Los curas que también fueron proletarios

Aquel 10 de marzo de 1972 en Ferrol, cando foron asasinados os sindicalistas Amador Rey e Daniel Niebla nas protestas polo convenio colectivo dos estaleiros de Bazán, Xaquín Campo Freire, un dos cerca de vinte curas ‘sociais’ que levaban anos na comarca loitando a carón do proletariado, atopábase a uns 200 metros de onde se oiran os tiros.
 
Era a do Caudillo, nos principios dos setenta, unha cidade na que se confrontaban dúas clases antagónicas froito da presenza dunha Mariña militarizada e dunha base proletaria moi desenvolvida. Foi entón cando estes sacerdotes da bisbarra decidiron loitar polos dereitos do máis débil e pasar a formar parte de seu do que este xoves se homenaxea: a clase obreira galega.

Conflitos en Ferrolterra, os grises e o cárcere
"Nós eramos curas do mundo obreiro. Tiñamos unha visión evanxélica e estabamos ao carón da xente. Sufriamos, viámolos morrer", di Campo Freire, que aínda exerce na parroquia de Santa Uxía de Mandiá.
 
Pysbe, Peninsular Maderera, Astano, Megasa ou Bazán eran o escenario das folgas proletarias que se deron en Ferrolterra a finais dos sesenta e principios dos setenta, tempos do tardofranquismo nos que a Brigada Político-Social, encadrada dentro da organización dos temidos grises, perseguiu a estes curas que lle tendían a man aos traballadores.
 
Durante o estado de excepción de 1969 que agromara coas revoltas estudantís de Barcelona e Madrid, catro deles –Vicente Couce, Pepe Chao, Antón Martínez Aneiros e Eliseo Ruíz de Cortázar- estiveron detidos. O por entón ministro de Turismo, Manuel Fraga Iribarne, xustificara aquela represión que se saldara con cerca dun milleiro de arrestados e deportados coas seguintes verbas: “Es para luchar contra las acciones minoritarias sistemáticamente dirigidas a alterar la paz española”.

Un inimigo: o franquismo
Aquel inimigo, o franquismo, era o que movía aos curas obreiros de Ferrol e o que facía posible que resultase “menos conflictivo que hoxe” ser un sacerdote próximo aos traballadores. Así o asegura Campo Freire, quen di que agora hai “unha ultradereita conservadora máis tremenda”.
 
No entanto, admite que daquela había algún cura na zona que militaba na Hermandad Sacerdotal presidida polo padre Oltra, “que eran a liña clerical dos Guerrilleros de Cristo Rey”, un dos grupos paramilitares neofascistas xurdidos no tardofranquismo.
 
Pero os que mandaban entón na diócese –o bispo Argaya (1957-1968), o vicario capitular Gabriel Pita da Veiga (1968-1970) e Monseñor Araúxo (1970-1985)- eran “moi consecuentes co evanxeo”. Sobre este último, di o párroco de Mandiá, “foi una bendición de Deus; por iso lle quere tan mal a liña conservadora”.
 
Precisamente o primeiro deles, Argaya, foi o xerme deste grupo de curas obreiros. "Cando él chegou, na cidade había só tres curas e eran moi maiores; decidiu crear novas parroquias e contou con xente nova e moi ben formada como Pepe Chao, Gabriel Vázquez Seijas ou Eliseo Ruiz de Cortázar, Cuco, as tres figuras fundamentais", conta o párroco de Mandiá.

A forza do pobo
Influenciados pola espiritualidade do clero francés, “moi comprometido e formado”, os curas obreiros da comarca ferrolá participaron activamente nas loitas polos dereitos dos traballadores. Mesmo elaboraron estudos sobre mortaldade laboral seguindo os xornais da época.

Algúns dos protagonistas desta historia esquencida xa están mortos, como é o caso de Cuco Ruiz, finado en 1978, ou do bispo Argaya, en 1993, pero non a súa mensaxe en prol da loita obreira. “Nós non eramos políticos, eramos evanxélicos e estabamos co pobo. Esa era a nosa forza”, lembra o párroco de Mandiá.
 

Comentarios