Os traballadores de Meirama farán folga indefinida desde este martes

Piden "un compromiso de investimento" por parte da compañía co que manter os postos de traballo tras o seu peche, programado para o 30 de xuño
Meirama, en Cerceda. ARCHIVO
photo_camera Meirama, en Cerceda. ARCHIVO

O comité de empresa da central térmica de Naturgy en Meirama, no municipio coruñés de Cerceda, decidiu "por acordo maioritario" convocar unha folga indefinida a partir deste martes "para conseguir un compromiso de investimento" por parte da compañía co que manter os postos de traballo tras o seu peche, programado para o 30 de xuño. 

A través dun comunicado, os traballadores explican que, despois de varias reunións mantidas coa dirección de Naturgy entre os meses de novembro e febreiro, a empresa "non vai realizar ningún investimento nas comarcas afectadas no futuro próximo". 

"Soamente está a estudar a construción a longo prazo de dous parques eólicos, incumprindo o previsto nos plans de transición xusta do Ministerio de Transición Ecolóxica para as zonas afectadas polo peche de minas e centrais térmicas de carbón", engade o comité. 

Así, os empregados lamentan que Naturgy "descarte" a conversión da planta á biomasa ou ao biogás, "cuxo estudo solicitara a Xunta de Galicia". Paralelo a iso, tamén critican que a compañía "tampouco contemple ningunha alternativa laboral" para as auxiliares. 

"Ante esta situación e como último recurso para conseguir un compromiso de investimento na comarca, que permita o mantemento dos postos de traballo, o comité de empresa da central térmica de Meirama, por acordo maioritario, realizou a convocatoria legal dunha folga indefinida que dará comezo o día 10 de marzo de 2020", é dicir, este martes. 

Non en balde, os traballadores critican que Naturgy "rexeitase" a solicitude de mediación que presentaron ante o Consello Galego de Relacións Laborais da Xunta e que se tivesen que decatar da solicitude de peche, presentada en decembro de 2018, "polos medios de comunicación". 

Reunión de As Pontes
Por outra banda, Goberno central, Xunta, Concello das Pontes e representantes dos traballadores sentarán deste martes con Endesa en Madrid na mesa de seguimento para abordar o futuro da central das Pontes. 

Este encontro lévase a cabo mentres se realizan probas con biocombustibles na térmica para avaliar a posibilidade de alongar o seu período de vida tras a solicitude de peche da central realizada por Endesa. 

Comentarios