Manuel Martínez: "Non vou pactar con ninguén; se me queren chamar para propoñerme algo, que o fagan"

O alcalde en funcións de Becerreá e candidato da lista máis votada, Galicia Sempre, analiza a baixada de votos e os resultados de Contamos na provincia
Manuel Martínez Núñez. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Manuel Martínez Núñez. VICTORIA RODRÍGUEZ

Sen pelos na lingua, como xa ten acostumados aos seus interlocutores, Manuel Martínez analiza "friamente" os resultados obtidos por Galicia Sempre (GaS), o seu partido, e Contamos, a coalición que el mesmo impulsou con Claudio Garrido, nos comicios do domingo. Tivo menos apoio en Becerreá, pero segue sendo o máis votado, e quedou ás portas do tan ansiado deputado no Pazo de San Marcos, pero encara este período coa tranquilidade e a bagaxe que lle aportan as máis de catro décadas que leva inmerso no xogo político.

A nivel local, pasou de sete a cinco edís, de maioría absoluta a simple. Que di destes resultados?
Naquel momento levei decepción, vin os resultados e fun para a cama. Esperaba como mínimo seis, pero pensándoo friamente estou satisfeito. Perdín a absoluta, si, pero un partido de implantación territorial volveu ser a lista máis votada. Despois de catro lexislaturas sigo sendo o máis apoiado, pese á campaña tan difícil de bulos e desinformación que houbo, sobre todo por parte do PSOE.

Precisamente foi o PSOE o que desapareceu da corporación de Becerreá.
Se vas mentindo, a xente nótao, e iso aproveitárono PP e BNG, que subiron. Nesta campaña pódese dicir que tres partidos e medio, porque Vox apenas se meteu, o único que buscaban era desgastar e machacar a Manolo Martínez.

Cre que iso acabou callando nos seus votantes?
Algo si, porque non era só un partido, eran todos.

Fixo autocrítica? Atribúese erros a si mesmo?
Erros claro que puiden cometer, pero levantar un consistorio novo e disolver o GES son decisións que tomei conscientemente porque penso que son o mellor para Becerreá. O GES era un auténtico niño de conflitos que non lle aportaba nada ao concello e, desde que teño uso de razón, Becerreá pide unha praza. É clave para un pobo ter un lugar de reunión. Tamén usaron contra min a residencia de maiores, que non depende para nada do Concello e tela pechada o único que demostra é o indigno e deplorable da actuación do presidente da Deputación.

A renuncia en plena lexislatura —no mes de outubro— de Claudio Vázquez, un dos membros máis activos do equipo de goberno e quen ata entón se mantivo ao seu lado, puido reflectirse nos votos?
Todo suma. Independentemente das diferenzas que había, que as había, persoalmente creo que debería ter agardado ao remate da lexislatura para irse. Aquilo puido provocar preocupación nos votantes.

Agora toca pensar en pactos. Iniciou negociacións?
Eu non vou pactar con ninguén. Se me queren falar para propoñerme algo, que o fagan, pero ata agora non aprobaron nada do que fixen e non sei nin que proxecto queren para Becerreá. Eu téñoo claro: un novo PAC. Xa gobernei con cinco contra seis e estiven na oposición, somos vellos coñecidos e sabemos o que hai. Non necesito a política para vivir, estou nela porque teño uns principios e non vou renunciar a eles.

Ve logo un posible acordo entre o PP e o BNG?
Ideoloxicamente é imposible, pero persoalmente pode pasar, que se unan de xeito puntual para ir por min. Polo menos niso están de acordo e se lles coinciden os proxectos, eu anímoos a que sexan valentes e dean un paso adiante. Somos dos poucos concellos nos que ninguén está contento co seu resultado: eu esperaba seis, o PSOE quería acabar comigo, o PP propoñíase gañar e o BNG esperaba ser o líder da oposición.

Ideoloxicamente é imposible un acordoe entre PP e BNG, pero persoalmente pode pasar, que se unan de xeito puntual para ir por min"

Alegrouse da saída dos socialistas da corporación becerrense?
Non. Gustaríame que tivesen un concelleiro para vernos vis a vis no pleno. Eu sígome sentindo socialista, foi a miña casa durante moito tempo, pero non sanchista, como tantos da provincia.

E que pasou con Contamos?
Tivemos 4.500 votos. Entre os 300 que perdín eu e conseguindo mil en Lugo, onde nos tería beneficiado unha campaña máis forte, teriamos ese deputado.

Arrepíntese deste proxecto?
Para nada. Hai catro anos quedaramos a pouco de entrar na Deputación e desta vez eramos un grupo de amigos aos que lles gusta a política. Estabamos ante unha oportunidade única.

Estivo pendente do vaivén entre PP e PSOE xogándose a Deputación na noite do domingo?
Non me preocupa que goberne o PP ou o PSOE. Ningún lle deu nunca un duro a Becerreá, máis alá do estritamente obrigatorio, e ningún me dá confianza.

Pensa xa en 2027?
Catro anos en política son unha eternidade.

Más en Elecciones Municipales 28M