Elena Candia: "A miña colaboración para mediar coa Xunta por Lugo será total, como se viu no Castiñeiro"

A candidata do PP á alcaldía de Lugo e presidenta provincial do partido non nega que o martes, dous días despois das eleccións, a punto estivo de dimitir, xa que tanto ela como a súa formación obtiveron un gran respaldo pero non lles servirá para gobernar nin a cidade nin a Deputación. Pero xa está reposta e disposta a entregarse de novo. Ata o punto de que lle proporá ao PSOE e ao BNG un acordo de goberno liderado por ela mesma
Elena Candia. XESÚS PONTE
photo_camera Elena Candia. XESÚS PONTE

O resultado obtido era unha das posibilidades, pero doeu máis do que agardaba?
As eleccións sempre son unha fólla en blanco. Somos un proxecto político que temos que facer unha valoración negativa se non gobernamos. Outras forzas séntense gañadoras tendo 5 de 25.  É unha realidade que a pelota pegou no poste, como outras veces, pero se non dicimos que gañamos as eleccións non lle facemos xustiza ao inmenso caudal de confianza que recibimos.

Pero o bipartito aguantou, e mellor do que dicían as enquisas.
Pero os datos hai que telos en conta. A pesar dos ataques, das ameazas... O normal é que un goberno rendibilice o goberno. Quedar como estás non é un aprobado, porque xestionaches moitísimos millóns de euros. O normal é que medres e non que medre quen está propoñendo unha alternativa.

O PSOE dixo que era indigna de gobernar Lugo, que non era boa persoa... Como viviu iso?
Dise que non ofende quen quere se non quen pode. Sinceramente creo que non foi acertado, e o resultado das eleccións ratifícao, e que obedece a unha estratexia errada. Probablemente ata a propia alcaldesa se limita a obedecer. Non me parece Lara ese tipo de persoa que se adica a entrar en ataques persoais e descalificacións, non era a imaxe que eu tiña dela cando coincidimos na Deputación. Paréceme un ataque absolutamente inxusto e, con toda humildade, de pouco nivel.

É esperpéntico que a alcaldesa en funcións se ofenda porque non a chamei para felicitala porque perdeu as eleccións"

A quen se supón que obedece?
Ás persoas que deseñan as estratexias do PSOE.

A alcaldesa en funcións criticou que vostede non a felicitara.
Cando o BNG a faga alcaldesa, se a fai, serei a primeira. É esperpéntico que se ofenda porque non a chame para felicitala porque perdeu as eleccións. Igual que non me ofendo eu porque non me chamara a min sendo quen gañou.

Arrepíntese de non ter intentado incorporar os edís de Cs de xeito diferente a como se di que o fixo?
Houbo moita información, non imos decir que faltaba á verdade, pero bueno, interesada. Cs tiña moi claro que quería presentarse, estaban moi seguros do traballo que fixeran, que ademais eu creo que foi un bo traballo, e iso hai que respectalo. Que se non se presentaran nin el nin Vox, ou incluso un só, hoxe o resultado sería distinto? Pois probablemente si.

Con Vox intentouno?
Tamén o tiñan moi claro.

En todo caso, está recuperada xa dese baixón que tivo o martes? Quen logrou que non deixara todo?
[Ri] O martes fun ó meu pleno [do Parlamento]. A ver, fixemos unha campaña cun traballo moi moi intenso e cando remata sempre hai un baixón, físico e intelectual. Afloran moitas cousas. Hai persoas que saben da miña implicación e hai xente que che pon enriba da mesa ideas, propostas..., uns serán para animar, outros serán para dicir: Ai! Tanta entrega merecerá a pena! Pero eu recuperada estaba o luns. A miña responsabilidade é clara. Teño a fortaleceza de ofrecer e de liderar un pacto de goberno ao PSOE e ao BNG.

Imos respectar a orde da lista e Quique Rozas será o vicevoceiro porque Cristina Sanz é deputada no Parlamento"

Sabe que iso é un brinde ao sol...
Son 12 concelleiros de 25 cun proxecto moi coñecido. Cada un pode definilo como queira.

