sábado. 07.12.2019 |
El tiempo
sábado. 07.12.2019
El tiempo

A Epa confirma a ralentización na creación de emprego en Galicia

Oficina de empleo. ARCHIVO
Oficina de empleo. ARCHIVO
No terceiro trimestre houbo 6.900 ocupados máis, cando no verán de 2018 o aumento fora de 20.700 persoas

A ocupación creceu en 6.900 persoas en Galicia no terceiro trimestre de 2019 con respecto ao segundo e alcanza os 1.105.700 ocupados na comunidade. Isto supón un freazo con respecto ao mesmo periodo do ano pasado, cando a ocupación aumentou en 20.700 persoas durante os meses estivais.

En canto ao paro, subiu en 3.100 persoas no terceiro trimestre en Galicia en relación co trimestre anterior (+2,2%), ata 143.500 desempregados (a taxa queda no 11,5%), segundo a Enquisa de Poboación Activa (Epa) publicada este xoves. 

En cambio, en España o paro baixou en 16.200 persoas no terceiro trimestre do ano, o que supón un 0,5% menos que no trimestre anterior, até situarse o total de desempregados en 3.214.400 persoas, o seu menor nivel en once anos, segundo a Epa. 

Por comunidades, Galicia rexistra o sexto aumento relativo do paro, con Navarra á cabeza (+7,6%). Este trimestre hai unha decena de autonomías nas que se reduce o paro, liderado por Baleares (-30,9%). 

Na comunidade galega, respecto ao mesmo trimestre de 2018, a caída do desemprego foi en 9.500 persoas, un 6,2% menos. Os ocupados son 9.200 máis que 12 meses atrás, un 0,8% máis. 

A taxa de paro en Galicia sitúase no 11,5%, máis de dous puntos por baixo da media española, que se atopa no 13,92% no terceiro trimestre. Para os homes, a taxa de paro é inferior (9,8%) que para mulleres (13,3%).

AUMENTAN OS ACTIVOS. No terceiro trimestre de 2019, o número de activos galegos incrementouse en 10.100 persoas, á vez que a taxa de actividade ten unha alza de 0,4 puntos en comparación co tres meses anteriores. 

Así, hai 1.249.200 persoas activas, cunha taxa de actividade do 53,5%. Esta taxa é superior en homes (58%) que en mulleres (49,3%).

DATOS ESTATAIS. En España, o descenso do desemprego é inferior aos rexistrados en todos os terceiros trimestres do últimos sete anos, de forma que hai que remontarse até o terceiro trimestre de 2012 para atopar un dato peor: o que arroxou un aumento do paro de 93.200 persoas. 

A pesar diso, a taxa de paro contraeuse unha décima no terceiro trimestre, até o 13,92%, polo que baixa do 14% por primeira vez en 10 anos, en concreto desde o cuarto trimestre de 2008. A taxa de actividade retrocedeu lixeiramente, até o 58,72%, após aumentar o número de activos en 53.200 persoas entre xullo e setembro (+0,2%). 

A Epa confirma a ralentización na creación de emprego en Galicia
Comentarios