Moito público e boas vendas na feira de gando vacún de Pedrafita

Uns 250 animais competiron nos concursos de raza asturiana e de rubia galega e houbo subasta de reses selectas con elevados prezos
Unha das naves de exposición de gando, ateigada de xente
photo_camera Unha das naves de exposición de gando, ateigada de xente

A feira de gando vacún de Pedrafita do Cebreiro sumou o domingo unha nova edición marcada pola masiva afluencia de público, a abundancia de postos e as boas vendas. Desde primeira hora da mañá, os animais foron chegando ao recinto feiral da man dos seus donos e poucos saíron co mesmo propietario. As vendas de vacas estiveron animadas e as de xatos tamén, aínda que algúns gandeiros se queixaban de que os carniceiros cotizaron a prezos baixos.

O concurso tamén estivo animado. Presentáronse unhas 250 reses e o Concello repartiu preto de 5.000 euros entre premios e gratificacións por participar.

Na modalidade de asturiana dos vales, os premios das categorías de touros, vacas e novillos recaeron todos en exemplares de Ana Rosa Alonso Arias, Carmen Soto Sanjurjo e José Manuel Trobo Espín. En rubia galega impuxéronse as reses de José Antonio Ferreiro Palacios, Antolín Alonso Arias, Ganadería Santalla e José Torrón Vázquez.

Os premios de xatos carniceiros foron para Julio Carballo Aira, Jesús Núñez Gayo e Luisa Peral Regueiro.

A feira de Pedrafita incluíu tamén unha subasta de becerras de raza rubia galega organizada por Acruga. Presentáronse catro exemplares procedentes da granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación Provincial de Lugo, e foron adxudicados os catro, con prezos que oscilaron entre os 1.800 e os 2.300 euros.

Anotáronse para participar na poxa 15 posibles compradores, pero finalmente dous coparon as adxudicacións, con cadanseu par de becerras que terán como destino explotacións de Friol e Pedrafita. Os compradores, como vén sendo habitual nas poxas de Acruga, recibiron unha axuda de 200 euros de Caixa Rural.

O presidente da Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega, César Dorado, valorou os resultados da subasta e apuntou que os elevados prezos de adxudicación se deberon ás boas calidades e garantías xenéticas dos animais.

O alcalde de Pedrafita, o socialista José Luis Raposo, calificou a xornada de "perfecta" e mostrouse satisfeito porque "este é un día importante para todos os veciños que teñen negocios".

Comentarios