O PP Meira aposta polas concentracións parcelarias en zonas gandeiras

O candidato popular, Óscar Fernández, trasladoulle a proposta ao responsable de Medio Rural, José González
José González, Balseiro e Óscar Fernández en Meira. EP
photo_camera José González, Balseiro e Óscar Fernández en Meira. EP

O PP de Meira apostará por desenvolver concentracións parcelarias nas zonas con maior actividade gandeira do municipio pensando en "mellorar a competencia das explotacións", segundo explicou Óscar Fernández, candidato popular á alcaldía, ao responsable de Medio Rural da Xunta, José González, durante unha visita ao concello.

Tendo en conta "a fragmentación actual da propiedade en microparcelas", os populares consideran que a concentración parcelaria é "a ferramenta que mellor se adapta ás características e necesidades de Meira".

Os populares defenden que "ademais de contribuír á reorganización da propiedade en parcelas máis grandes, tamén permite a ordenación das zonas agrícolas e forestais de forma diferenciada e a mellora dos camiños para facelos máis amplos".

Ao igual que a Xunta, o PP de Meira pretende realizar "concentracións parcelarias como mecanismo para poñer en valor a terra agraria, aumentar a base territorial das explotacións e combater o minifundismo", apuntaron dende a corporación.

LOITA CONTRA OS INCENDIOS FORESTAIS

En relación coa loita contra os incendios forestais, os populares lamentaron que “o actual goberno local de Meira non optase por adherirse ao convenio de defensa das aldeas, asinado entre a Xunta, a Fegamp e a empresa pública Seaga, para poñer en marcha un sistema público de xestión da biomasa na proximidade de zonas habitadas”.

Os populares afirmaron que este convenio -ao que xa están adheridos 279 municipios galegos- "favorece tamén a limpeza de pistas municipais, apoiando a posibilidade de traballar en ata dez quilómetros de vías cada ano, en cada un dos concellos asinantes do acordo".

Más en Elecciones Municipales 28M