Carlos García Cumplido | Fegatramer

"Todas as empresas precisan medidas, non só o transporte"

Carlos García Cumplido. EP
photo_camera Carlos García Cumplido. EP

"Os problemas deféndense nas mesas de traballo e non se arranxan nun día nin nunha semana", reivindica o presidente da Federación Galega de Transportes de Mercadorías, que rexeita a folga ao entender que a crise trascende ao sector.

Por que non parou Fegatramer?
Entendemos que un paro indefinido, máis que constituír unha forma solventar o problema, é unha causa de agravación do mesmo. O problema non é específico do transporte de mercadorías, senón que afecta ao conxunto do tecido produtivo que non é quen de facerlle fronte ao encarecemento do gasóleo. Polo tanto, isto require medidas transversais, que afecten a toda a estrutura produtiva.

Como avalía o paquete de axudas por 500 millóns que avanzou o Goberno o luns?
É un primeiro paso? Non é un primeiro paso. Houbo outros acordos importantes en decembro. Estas medidas que propón agora o Executivo axudan a tratar de resolver o problema. A cuestión estriba en que chegan tarde. Eses cartos son insuficientes e non podemos agardar por eles ata primeiros do mes que vén como pretende o Goberno.

Que agarda do encontro que hoxe celebrarán o ministerio e o Comité Nacional do Transporte?
Nós xa trasladamos que hai que axilizar e por iso conseguimos que a reunión se adiantase un día. Esperamos que nos digan como se vai distribuir a axuda para tratar de paliar temporalmente esta situación. Porque, como digo, se a conxuntura económica non cambia e non adoptamos outro tipo de medidas isto non será suficiente. Nun mes estariamos na mesma situación. Precisamos outro tipo medidas para que o tecido produtivo poida traballar, entre elas figuran prezos da enerxía eléctrica e gasóleo asumibles. O Comité Nacional e os empresarios do transporte pedimos unha axuda a través dunha bonificación fiscal do gasóleo, pero a sociedade ten que ter claro que a quen beneficia é ás fábricas que producen mercadorías, pois iso abaratará o transporte.

"O comité nacional é o interlocutor válido. Cada asociación votos en función das empresas ás que acredita representar"

Que mensaxe lles traslada aos transportistas que seguen o paro?
A mesma que antes de que arrancara. Entendemos que moitos estean parados, pois se non pagan o suficiente no se pode traballar. Pero, tamén entendemos que o que ten acadado un bo acordo para transportar debe poder facelo. Non se pode coaccionar a ninguén. Cada un sabe o que ten que facer porque lle vai ao peto.

É lícito que o ministerio se negue a sentar a negociar coa plataforma convocante...
A pregunta había facerlla ao Goberno. En maior ou menos grado representan a algunha parte do transporte. Entendemos que a ministra diga que o interlocutor é o Comité Nacional porque o Goberno creou ese órgano para que as moitas asociacións de transportistas de España tiveran un mecanismo para acreditar a súa representación. No comité cada un ten un número de votos en función das empresas que acredita representar, e que cada catro anos ten que revisar esa representación. Por iso o comité é un interlocutor válido.

A plataforma culpa o comité de servir aos grandes cargadores...
É unha das moitas mensaxes demagóxicas que utilizan algunhas persoas desa plataforma da que antes do paro ninguén escoitara falar. Na Federación Galega de Transportes de Mercancías os nosos socios son todos pequenos empresarios de Galicia, cunha media de 3,8 vehículos. Máis do 50% ten un só vehículo. Cando din que eles representan aos pequenos respondo que non coñecen a realidade. En España hai 350.00 vehículos en mans de 105.000 empresas. A Confederación Española de Transportes de Mercadorías, a CETM, que está no comité, é a asociación maís grande de España e de Europa. Representa ao 51% acreditado das empresas e vehículos.

Comentarios