
Ribeira - Rácing Ferrol