"A experiencia achega unha gran flexibilidade ás empresas"

As novas iniciativas emprendedoras impulsan a innovación lucense

▶ A aceleradora Agrobiotech desenvolve un traballo individualizado para pemes do sector biotecnolóxico, agroalimentario e de biomasa ▶ ViaLugo achega apoio económico e asesoramento para que as empresas desenvolvan o seu plan de negocio e capten financiamento
Celebración do Start Up Day en ViaLugo
photo_camera Celebración do Start Up Day en ViaLugo

Crear un polo de emprendemento innovador en Lugo, contribuíndo así á dinamización económica da provincia, é o obxectivo das dúas novas aceleradoras Agrobiotech e ViaLugo, que se suman neste eido ao polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados, que abrirá tamén novas oportunidades aos emprendedores de Lugo, neste caso no sector aeronáutico.

Así, a aceleradora de pemes innovadoras e empresas de base tecnolóxica galegas en fase de consolidación Agrobiotech, impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, suma 11 pemes galegas dos sectores agroalimentario, biotecnolóxico e da biomasa. Con sede no Centro Tecnolóxico Agroalimentario (Cetal), Agrobiotech está a facilitar a cada empresa unha folla de ruta individualizada en función das súas necesidades, que desenvolven baixo a titorización dun cualificado equipo de expertos e mentores.

A iniciativa complétase con accións de capacitación abertas a outras empresas destes sectores que teñen lugar no propio espazo do Cetal, e na outra sede da iniciativa, o Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, en San Cibrao das Viñas. Así mesmo, as pemes participantes reciben soporte especializado e práctico para ter un mellor acceso ao programa europeo Horizonte 2020, a novos instrumentos financeiros e a fondos de capital risco, co apoio de Xesgalicia.

Búscase aumentar o potencial innovador das pemes participantes favorecendo o desenvolvemento de produtos e servizos innovadores que facilitan o acceso a novos mercados. Ademais, ao compartiren espazo, as empresas poden establecer relacións cos novos socios facilitándose a transferencia de coñecemento e o acceso á información entre elas. Para acadalo, a Axencia Galega de Innovación destina no primeiro ano 750.000 euros no marco dun programa que ten vocación de permanencia.

O obxectivo final é lograr que cada unha das compañías participantes aumente a súa facturación e incremente nun 15% a introdución de produtos innovadores no mercado e noutro 15% as súas vendas no exterior. 

A Agrobiotech súmase ViaLugo, a iniciativa coa que a Xunta e Zona Franca expanden ao norte da comunidade o modelo de apoio ás empresas iniciado con ViaVigo. Coincidindo coa ampliación territorial, o respaldo económico da Consellería de Economía, Emprego e Industria multiplícase este ano por tres, sumando máis de 2,2 millóns de euros en apoios a ViaGalicia incluíndo respaldos para cada un dos 15 proxectos con alto potencial innovador que resulten gañadores da convocatoria de 2015 a través de Xesgalicia e a Axencia Galega de Innovación. 


RESPALDO. Estas iniciativas non só recibirán apoio económico, senón respaldo en forma de infraestruturas para poñer en marcha a súa empresa, e asesoramento experto para desenvolver o seu plan de negocio e captar financiamento.

Tanto XesGalicia como a Axencia Galega de Innovación formarán parte do comité que seleccione aos proxectos gañadores, priorizando o emprendemento innovador centrado nos grandes retos da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, ou RIS3, o mapa que guiará o investimento galego en innovación ata 2020.

Isto supón priorizar as propostas de emprendemento que teñan que ver coa xestión innovadora dos recursos naturais e culturais, coa mellora da competitividade da industria, e coas tecnoloxías para unha vida saudable e o envellecemento activo, tendo moi en conta a especial importancia das tecnoloxías facilitadoras, especialmente das TIC e a biotecnoloxía. 

