Santiago Lago: "Non é razoable subir as pensións co IPC, deben estar no pacto de rendas"

Medio cento de académicos, empresarios e membros da administración e a banca debaten en Muxía no primeiro encontro anual do Foro Económico de Galicia trala pandemia. O director do 'think tank' defende adaptar o IRPF á inflación, un posible "punto de encontro" entre PP e PSOE
Santiago Lago, director del do Foro Económico de Galicia. MALÚ LÓPEZ
photo_camera Santiago Lago, director del do Foro Económico de Galicia. MALÚ LÓPEZ

Os retos que afronta Galicia en materia industrial, administrativa, fiscal e de infraestruturas centran o encontro anual do Foro Económico de Galicia no parador de Muxía. O seu director, o catedrático de Economía Aplicada da UVigo Santiago Lago, que foi membro do comité de expertos que trazou propostas para a reforma do sistema tributario que o Goberno central ten por diante, rexeita que unha baixada de impostos sexa o remedio para saír da crise. Conselleiro de Impulsa Galicia, a sociedade creada pola Xunta, Reganosa, Abanca e Sogama para apoiar proxectos empresariais estratéxicos para Galicia, este experto defende a fortaleza do tecido produtivo galego.

Repasaron a situación da industria coa participación de empresarios de sectores como a construción ou a siderurxia. Coa subida dos custos enerxéticos e as interrupcións nas cadeas de suministros, ¿a crise industrial é agora máis unha realidade que un mito?
Falamos da parte estrutural e non tanto da situación conxuntural destas semanas. En xeral, toda Europa está tendo estes problemas, pois a situación é difícil para todo o mundo. Cando falamos de crise industrial, referímonos ao tecido empresarial. Constatamos que é verdade que hai algunhas empresas e sectores que están en dificultades, pero non é cousa de agora, senón que vén arrastrado. Aí están Alcoa, Ence ou as térmicas. Pero, a carón diso, temos moitísimas outras empresas cun comportamento positivo. Non nos foi peor que ao conxunto de España. Galicia fíxoo razoablemente ben en comparación con outros territorios nos últimos 20 anos. A carón destas ramas produtivas con problemas temos moitas outras empresas ás que lles foi moi ben, como Estrella Galicia, Coren, as conserveiras ou Inditex. É importante cando se fala de como está a estrutura produtiva, non quedarse coa fotografía do que está mal. Hai que ver o conxunto.

Nas vindeiras semanas, Galicia afronta o relevo na Xunta. No plano económico, o sucesor de Feijóo fará ben se opta polo continuísmo ou debera aplicar algún cambio?
O Foro non opina. Pero, a título persoal, creo que no terreo industrial a liña aberta como consecuencia da pandemia coa sociedade Impulsa Galicia é moi positiva. Van por aí os tiros do que debemos facer. Logo, en xeral, no que atinxe á política industrial, sempre que hai un cambio de goberno, é unha oportunidade para revisar cousas e o razoable é facelo sempre. Non obstante, nestes momentos, a liña máis poderosa é a de Impulsa Galicia, co centro de fibras textiles ou o centro de economía circular. A Xunta está moi ben encamiñada. É un magnífico exemplo de colaboración público-privada, da que tantas veces falamos. É unha moi boa concreción, ao xuntar as grandes empresas do país coa Xunta e poñerse a deseñar proxectos que aproveiten as oportunidades do país. Ningún outro territorio de España fixo unha sociedade como esta. O camiño é moi positivo.

Política fiscal
"Baixar os impostos non é a vía. Deflactar os elementos do IRPF si é intelixente e poría diñeiro no peto dos cidadáns"

A nivel fiscal, están a ser varias as voces que chaman a deflactar as tarifas do IRPF...
Creo que unha cousa é falar de baixadas de impostos, que eu non vexo, pois penso que non é a vía, e outra diferente é a de deflactar os elementos do IRPF, como a tarifa ou os mínimos persoais e familiares. Isto último, tamén pon diñeiro no peto dos cidadáns pero, en sentido estrito, non é unha baixada de impostos. É, simplemente, axustar o imposto á inflación. É algo que periodicamente hai que facer e aproveitar o momento actual é oportuno e intelixente. Hai un ano, falar disto era pouco relevante. De feito non falamos disto nin sequera na reforma da que formei parte, porque non era un asunto que estivera na axenda. Pero, agora os prezos subiron moito. Ese podería ser o punto de confluencia entre as demandas do PP de actuar na fronte fiscal e o PSOE, que podería asumilo ao non tratarse dunha rebaixa fiscal en sentido estrito.

Tralo profundo estudo do sistema fiscal que realizaron no seo do comité de expertos, ¿coa que está caendo, ao Goberno e a Bruxelas tocaralles revisar o calendario da reforma?
Por suposto. No propio documento apuntabamos que o tempo habería que axustalo á conxuntura. Con isto, máis motivo aínda. Son medidas que non son para aplicar xa. Son interesantes, pero hai que agardar o momento exacto.

¿Revalorizar as pensións conforme ao IPC medio deste ano é asumible?
Non estou dacordo coa revalorización co IPC. Defendo o pacto de rendas, o que quere dicir que temos que asumir que temos un empobrecemento xeral polo incremento dos prezos da enerxía e doutros suministros e, polo tanto, temos que compartir isto entre todos. Iso faise asumindo que non todos podemos subir as nosas rendas o que sube a inflación porque, se o facemos, entramos nunha espiral de prezos. Temos que repartir. Entón, discutamos como. Por iso o pacto de rendas debe ser plurianual. Isto é, este ano que me suban o soldo un 3 ou un 2,5%, pero que nos vindeiros mellore por enriba da inflación para recuperar. Coas pensións habería que facer algo semellante, pois non é razoable que se suban conforme ao IPC no 2022. Teñen que entrar no pacto de rendas. Non pode ser que traballadores, empresarios e arrendatarios de vivendas estean suxeitos a subas do 2 ou 3% e unha parte da sociedade estea á marxe. Non é xusto nin razoable.

A cita do foro tamén serve para facer balance e abordar as perspectivas. Que proxectos tedes en mente?
Imos sacar un informe en inglés para os analistas estranxeiros, para os investidores e para todos os que queiran saber como funciona Galicia. Trátase de que teñan un acceso rápido e cómodo a toda a información.

Comentarios