Los greleiros aumentarán la producción para conquistar el mercado español

Productora de grelos (Foto de arquivo: EPL)
photo_camera Productora de grelos (Foto de arquivo: EPL)

É o inseparable compañeiro do lacón e ingrediente imprescindible do caldo galego. Faise esperar ata a chegada do inverno, mais o grelo acada entre os meses de xaneiro e marzo a máxima cota de produción. Os greleiros galegos están ''expectantes'' ante a previsible aprobación, para este ano, da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) 'Grelos de Galicia', segundo indican dende a Consellería de Medio Rural.

Mentres tanto, aumenta ano tras ano a cantidade de verdura que recollen os produtores. A asociación Terrasa, de produtores de horta da Terra Chá e da costa de Lugo, recolleu no 2007 arredor de 200 toneladas cultivas por dez produtores da zona, aínda que comercializan en fresco a colleita de 80 greleiros da zona.

O presidente deste colectivo, José Manuel Fraga, destaca que este ano a produción será máis abundante. ''Quitando os atrancos meteorolóxicos, vai moi ben, moito mellor que o ano pasado''. Deste xeito, canto máis produto haxa, máis se poderá vender alén das fronteiras da nosa comunidade.

É o principal obxectivo ó que aspiran dende o Instituto Galego da Calidade Agroalimentaria (Ingacal), encargado xunto coa dirección xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria de coordinar todo o proceso.

Está constatado que o grelo ten unha ''boa aceptación e prestixio'' no resto do mercado estatal, pero a día de hoxe é difícil atopalo na cadea de distribución e na restauración española. Neste sentido, Fraga apunta que ''hai por diante un traballo largo. Temos que conseguir que sexa tan coñecido como a espinaca no mercado español''. Para alcanzar esta meta, o productor propón difundir un recetario con platos atractivos que incorporen a verdura galega.



O mercado fóra de Galicia resístese
A responsable de Champivil, empresa que comercializa grelos en conserva e conxelados, Luz Divina Castelo, asegura que atopan ''reticencias'' das grandes superficies de fóra da comunidade.

''Veno coma un produto moi rexional e se non llo pide moita xente non nos compran''. A envasadora ten entre as tendas 'gourmet' e os pequenos establecementos os seus maiores clientes. Aínda así, a empresa vendeu no 2001, o primeiro ano que comercializou os grelos enlatados, 300 latas, cifra que no 2008 chegou arredor das 100.000.

Luz cre que a IXP contribuirá a sobrepasar esta barreira ó darlle ''máis recoñecemento''. De tódolos xeitos, parte das latas que saen da firma de Vilalba ábrense en fogares de Barcelona, Bilbao, Madrid ou Málaga. ''Axuda moito que haxa galegos emigrados, porque son os que compran os grelos ó botalos en falta''.

No rexistro provisional da IXP xa hai anotadas 41 plantacións, que suman máis de 155 hectáreas, unha industria envasadora e tres comercializadoras en fresco, segundo os datos do Ingacal, dependente da Consellería de Medio Rural. Entre os rexistrados están os produtores asociados na organización que dirixe Fraga e a empresa procesadora da capital chairega.

Os técnicos recoñecen que son ''poucos'' os rexistros efectuados aínda que resaltan a ''boa disposición'' de produtores e industrias de cara a vincularse á IXP.



Produción do vexetal
En Galicia recóllense cada ano arredor de 100.000 toneladas de grelos, segundo os datos da Consellería de Medio Rural. En todo o territorio galego calcúlase que hai sementadas máis de 6.500 hectáreas deste vexetal, só entre as destinadas ó consumo humano, polo que a superficie total é superior a esta cifra ó haber outras plantacións nas que a colleita se utiliza como complemento na alimentación do gando.

Segundo as Contas Económicas da Agricultura de 2004, o grelo destinado ó consumo humano supón o 15% das producións hortícolas de toda a comunidade. Hai que ter en conta que os propios produtores reservan certa cantidade para autoconsumo. O valor desta partida supón o 40% dos 16.7 millóns de euros que acada a venda de grelo galego cada ano.

Probado: son anticanceríxenos
O alto contido en vitaminas do grelo xa era ben coñecido polos galegos, aínda que foi hai uns meses cando un estudo da Misión Biolóxica de Galicia, centro dependente do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), revelou que eran anticanceríxenos.

A mesma substancia que dá o sabor acedo tan característico desta verdura, os glucosinolatos, son os responsables desta propiedade. Segundo o coordinador do proxecto, Pablo Velasco, ''hai correlación entre o consumo de grelos e nabizas e a menor incidencia de varios tipos de cancro''.



Ademais, teñen alto contido en Calcio, o que os presenta coma unha alternativa ó leite para os alérxicos á lactosa e recomendables para persoas que padezan osteoporose. O estudo tamén analizou a perda de propiedades destes vexetais despois de ser cociñados.

Parte dos nutrientes pérdense de  xeito irremediable tras someter a verdura ás altas temperaturas da cocción, mentres que outra parte quedan no alimento e na auga onde se cociñan. Deste xeito, comelos co seu caldo é unha garantía para aproveitar os glucosinolatos. Ademais, cocelos ó vapor ou pasalos na prancha son outros métodos para conservar a maior parte das propiedades.

Comentarios