En todo caso, vostede vai quedar no Concello.
Vou quedar no lugar no que  me coloquen os perdedores.

Manterase como vicepresidenta primeira do Parlamento?
Si, renunciarei á comisión e á portavocía de medio rural.

Será tamén deputada provincial?
Non.

Que concelleiro irá pola cidade?
Hai que elixilo no partido xudicial.

A quen proporá vostede?
Non o teño decidido, ten que ser consensuado cos compañeiros.

Irá nas listas ás Cortes Antonio Ameijide?
As listas vanas facer o presidente Rueda e o presidente Feijóo. Soubemos que García Díez non se vai presentar, e aproveito para agradecerlle o traballo. E a partir de aí non se falou de ningún nome.

Algo terá que dicir vostede como líder do grupo municipal.
E presidenda do partido.

Pois iso.
Consensuaremos entre os tres, pero aínda non se puxo ningún nome sobre a mesa.

As listas e a Deputación poden influír na organización do grupo municipal. Que idea ten para el?
A idea é que se articulen áreas onde haxa un traballo en positivo e de fiscalización do goberno.

Quen será o número dous?
Imos respectar a orde da lista. É certo que Cristina Sanz é deputada e iso significará que recargue un pouco máis o traballo no seguinte, que é Quique Rozas.

Será o vicevoceiro, entón.
Claro, si, si… Imos respectar a orde da lista.

Confirmáronlle todos os edís que collerán a acta?
Si. Xa tivemos unha reunión. Cada un propuxo a área onde cre que pode aportar máis e respectareino. O luns comunicarei a organización do grupo.

Moitos non teñen ningunha experiencia en política. Será un grupo preparado para facer oposición?
Por suposto.

Se non logro persuadir as outras formacións para liderar un goberno coa súa axuda, intentarei convencelos de que fagan seus proxectos meus que son bos para Lugo"

Na campaña comprometeu proxectos da Xunta para Lugo.  Que pasará con eles?
Aqueles proxectos que se poidan facer sen ter en conta ningunha implicación do Concello seguirán adiante. Nos outros haberá que ver que papel quere xogar o Concello. Se non logro persuadir as outras formacións para liderar un goberno coa súa axuda, intentarei convencelas de que os proxectos que levamos no prorama son bos para Lugo e de que os fagan seus.

Hai un, a praia fluvial, polo que Lugo leva anos esperando e que precisa da participación da Xunta. Está disposta a mediar para desbloquealo ou volveremos a vivir outro verán de confrontación?
Penso que non houbo intención en 24 anos de que Lugo tivera un espazo público de baño porque 24 anos dá para moitísimo. A colaboración para mediar en calquera institución onde poida ser de axuda é total e absoluta. Xa se visualizou no Castiñeiro. Non son unha persoa de poñerme de perfil, nin de derivar responsabilidades. Tampouco de asumir as que non son miñas, loxicamente.

No Castiñeiro, a lectura que fixo o goberno foi máis ben a contraria, que derivou un problema da Xunta, competente en vivenda, á administración local.
Non se derivou ningún problema. Aí hai un acordo, é o que pediron os veciños e o Concello é o que asumiu, e aí é onde hai que traballar. O meu proxecto baseouse en apartarse da confrontación e tivo un 43,6% de apoio. E a persoa que estivo defendendo a confrontación permanentemente ten 8 de 25 edís.

Vai pedir máis salarios para o grupo municipal?
Aínda non o teño analizado. Pero temos unha representación e o normal será que os medios para traballar sexan proporcionais.