Cetal

O Centro Tecnolóxico Agroalimentario acolle a Agrobiotech, que facilita follas de ruta ás empresas interesadas

O obxectivo é aumentar o potencial innovador das pemes favorecendo o desenvolvemento de produtos e servizos

As primeiras fases de apoio aos proxectos lévanse a cabo tanto en Lugo como en Vigo, dependendo da elección do propio emprendedor, mentres que a fase final se concentrará en Vigo. A sede lucense localízase na CEL, que contribúe á iniciativa apoiando á súa difusión. 

Esta expansión territorial do modelo de VíaVigo prodúcese despois dos bos resultados da aceleradora viguesa, que ten impulsado durante os últimos tres anos 20 proxectos empresariais, consolidándose como un elemento clave para facer de Galicia un ecosistema que permita aos emprendedores consolidar os seus proxectos. 

De entre os 314 proxectos presentados á terceira edición da Aceleradora ViaGalicia, xa se fixeron públicos os nomes dos 40 proxectos, 20 pola sede de Vigo e 20 por Lugo, que participan na Fase de Academia, de sete semanas de duración, e que se desenvolve en ambas sedes. 

O obxectivo desta fase é validar, seguindo a metodoloxía Lean Startup, aspectos relacionados coa proposta de valor e o modelo de negocio dos diferentes proxectos, a partir dun enfoque eminentemente práctico baseado na experimentación. Ademais, os responsables dos diferentes proxectos participarán en mesas redondas con recoñecidos actores do ecosistema emprendedor, e terán acceso a titores e mentores especializados.

DEMO DAY. Tras a Fase de Academia celebrarase un Demo Day en cada unha das sedes que permitirá avaliar cales serán os 15 finalistas que participarán no proceso de aceleración que terá lugar no Centro de Negocios de Porto do Molle. 

Estes 15 finalistas poderán recibir unha contribución financeira de ata 125.000 euros, dos que 75.000 serán achegados pola Xunta a través da Axencia Galega de Innovación e XesGalicia e os outros 50.000 polo Consorcio Zona Franca a través da sociedade de capitalrisco Vigo Activo. 

Ademais destas cantidades, que se entregarán baixo as modalidades de subvención a fondo perdido e de préstamos participativos, os finalistas terán servizos personalizados de mentoring e un espazo gratuíto no Coworking do Centro de Negocios de Porto do Molle.

PROXECTOS NO RURAL. 
Entre as diferentes iniciativas que a Xunta leva posto en marcha para impulsar o emprendemento atópanse a eliminación das licenzas municipais de obra e actividade para facilitar a apertura de novos negocios; a activación de unidades de apoio como a Rede de Axentes de Emprego; a Rede Eusumo dirixida á dinamización do cooperativismo e a economía social; ou a Unidade Galicia Emprende, que asesora aos emprendedores desde a primeira idea ata o mesmo momento da apertura do negocio; formando a 8.000 alumnos e 160 empresarios.

Tamén se traballa na mellora das posibilidades de conseguir investimento privado a través da Rede de Business Angels; e no que a Xunta de Galicia leva desde este ano 2015 apoiando a preto de 50 novas compañías con cerca de 4 millóns de euros en financiamento.

Selección

Xesgalicia e a Axencia Galega de Innovación contribuirán a seleccionar os 15 proxectos que pasarán á final de ViaGalicia

Axuda

Priorízanse os proxectos emprendedores centrados nos retos da RIS3, a estratexia que guía a innovación galega

Un dos ámbitos nos que fai máis fincapé a Consellería de Economía, Emprego e Industria, que inclúe nos seus orzamentos de cara a 2016 un total de 40 millóns de euros en apoio ao emprendedores, autónomos e cooperativas, é no relativo ao emprendemento no eido rural.

Neste sentido, activarase un novo programa co que se favorecerá a industrialización de produtos agrícolas e gandeiros, ao que en 2016 se dedicarán preto de 4 millóns de euros; ou o apoio ao emprendemento dos menores de 30 anos a través de cooperativas ou sociedades laborais, creando un ecosistema empresarial que anime á súa creación.

Así memo está previsto reforzar as axudas ás cooperativas xuvenís, co claro obxectivo de facilitar a incorporación dos mozos a entidades existentes, e incluíndo programas específicos de titoría no rural.

Comentarios