miércoles. 20.01.2021 |
El tiempo
miércoles. 20.01.2021
El tiempo

Miguel Ángel Vázquez Taín: "Subir agora o SMI expulsaría traballadores do mercado"

Miguel Ángel Vázquez Taín. EP
Miguel Ángel Vázquez Taín. EP
Nun 2021 incerto, o decano dos economistas coruñeses e presidente do Consello Galego de Economistas defende que non é momento de incrementar os impostos nin o salario mínimo. En canto a crise sanitaria amaine, Miguel Ángel Vázquez Taín ve no Xacobeo e nos fondos europeos dous catalizadores da recuperación

Ante unha debacle sanitaria que levou a economía española á Uci, o presidente do Consello Galego de Economistas e membro do comité de expertos que fichou a Xunta para trazar o plan de recuperación, Miguel Vázquez Taín (A Merca, 1966), sostén que agora toca "apoiar aos axentes económicos que crean emprego para superar esta crise" sen poñerlles paus nas rodas.

Canto pode tardar a economía galega en repoñerse deste golpe?
A recuperación da economía galega, ao igual que a do resto do Estado, vai estar ligada a que se despexen as incertezas respecto á evolución da pandemia, tanto no que se refire á súa incidencia como á vacinación. No 2021 aínda nos veremos fortemente afectados e seguramente as previsións de crecemento, trala forte caída do 2020, non serán tan positivas como as que se estimaban fai unhas semanas. Normalizada a situación sanitaria, que esperemos sexa o antes posible, Galicia conta co factor Xacobeo e o conxunto de actividades e servizos que xiran ao seu redor, moi acaídos para o período de transición cara á normalidade que, ademais estendido ao 2022, nos dotarán dun diferencial en positivo.

Tras dez meses de pandemia, que avaliación fai da resposta dada polo Goberno central e o autonómico?
O ámbito competencial é diferente. Dito isto, a resposta do Goberno central é mellorable, particularmente en todo o relacionado co alcance, seguridade xurídica e axilidade no deseño de accións para minorar o impacto económico da crise. A do Goberno galego en materia sanitaria é moi acaída, tendo en conta a situación tan excepcional que estamos a vivir. Tamén no eido económico a Xunta amosou capacidade de planificación e anticipación, cun comité para a recuperación que leva meses de traballo.

Sen dúbida, no futuro o sistema de pensións será menos xeneroso

O día 31 vence a prórroga dos Erte do covid. Sería axeitado estender este esquema ao longo de todo o 2021, como piden algúns sectores?
Non cabe dúbida de que deben manterse as medidas de apoio e estímulo, pero hai que pasar de políticas transversais a selectivas, focalizando os esforzos naqueles sectores máis vulnerables e afectados pola crise pero que, á súa vez, teñen maiores posibilidades e potencial na nova realidade económica que xurdirá superada a pandemia. Só desta forma se garantirá a eficacia dos recursos empregados, se reorientará a economía na dirección adecuada e se afectará o menos posible a sostibilidade das finanzas públicas.

A revisión do salario mínimo quedou adiada. Que consecuencias traería unha subida neste momento?
Máis aló dunha actualización que garanta o mantemento do poder adquisitivo, en liña co que se fixo para funcionarios e pensionistas, non é o momento para continuar coas subas iniciadas en anos anteriores. Recordemos que o SMI ten aumentado un 45% nos últimos catro anos e esta é unha contía difícil de asimilar polo mercado laboral, sobre todo coa crise actual. O resultado dunha suba agora pode ser o contrario á fin perseguida de redución da desigualdade, ao expulsar a certo segmento de traballadores do mercado laboral. Ademais, non podemos esquecer que a prioridade agora —e probablemente por moitos meses— ten que ser recuperar e crear emprego, e o custo salarial pode actuar como unha barreira cara á consecución deste obxectivo.

