Arroxo: "No reparto do diñeiro, sempre imos poñer Lugo diante, aínda que o BNG leve menos"

O primeiro tenente de alcaldesa en funcións aspiraba a que o BNG subise varios edís e ata a dar o sorpasso ao PSOE, pero tres días despois ten asimilado o resultado. É pragmático e xa está a outra cousa, a reeditar o goberno, algo do que non ten dúbida que sucederá, e sen grandes dificultades, pensa, porque no pasado non houbo tantas deslealdades como se di e porque o primeiro será Lugo, afirma
Rubén Arroxo, delante del Concello (Archivo). SEBAS SENANDE
photo_camera Rubén Arroxo, diante o Concello. SEBAS SENANDE

Na campaña chegou a vaticinar nove concelleiros para o BNG. Iso de xerar tantas expectativas foi estratexia para aguantar o que tiñan ou convencemento?
Era convencemento. É como cando vas competir nunha carreira. Eu non sei saír pensando en que vou ser último. Tes que saír a por todas.

Que pasou entón?
Creo que tivo que ver que nos últimos días se disparou un debate político centrado xa nas eleccións a nivel estatal e posiblemente nós non fomos quen de detectalo a tempo. Con este número de votos no 2019 teriamos subido a 7.

Tradicionalmente rendibiliza mellor o traballo quen ten a alcaldía, pero neste caso, en edís quedaron os dous igual pero subiu máis votos o BNG. A que o atribúe?
Sentimos que houbo unha percepción moi boa do noso traballo, tanto nestes catro anos como na campaña, incluso de persoas que dicían que non ían votar o Bloque pero que coincidían co proxecto e co traballo. Creo que conseguimos explicalo ben, que tivese boa aceptación e que se vise reflectido nas urnas.

Nos últimos días de campaña disparouse un debate político centrado xa nas eleccións estatais que non fomos quen de detectalo a tempo

Tamén a alcaldesa aguantou ben, a pesar de que se presentaba con proxectos moi polémicos, algúns criticados incluso por vostedes. Cal cre que é a explicación?
Entendo que, en liñas xerais, á hora de votar, a maioría decide por un proxecto xeral e non por cuestións máis puntuais, e creo que o proxecto xeral que se executou dende todo o goberno foi positivo. Os dous partidos subimos.

Repetirán pacto, entón...
Dende logo vai haber negociacións. Cremos que durante estes catro anos foi moi positivo para Lugo que houbera un goberno de coalición e imos traballar para que sexa posible un novo cogoberno. 

Será unha negociación independente ou interrelacionada coa  doutras cidades. O líder do PSdeG di que non garante pactos en todas.
Nós pola nosa parte ímonos centrar en Lugo. Ademais, tendo en conta que os actores somos os mesmos, sabemos o que se pode mellorar e o que hai que facer.

Coñécense para o bo e tamén para o malo. Nos últimos anos a alcaldesa tivo entradas sonoras nas áreas do BNG. Como condicionará iso a negociación?
É unha vantaxe coñecerse, porque ademais os gobernos de coalición creo que precisan incluso un período de madurez para entenderse. Iso de que xa nos coñezamos, xa saibamos os proxectos de cada quen e o Lugo que quere construír, permite que os acordos en principio poidan ser máis doados. Efectivamente, somos dous grupos diferentes e hai cousas nas que non concordamos, pero temos que poñer por diante que Lugo decidiu que ten que haber un goberno de esquerdas, que quere unha cidade máis amable, verde, social...

O BNG sacou a palabra verde en campaña. Que significa? Pedirá medio ambiente?
O BNG sempre tivo unha posición ecoloxista, non creo que o introducísemos agora, ata chegou a xestionar medio ambiente no goberno 1999-2003. Pero agora non é o momento de falar de reparto de áreas senón do proxecto que queremos para establecer un cogoberno.

Co número de votos que tivemos agora, en 2019 teriamos sete concelleiros, dous máis

Di que o BNG non irá con liñas vermellas. Tampouco a será a Ronda Este?
Iso é unha competencia da comunidade autónoma.

Pero vostedes opóñense e a alcaldesa reclámaa.
Si, pero non vai ser o goberno local quen a faga. Nós imos seguir loitando para que ese trazado non se faga. Non vai ser un tema de negociación.

En 2019 pediron liberdade de voto no PXOM. Agora fálase de empezar cun novo. Pedirán esa mesma liberdade neste ou nalgún outro asunto?
Daquela había que acabar de aprobar o PXOM e nós tiñamos unha posición moi crítica porque entendíamos que estaba totalmente fóra do que tiña que ser Lugo. Non imos ter unha posición de partida porque se se revisa será empezar de cero, e non vai ser sinxelo e vai levar tempo. Agora mesmo non hai ningunha cuestión que poida ser unha liña vermella.

Neste mandato non tiveron control sobre a xestión do persoal e iso dificultoulles a xestión nalgunhas das súas áreas. Como prevén corririxir ese problema? Poderían pedir esta área? 
Efectivamente son erros que hai que solucionar. Non é tanto que levemos nós a área ou non se non tratar de que a administración no seu conxunto funcione ben, que cando se precise o apoio dunha área do socio haxa axilidade.

E como se garante iso?
Cunha confianza mutua e con lealdade. Eu creo que a vai haber.

Nestes catro anos houbo pequenas friccións, pero non creo que se poida falar de deslealdade por ningunha das partes

E que lle fai pensar que agora si vaia haber esa colaboración?
Que tampouco foi unha situación de deslealdade manifesta…  Creo que temos que traballar para que iso funcione o mellor posible.

Houbo lealdade sempre?
En termos xerais si, creo que por ambas partes. Houbo as súas friccións, evidentemente, pero foron pequenas, pero non creo que por ningunha das partes se poida falar de deslealdade.

No reparto dos orzamentos, a pesar do acordo 60-40%, houbo veces en que o BNG saíu perdendo, como no de 2023, co pretexto de que facía falta cofinanciamento para proxectos europeos, como o da peonalización do centro. Como prevén corrixir iso?
Nós no reparto económico sempre imos poñer por diante Lugo, non o que lle poida corresponder ao BNG. Esa vai ser a prioridade, aínda que o BNG leve menos, se é polo ben de Lugo, estamos dispostos a ceder porque é para o que temos que traballar.

"A vicepresidencia da Deputación ten que dicicila a militancia"

No PSOE empeza a debaterse sobre quen debe ser o candidato á presidencia. Sobre a vicepresidencia, do BNG, hai dúbidas?
Non se tratou aínda a nivel de organización.

Algo terá que dicir vostede sendo agora unha compañeira da corporación municipal [Maite Ferreiro].
Ten que dicilo a militancia do BNG con toda igualdade.

No Concello ten previsto algún cambio de funcións dos seus edís?
Imos ir paso a paso. Primeiro hai que saber como queda a organización das diferentes áreas e despois ver cal se adapta mellor ao perfil de cada edil.

A candidata do PP fixo unha campaña cando menos contundente. Está preparado para unha oposición desas características?
Estamos preparados para facer un goberno potente e para que Lugo siga avanzando. Despois, a oposición ten que facer o seu traballo.

Más en Elecciones Municipales 28M