130 galegos acoden cada semana a refinanciar a súa hipoteca

Os galegos mercan pisos cada vez máis caros. (Foto:Otto.AGN)
photo_camera Os galegos mercan pisos cada vez máis caros. (Foto:Otto.AGN)

Os galegos son conscientes de que a crise hipotecaria a nivel mundial repercutirá nas súas bulsas, pero sen embargo, son, de toda España, os que máis incrementaron o importe medio dos seus préstamos nos últimos meses, só igualados polos murcianos.

As entidades financeiras, conscientes das limitacións das familias á hora de pagar, ofertan novos produtos que funcionan de colchón contra o endebedamento. Sen embargo, as asociacións de consumidores e o Banco de España advirten do perigoso nivel ó que están chegando as débedas nos fogares galegos.

Segundo os datos que manexa o Instituto Nacional de Estatística, máis de 130 galegos acoden cada semana á súa oficina bancaria para tentar modificar as condicións da súa hipoteca. Na maior parte dos casos, piden un alongamento de dous anos de vida do préstamo para facer fronte ós pagos mensuais cunha maior comodidade.

Fronte a esta realidade, o INE advirte tamén de que é en Galicia onde máis medrou o importe medio das hipotecas entre maio de 2006 e o mesmo mes deste ano, último período de que hai datos dispoñibles. O incremento é do 24,9%, e alcanzouse unha cifra media de 172.323 euros por inmoble.

Alternativas
As dúas caixas galegas puxeron recentemente en marcha programas para paliar os efectos dun posible incremento dos tipos de interese. Caixa Galicia lanzou o pasado mes de abril un produto que permitirá evitar o impacto que teñan a partir de agora as variacións á alza das hipotecas.

Semanas máis tarde, Caixanova seguiu os seus pasos e informou do seu novo produto, a 'Hipoteca cota Blindada', dirixida a particulares preocupados por manter unha estabilidade nos seus compromisos de pago, cun prazo de ata 35 anos. Neste modelo, orientado ás hipotecas de tipo variable, hai unha cota máxima e o cliente sabe de antemán o que lle tocará pagar.

As 'subprime'
Galicia mira aínda de reollo a crise das hipotecas 'subprime' que sacudiu a economía estadounidense, pero os analistas agardan unha versión española deste fenómeno se persiste o sobreendeudamento das familias.

Unha hipoteca 'subprime' é aquela considerada 'de risco' pola persoas a quen se lle concede. O beneficiario reúne unhas condicións nas un banco 'normal' non concedería hipotecas: non ten traballo estable, os seus ingresos non son continuos ou carece de avalistas, por exemplo.

Nestes casos existían entidades de financiación, que non bancos, que se adicaban a este tipo de clientela. Sen embargo, moitos bancos xa se fixeron en propiedade con estas entidades, que non cumpren os estándares de calidade habituais no risco crediticio.

Á marxe das condicións dos clientes, as vantaxes deste tipo de préstamos son só aparentes. Baixo un tipo de interese inicial que funciona de 'gancho' e pode ser moi baixo, e unha cota asumible, agóchanse uns tipos que se elevan moito máis rápido que unha hipoteca convencional. Do mesmo modo, as facilidades iniciais tamén fan que se incrementen de forma considerable os intereses destas hipotecas.

Comentarios