Deben manterse as medidas de apoio e estímulo, pero focalizadas nos sectores máis afectados pola crise e con máis potencial trala pandemia

Que tipo de proxectos se deberan impulsar en Galicia cos fondos europeos para a recuperación para evitar un mal uso deses recursos?
Son unha oportunidade ligada á crise que non podemos estragar. Deben ser aproveitados para reorientar o noso sistema produtivo avanzando nos seus niveis de competitividade, sostibilidade e dixitalización. Teñen que focalizarse en verdadeiros proxectos tractores que permitan aproveitar os nosos recursos endóxenos e xeren impacto en termos de actividade e emprego duradeiro de calidade. Estamos ante unha nova forma de reparto dos fondos europeos, na que a solvencia dos proxectos debería primar sobre a súa distribución territorial, e a Xunta e o noso tecido empresarial deben ser conscientes deste reto. Pero tamén deben tomar nota as autoridades centrais, que en última instancia son as responsables do reparto.

O desbloqueo dos fondos europeos vai ligado a que España reactive as reformas, entre elas a das pensións. É inevitable un recorte no importe das prestacións futuras e o atraso da idade de retiro?
Mais aló das esixencias que poida impor Europa, o sistema público de pensións precisa dunha reforma estrutural que garanta a súa sostibilidade financeira futura. O recente acordo do Pacto de Toledo non recolle a realidade do reto que afronta o sistema, para o que se require unha resposta que sen dúbida afectará a súa xenerosidade. Esta reforma esixe unha planificación no tempo, para que non afecte as pensións actuais, pero tamén dunha honestidade por parte dos nosos gobernantes para que as xeracións que se xubilen no futuro poidan, na medida das súas posibilidades, planificar a súa xubilación. Sen dúbida, no futuro o noso sistema será menos xeneroso, en liña co que acontece noutros países desenvolvidos, incluído o que se refire á idade de xubilación.

O Xacobeo estendido a 2022 dota a Galicia dun diferencial en positivo para a transición á normalidade

O ano rematou coa incerteza sobre o futuro de Alcoa San Cibrao, Siemens Gamesa nas Somozas e Alu Ibérica na Coruña. Tamén se consumou o peche das térmicas. Atravesamos unha crise industrial?
Se nos centramos só na situación destas empresas e sectores, si semella que estamos ante unha situación de debilidade industrial. Pero debemos mirar máis aló e ser conscientes da nova realidade económica que vivimos, na que as formas de produción máis sustentables, respectuosas co medio ambiente, asociadas á economía circular, á bioeconomía e á dixitalización deben ser o eixo transversal dos sistemas produtivos. Galicia conta con recursos e condicións para reorientar actividades nesa dirección e os fondos europeos, se os sabemos utilizar, poden ser a panca de cambio do sistema produtivo.

O gasto das familias retraeuse fortemente e o aforro en depósitos alcanzou cotas máximas. Conviría promover rebaixas fiscais para incentivar o consumo interno?
No momento en que se despexen as dúbidas sobre a evolución da pandemia e recuperemos unha relativa normalidade sanitaria, activarase o consumo interno. Non son partidario de medidas fiscais de estímulo puntuais, porque a súa eficacia é máis que dubidosa. Como tampouco son partidario de que agora se suban os impostos. Si considero necesaria unha reforma do sistema tributario no seu conxunto cando a situación económica se normalice.

En qué sectores agromarán máis concursos de acreedores en canto se levante a moratoria que decretou o Goberno?
Obviamente naqueles nos que a crise ten impactado con mais forza. Neste senso, as actividades que xiran ao redor do turismo e do comercio son as candidatas a un maior número de concursos. O recurso ao concurso de acredores debería ser unha vía para solventar a situación e manter a actividade, pero moito me temo, polo tamaño de destas empresas e o esgotamento da súa capacidade, que os concursos, no mellor dos casos, serán unha forma ordenada de liquidación.

Miguel Ángel Vázquez Taín: "Subir agora o SMI expulsaría...
Comentarios