O PIB galego pecha 2017 cun aumento do 3,1% grazas ó "impulso exportador"

Facenda destaca que Galicia "iguala o seu mellor resultado dos últimos 10 anos" e cifra en 18.000 os empregos a tempo completo creados 

Las exportaciones crecieron más de un 8% en 2017. GONZALO GARCÍA
photo_camera As exportacións medraron un 5,5% no último trimestre de 2017. GONZALO GARCÍA

A economía galega creceu un 0,7% no cuarto trimestre de 2017 en relación ao terceiro, de modo que pechou o ano cun aumento do 3,1% en comparación co exercicio anterior, como a media do conxunto estatal, segundo os datos de contabilidade trimestral que publica este xoves o Instituto Galego de Estatística (IGE). 

Nun comunicado de prensa, a Xunta, a través da Consellería de Facenda, destaca que con esta cifra do 3,1% o produto interior bruto (PIB) de Galicia "iguala o seu mellor resultado dos últimos 10 anos". 

Ao lado da demanda, a formación bruta de capital rexistrou un incremento do 4,2% no cuarto trimestre sobre o mesmo período do ano anterior, após repuntar un 1% intertrimestralmente. As exportacións de bens e servizos acumularon un ascenso do 5,5% anual e a importación de bens e servizos, do 3,7%. O gasto en consumo final experimentou unha alza do 1,7% en relación co cuarto trimestre de 2016. 

Por parte da oferta, a estrutura do PIB atribúe un 63,5% do valor engadido ao sector servizos, o 16,6% á industria, o 6% á construción e o 4,7% á agricultura. 

En canto ao emprego, rexistrou un descenso interanual no cuarto trimestre do 2% en agricultura, gandaría, silvicultura e pesca, pero incrementos do 4,4% e do 4% en actividades inmobiliarias e industria manufacturera.

"BO COMPORTAMENTO TODOS Os SECTORES". Pola súa banda, Facenda reivindica que a economía galega "mantivo a súa fortaleza e mellorou as previsións de crecemento da Xunta cando se aprobaron os orzamentos para o pasado exercicio, que situaban o incremento no 2,4%". 

Así, sinala que o PIB da comunidade galega encadea xa nove trimestres consecutivos con taxas de crecemento iguais ou superiores ao 3%. 

"O bo comportamento baseouse nos resultados positivos de todos os sectores, o incremento do consumo dos fogares e das administracións, e tamén a evolución favorable un ano máis d exportacións de bens e servizos", resalta a Consellería. 

En todo o ano, o gasto en consumo final creceu un 1,5%, cun repunte do 2,1% do gasto das administracións públicas, e tamén tivo "un forte incremento a formación bruta de capital, que creceu un 3,2%, por encima de 2016 (0,6%)", indica. 

Todos os sectores da economía galega, apunta, continúan "en positivo", tanto a construción (3,5%) como os servizos (3,3%), cunha evolución destacada da rama de comercio, transporte e hostalaría, que crece un 6,3%. 

Tanto o sector primario como a industria creceron un 1,7%, cun avance maior da industria manufacturera (4,2%), a máis intensiva en emprego. 

Ademais, a comunidade mantivo o seu "impulso exportador", incide a Xunta, ao alcanzar as exportacións un crecemento do 4,8%. "Galicia está a vivir o seu mellor ciclo exportador logrando que o últimos cinco anos sexan os de maiores vendas ao exterior da súa historia". 18.000 EMPREGOS

LABORAL. As contas trimestrais do IGE "confirman tamén", a xuízo do departamento autonómico, que "a recuperación económica está a se trasladar ao mercado laboral". 

En 2017, o número de postos de traballo equivalentes a tempo completo subiu un 1,8%, o que supón un incremento de 17.677 postos con respecto a 2016. 

Neste ámbito, a Consellería de Facenda valora o incremento no sector primario (+3,5%) e na industria (+3,3%). En concreto na manufacturera foi do 3,4%, e o resto de sectores tamén experimentaron variacións positivas. 
 

Comentarios