martes. 13.04.2021 |
El tiempo
martes. 13.04.2021
El tiempo

Víctor Álvarez: "A maior rede de centros comerciais de Xapón utiliza a nosa tecnoloxía"

Víctor Álvarez. SITUM
Víctor Álvarez. SITUM
Este enxeñeiro informático (Quiroga, 1987) creou Situm no 2014 con outros tres investigadores da USC e un cuarto socio do mundo da empresa. Convertéronse en referentes co seu GPS de interiores que permite orientarse en centros comerciais, aeroportos ou hospitais cun smartphone

Coa precisión como un dos seus puntos fortes, o localizador de poscionamento para espazos pechados que lanzaron Víctor Álvarez, Cristina Gamallo, Adrián Canedo e Gregory Botanes xa se emprega en 300 edificios no mundo. Hoxe os seus usos van dende guiar a usuarios que se moven por establecementos públicos coma un hospital ou un centro comercial ata permitir localizar e monitorizar, tamén a través do móbil, a equipos de traballo que se desprazan por grandes edificios para mellorar a prestación de servizos.

Sete anos despois da fundación de Situm, que obxectivos de crecemento se marcan?
Cando arrancamos, eramos un grupo de investigadores da USC e, daquela, o noso maior obxectivo era conseguir que unha tecnoloxía que nace na universidade rematase nas rúas e que todos a puideran utilizar. Foi unha das razóns polas que montamos a empresa como un vehículo para levar a tecnoloxía ao día a día das persoas, isto é, que non quedase nun laboratorio da universidade. Este era o noso grande obxectivo e cumprímolo. Sete anos despois, a meta é distinta. Como calquera outra empresa, queremos conseguir uns números relevantes e grandes, que nos poñan no panorama das grandes tecnolóxicas xa non só do país, senón do mundo. E como temos esa tecnoloxía que saíu da universidade, e que no seu día era un referente mundial, cremos que temos as ferramentas que necesitamos para que se nos coñeza máis alá das fronteiras de España.

De feito, o voso produto está implantado no aeroporto de Barajas e no Marineda City, pero xa trascende a outros países...
Si. A maior cadea de centros comerciais do Xapón leva un ano traballando connosco. Entón, axudámoslles aos clientes de toda a rede de establecementos a atopar as tendas ou calquera servizo que estean buscando dentro dos centros comerciais.

A pandemia supuxo algún desenvolvemento novo na aplicación de xeolocalización?
A covid supuxo dúas cousas. Dun lado, a ralentización e case paralización da actividade. Isto é debido a que a nosa tecnoloxía diríxese aos edificios, sobre todo aos que son moi grandes. Coa pandemia, este tipo de instalacións tiveron un baixón importante de afluencia. Para nós, iso supuxo unha paralización bastante grande. Por outro lado, pensamos que a nosa tecnoloxía podía axudar ás empresas á hora de volver á oficina. Por que? Porque nós sabemos onde está cada un dos traballadores e, se hai un contaxio, podemos avisar a outros empregados que estiveron preto e, polo tanto, en risco.

En cantos edificios está funcionando agora a vosa aplicación?
Temos arredor de 6.000 edificios que, en todo o mundo, instalaron e probaron ou están probando a nosa tecnoloxía. Deles, convertéronse xa en clientes 300 edificios en nove países, entre os que figuran Xapón, Tailandia, Turquía, Francia, España e Brasil.

En que consiste a alarma do botón do pánico que desenvolveron? Trátase dunha funcionalidade engadida ao xeolocalizador?
Si. Como traballamos con moitas compañías que teñen empregados que operan en zonas perigosas, axudámoslles a través dun botón do pánico a que poidan pedir asistencia á súa empresa ou compañeiros en caso de ter calquera problema. Se se atopan sós e sofren un ataque ou lles pasa algo, poden pedir axuda co envío da súa ubicación.

Estades demostrando que dende un lugar tan pequeno no mapa como Galicia é posible ter proxección no sector tecnolóxico.
Totalmente. Na miña opinión, iso vén grazas a que é unha empresa que se orixinou a partir do coñecemento da universidade. É moi importante que todos os territorios teñan unha universidade forte, cun equipo de investigación forte, para poder xerar tecido tecnolóxico competitivo a nivel mundial.

Situm é finalista nos Premios Galicia de Innovación e Deseño que a Xunta vai entregar hoxe. Percibides unha maior transferencia do que se fai no campo da investigación cara ás empresas?
Si. Cada vez máis. Iso débese en parte ás políticas das universidades e das administracións públicas de apoio ás empresas. Tamén se dá grazas ao respaldo dos fondos de investimento. Ao final, emprender require dun capital importante. No noso caso, Situm nace grazas a Unirisco, que é unha sociedade de capital risco galega que se dedica a apoiar estas iniciativas que saen das universidades.

Á marxe de Unirisco, Situm conseguiu o apoio dalgún outro fondo de capital risco ou empresa?
Captamos case 3 millóns de euros de dúas empresas e dous fondos de investimento. Tratase de Prosegur e Amadeus, e en canto aos fondos, un é público, que é XesGalicia, e o outro é privado, Swanlaab.

Víctor Álvarez: "A maior rede de centros comerciais de Xapón...
Comentarios