Unha hipoteca custa en Galicia 128.700 euros, un 20% máis que hai un ano

O importe medio da hipoteca destinada á adquisición dunha vivenda en Galicia elévase xa ata os 128.742 euros, o que supón un incremento do 19,7% ao longo dos últimos doce meses, segundo os datos facilitados polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Pese a esta suba, tamén se confirma unha ralentización do mercado hipotecario en Galicia. De feito, o número de créditos hipotecarios suscritos durante o mes de maio (un total de 4.083 hipotecas) apenas medrou un 5,7% en comparación co mesmo mes de 2006, no que se asinaran 3.860 créditos.

No conxunto de España, o importe medio da hipoteca para a compra dunha vivenda xa supera os 150.000 euros, o que representa un aumento do 7,5% respecto ás cifras de maio de 2006.

Provincias galegas
En Galicia, Pontevedra liderou a actividade hipotecaria en maio, cun total de 1.798 créditos suscritos para a compra dunha vivenda, seguida da Coruña (1.492), Lugo (494) e Ourense, con 299 hipotecas firmadas ao longo de todo o mes.

Respecto ao importe medio do crédito hipotecario, o máis alto rexístrase en Pontevedra, onde acada os 140.000 euros, mentres que na Coruña se eleva a 127.000 euros; e en Ourense a 117.000 euros. Lugo á a única provincia que non supera os 100.000 euros de media de crédito hipotecario, quedando en 98.000 euros.

Comentarios