"Puxen a miña responabilidade a disposición do presidente e consteoume que tiven o mellor resultado de Galicia"

O PP experimentou un crecemento importante na provincia o 28-M pero perdeu alcaldías históricas e non logrou vilas grandes.
Perdeuse Antas e Taboada. E recuperouse Ribadeo, O Páramo, Rábade, conseguimos maioría absoluta no Corgo… O PSOE perdeu 44 concelleiros. A valoración é moi positiva porque ademais non renunciamos a gobernar en varios dos concellos onde fomos a lista máis votada, o escenario creo que o vai permitir. Imos pelexa por Viveiro, Vilalba, O Valadouro, Monterroso… Tamén haberá negociacions en Alfoz. En moitos concellos o PSOE pasou a ser unha forza case residual, en Guntín, Friol... en Becerreá creo que desapareceu…

En Sarria e Samos os candidatos non funcionaron tan ben como se esperaba. En Samos penalizou ao PP a incorporación do fillo do alcalde exsocialista e deste mesmo na súa candidatura?
Non sei se penalizou ou agradeceu, depende con que o compare. Subimos un 20%, é o mellor resultado dende que perdemos a alcaldía. Temos o reto sempre de gobernar, iso é indudable, pero non quere dicir que non analicemos os datos con realismo.

Hai unha frase que di que a humildade non se predica senón que se practica, e a bonhomía tamén"

E en Sarria que pasou?
Sarria merece outra análise. Carmen López fixo un gran traballo. Ata en Monforte, se me apuras, tamén subimos, co difícil que era naquel contexto. Creo que temos que apoiar as persoas que entran por primeira vez, animalas, sobre todo nas prazas que son máis complicadas pois porque o partido tivo as súas pecualidares, por ser gráfica. Hai que ver en que situación estamos e que tiñamos en fronte. Hai perfís de persoas que se incorporaron, apoderados, interventores, xente nas listas... Xente que supuxo unha renovación na maior parte dos casos serena e ilusionante. Faltan tres anos e once meses e medio para as seguintes. Esa é a actitude.

E que pasará nas seguintes con vostede? Repetirá tamén?
Pois iso vaino decidir a agrupación, non eu. Eu o que ratifico é que entro asumindo esta responsabilidade nesta etapa, que para min é ilusionante, e vou dar todo de min, contra os que tanto me atacaron de que era unha paracaidista, ou outras mensaxes que non quero reproducir porque son negativas, non son xustas e non axudan a construír unha cidade mellor. Sorpréndeme que a primeira entrevista que dá alcaldesa en funcións sexa par atacarme. Podo ata entendelo na campaña, pero seguir despois dando carnés de boas e malas persoas... Eu non os vou dar, pero téñome por unha persoa absolutamente honesta, con principios, e intento ser boa xente. Non quere dicir que non me equivoque, que moitas veces fágoo. Pero o outro non é elegante. Cada un saberá por que fai as cousas. Hai unha frase que di que a humildade non se predica senón que se practica.

Creo que o PP fixo un gran traballo na provincia, mellorou os resultados de 2019 e conseguiuse moita renovación"

Están aí as eleccións nacionais, poderíamos vela en Madrid?
Se me está preguntando se vou ir nas listas, non.

A pesar desa suba na provincia, o PP non conseguiu nin a capital nin a Deputación. Faille reflexionar sobre o seu futuro no partido?
Insisto en que son unha persoa que nunca derivo responsabilidades. Teño a maior porcentaxe de apoio de Galicia e creo que a quinto de España. Iso contesta a pregunta. Sen amarrarme a ningún sillón eh! Eu veño aquí asumir a miña responsabilidade e traballo como a primeira. Ata agora tiñamos Chantada como a vila máis grande, agora desprázaa Ribadeo e esperemos que Viveiro. Se eu tivese que replantearme iso, esa mesma pregunta habería que facerlla a moitísima xente. Pero eu despois de cada elección poño sempre a disposición a miña responsabilidade.

Tamén o fixo esta vez?
Si, si, ante o partido e o presidente.

E que lle dixeron?
Contestáronme que tiña o mellor resultado de Galicia. Creo que o PP fixo un gran traballo na provincia, melloráronse resultados e conseguiuse moita renovación.

Más en Elecciones Municipales 28M