Pescanova construirá en Mira (Portugal) a piscifactoría que non quixo Touriñán

Sinatura do acordo entre Pescanova e o goberno Portugués
photo_camera Sinatura do acordo entre Pescanova e o goberno Portugués

O Goberno portugués asinou hoxe coa empresa Pescanova o contrato de inversión para a construción dunha piscifactoría de rodaballo na localidade costeira de Mira. A planta aspira a ser a de maior produción de Europa.

Inicialmente, o proxecto da planta acuícola estaba previsto que se ubicase en cabo Touriñán, en Muxía, pero a proposta rexeitouse ao ser Touriñán unha zona costeira de especial protección medioambiental, dentro da Rede Natura. Non pasou o mesmo en Portugal, onde si houbo acordo gubernamental, a pesar de que Mira, tamén goza desta mesma protección ecolóxica.

Como xa pasara en Galicia, a planta portuguesa topou coas protestas dos grupos ecoloxistas. O grupo Quercus xa anunciou que non descarta emprender accións legais para tentar evitar a construción da planta. O informe sobre a ubicación da planta foi aprobado polo Instituto do Ambiente portugués, pero o estudo ambiental da acuícola aínda se atopa en fase de alegacións.

Rodaballo para Portugal
Segundo o Executivo luso, "con esta firma dáse un paso decisivo na conquista dun proxecto estremadamente disputado no escenario internacional". O proxecto precisará unha inversión de 140 millóns de euros e, segundo o ministro de Economía portugués, Manuel Pinho, “duplicará a capacidade do noso país nesta industria e creará 200 empregos de alta cualificación tecnolóxica”.

As obras para construír a planta de cría e procesado de rodaballo comezarán antes de outrubro e a primeira fase do proxecto estará concluída a finais de 2008. Daquela, Pescanova espera estar producindo en Mira 3.500 toneladas de peixe, a metade das 7.000 previstas cando funcione a pleno rendemento. 

No acto da sinatura do acordo, o responsable de Pescanova, Manuel Fernandez de Sousa-Faro, incidiu no interese que "os países máis avanzados do mundo" amosan pola acuicultura, industria que cualificou de "limpa, compatible co medio ambiente e o desenvolvemento sustentable".

Valoracións políticas
O presidente de la Xunta, Emilio Pérez Touriño, declarou, a respecto da sinatura deste acordo que "Galicia é un referente para Portugal", e non ao revés. Felicitou ao goberno luso polo acordo, pero puntualizou que Galicia "crece máis e mellor (...) e mantén a súa aposta polo territorio".

Asegurou que se está a elaborar un plan sectorial en materia de acuícola "que espero que posibilite e permita tamén que Galicia siga sendo unha potencia mundial na materia", pero que neste caso en concreto, o goberno galego non é como o portugués no que respecta á protección do territorio.

O líder da oposición, Alberto Núñez Feijoo, tamén valorou a sinatura do acordo entre Pescanova e o goberno luso, pero en sentido contrario a Touriño. Para Feijoo o acordo supón unha "pésima noticia para Galicia".

Calificou ao goberno de "irresponsable" por deixar marchar a acuícola ao país veciño, "a pesar de ter todos os permisos e facer todos os investimentos necesarios" para que a planta se ubicase en Touriñán. Feijoo chegou a recriminar que "140 millóns de euros de inversión e 300 postos de traballo deixen Galicia, e unha das zonas máis afectadas polo ‘Prestige’ como Muxía".

Comentarios