O BNG de Muras aposta por remunicipalizar a xestión do Servizo de Axuda no Fogar

Tamén quere crear un centro comunitario dos maiores na antiga reitoral e unha zona coworking na Casa de Rouco, ademais de implantar unha marca protexida para comercializar a carne vacún do municipio
Candidatura do BNG de Muras. EP
photo_camera Candidatura do BNG de Muras. EP

O BNG de Muras aposta dentro das súas accións programáticas remunicipalizar a xestión do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), un servizo "fundamental", explican, que actualmente está prestando ao redor de "19.000 horas anuais, 18.000 a persoas dependente, cunha equipa de 18 auxiliares".

"Esta medida permitiría aforrar ata un 20% do custe do servizo", explica o candidato e actual rexedor, Manuel Requeijo, quen cree que tamén poddería ofrecer "unha xestión máis eficaz e eficiente", así como "recuperar o control total da prestación do programa, a pesar de que é unha competencia exclusiva da Xunta que o PP non quere asumir e lla carga aos concellos", critican.

No ámbito dos servizos sociais, o BNG tamén leva no seu programa a reforma e adaptación da reitoral de Muras para convertela nun centro sociocomunitario para os maiores e, para iso, Requeijo indica que xa realizou "diferentes xestións no obispado para conseguir a cesión do inmoble e que isto sexa unha realidade nos vindeiros anos".

O candidato nacionalista manifestou que a vindeira lexislatura "vai ser a da promoción económica, coa posta en funcionamento do polígono industrial e a creación dun centro coworking na Casa de Rouco". "Os emprendedores terán sitio e ferramentas para levar a cabo os seus proxectos", indicou.

En canto ao sector agrogandeiro, o rexedor explica que tamén é necesario impulsar mecanismos de protección e promoción da carne vacún de Muras que, "polas súas especiais características de alimentación, manexo e calidade debe ser diferenciada e protexida para favorecer a súa comercialización a un prezo digno". Para iso, queren poñer en marcha unha marca protexida.

Más en Elecciones Municipales 28M
Comentarios