"O primeiro que farei será un plan integral da traída de auga"

Katy Varela é a candidata do PP de Monforte. Hai catro anos asumiu a cabeza de lista despois de dimitir o anterior alcaldable a só unhas semanas das eleccións.
Katherinie 'Katy' Varela Fernández, candidata do PP de Monforte. MIGUEL PIÑEIRO
photo_camera Katherinie 'Katy' Varela Fernández, candidata do PP de Monforte. MIGUEL PIÑEIRO

Todo o mundo en Monforte chámalle Katy e non Katherinie. A candidata do PP á alcaldía está convencida do seu triunfo nas eleccións e apóiase na estatística para argumentalo. Hai catro anos asumiu a cabeza de lista despois de dimitir o anterior alcaldable a só unhas semanas das eleccións.

O teléfono úsase para todo, pero o seu caeulle durante a campaña e a pantalla rompeu. Tocará cambialo. M. PIÑEIRO
O teléfono úsase para todo, pero o seu caeulle durante a campaña e a pantalla rompeu. Tocará cambialo. M. PIÑEIRO

Que tal foron os seus primeiros catro anos coma edil en Monforte?
Por unha banda foi unha experiencia dura pola ampla maioría absoluta, de once concelleiros, do PSOE e os catro nosos. Ademais viñamos dun momento complicado no PP. Ao mesmo tempo resultou gratificante, porque coñecín en primeira persoa problemas cotiás dos que non era tan consciente, por exemplo, relacionados coa accesibilidade ou a mobilidade das persoas que padecen discapacidades, as dificultades de conciliar das familias ou algunhas situacións que sofre a xente maior. Agora estou máis sensibilizada e coñezo mellor Monforte.

Por que deben os monfortinos votar polo PP o domingo?
Porque aínda que houbo certas melloras en urbanismo, hai aspectos máis intanxibles que son necesarios para que Monforte manteña a poboación e non siga baixando ao mesmo ritmo. Tamén vemos certos servizos sociais que están desatendidos. No noso programa damos incentivos para que a xente nova quede aquí, emprenda negocios ou forme familias e apostamos por unha maior atención aos maiores. Queremos cambiar o centro de día e recuperar a xestión directa da axuda a domicilio para que non haxa as listas de espera que temos a día de hoxe.

Sempre leva a barra de beizos preparada por se non pode maquillarse na casa. Así di verse moito mellor. M. PIÑEIRO
Sempre leva a barra de beizos preparada por se non pode maquillarse na casa. Así di verse moito mellor. M. PIÑEIRO

Que convence a Katy Varela de que a súa alternativa será a vencedora das eleccións?
En primeiro lugar, é unha cuestión estatística. O PP ten unha base de votos que nos pode dar seis concelleiros. Nas xerais máis difíciles para o partido hai catro anos tivemos 3.000 votos en Monforte. Se recuperamos iso poderemos chegar a esa cifra de seis edís. Logo hai unha bolsa de votos que dá as maiorías absolutas que fluctúa sempre e pola que nós loitaremos. Se te presentas a unhas eleccións debes facelo sabendo que podes gañar e por iso formei un equipo e un programa de goberno.

Cal sería a súa primeira medida coma alcaldesa?
Encargar un plan integral da traída de auga. Non valen os pequenos convenios que está facendo o alcalde. É necesaria a implicación de todas as administracións e un proxecto millonario de mellora integral do abastecemento e o saneamento. Aínda esta semana houbo dúas roturas que deixaron sen auga a toda a cidade.

Dende que é concelleira, non se separa do seu caderno. Nel anota todo o que lle comentan os veciños. M. PIÑEIRO
Dende que é concelleira, non se separa do seu caderno. Nel anota todo o que lle comentan os veciños. M. PIÑEIRO

Está aberto o PP a pactar con Esperta Monforte ou o BNG para gobernar?
E ata co PSOE. Non descartamos nada. No momento en que ninguén teña maioría absoluta, nós abrímonos a falar e negociar, porque o importante é darlle unha volta á cidade. Sabemos que a xesta é complicada, porque temos diante ao presidente da Deputación, que gasta moito en propaganda. Non contamos con tantos medios, pero o noso programa é mellor.

Más en Elecciones Municipales 28M