Promotores eólicos estiman que investirán 5.000 millóns en Galicia o próximo decenio

Piden un marco "estable" e reivindican que a comunidade é un 12% máis eficiente na produción desta enerxía que a media 

Un parque eólico. AEP
photo_camera Un parque eólico. AEP (ARCHIVO)

A Asociación Eólica de Galicia (EGA) estima en 5.000 millóns de euros o investimento que "se fará" entre os anos 2020 e 2030 durante a construción dos novos parques eólicos previstos. 

Ante este escenario, pide "un marco regulatorio estable, con consenso político e que perdure, en aras de lograr unha visibilidade a longo prazo que xere confianza nos investidores á hora de tomar decisións industriais". 

A finais de 2018, apuntan os promotores eólicos nun comunicado de prensa, Galicia contaba con 3.423 megawatts de potencia instalada, sobre un 14,5% do total de España, repartida en 162 parques en explotación.  E para o final deste ano 2019, como consecuencia da posta en servizo dos parques previstos, prevén unha potencia total instalada duns 4.000 megawatts. 

Segundo estes datos, sinalan que Galicia ocupa na actualidade o terceiro posto en potencia instalada, por detrás de Castela e León (5.591 MW) e Castela-A Mancha (3.847 MW).  "Por tanto, cando finalice o ano en curso, preténdese recuperar a máxima potencia instalada nun ano, un ritmo aproximado de instalación que se observou nos anos da primeira implantación eólica", resalta EGA. 

As previsións para o decenio 2020-2030 apuntan a que se construirán uns 4.500 megawatts novos, o que duplicará a potencia instalada. 

Máis de 8.000 postos de traballo novos
En canto ao emprego, agrupando o que corresponde a parques en construción e en explotación, calculan que se xerarán máis de 8.000 postos de traballo novos e que superarán os 12.000 en total vinculados "directamente" ao sector. 

"A tecnoloxía eólica, igual que a biomasa, será a que máis poida crecer en Galicia, porque non se van a facer novas centrais hidroeléctricas. E aquí non temos nin sol nin territorio para poder facer rendible a enerxía fotovoltaica, de tal forma que a eólica en Galicia ten aínda moito percorrido", reivindican. 

Segundo EGA, a media da xeración eólica anual en Galicia sitúase na contorna dos 8.122 gigawatios hora durante o últimos cinco anos, e foi 2013 o ano de maior xeración ao producir 9.541 gigawatios hora. 

A media de funcionamento dos parques neste período foi de 2.420 horas anuais, mentres que en España baixa a 2.160 horas anuais, de acordo coas súas cifras, do que deducen que o parque de xeración eólica en Galicia é un 12% máis eficiente que a media do parque eólico nacional. 

Comentarios