O metal galego busca persoal coas mellores cifras en anos

O sector elevou a facturación un 11% en 2017 e un 7% o emprego. Calcula que necesita 3.000 traballadores e prepara un plan de formación
 

Astilleros de Barreras. EFE
photo_camera Astilleros de Barreras. EFE

O sector metalúrxico galego pechou 2017 coas contas do que espera que sexa definitivamente a remontada. As súas mellores cifras nunha década revelan un incremento da facturación dun 11%, para chegar aos 13.125 millóns de euros, e unha alza do emprego dun 7%, ao ocupar 64.500 persoas. E esas xa non abondan. De feito, a Asociación de Industriales Metalúrgicos de Galicia (Asime) calcula que o sector precisará ir incorporando unhas 3.000 e prepara un plan urxente de formación, á vista das dificultades de cubrir todas esas necesidades con persoal cualificado.

O aviso, que amplía o alcance do lanzado hai uns días polo estaleiro vigués Barreras ao advertir dun "problema grave" para encontrar persoal na industria local, chega coas "boas perspectivas" do metal. De feito, tras un 2016 no que aínda se destruíu emprego, en 2017 melloraron cifras todas as actividades que engloba esa industria, que concentran un 20% do PIB galego e van do naval á automoción, pasando polas estruturas metálicas ou a aeronáutica. O balance anual de Asime mostra que tamén creceu o número de empresas, 3.642, un 2,4% máis, mentres as exportacións quedaron estancadas.

Todo isto non evita que o secretario xeral da patronal, Enrique Mallón, advirta de que non hai que deixarse levar pola "euforia", porque aínda non se recuperaron os niveis previos á crise. O "obxectivo ideal" sería chegar a unha facturación de 15.000 millóns e a uns 70.000 traballadores.

gráficometalcortado

De momento, as necesidades que identifica Asime no sector apuntan a que son precisos 3.000 profesionais no horizonte cercano, sobre todo para o naval —1.500— e a automoción e metalmecánica. É que faltan desde soldadores a torneiros, fresadores ou delineantes. Así as cousas, cunha perspectiva que podería obrigar a buscar persoal fóra ou tirar de subcontratas, o colectivo pide financiamento público para que se poidan poñer en marcha de forma urxente programas formativos. Para empezar, avanzou que ultima un "plan de choque" para formar unhas 1.200 persoas, orientadas cara ao sector naval polas urxencias que impoñen os seus contratos.

Asime, que incide en que xa advertira hai tempo das necesidades de preparar e reciclar persoal, considera que será necesario formar no medio prazo outros 1.500 profesionais para o resto de actividades do metal. Máis aló destas necesidades, apunta outros retos: mellorar o acceso ao crédito, explorar novos nichos de mercado, abaratar o solo industrial e atraer capital estranxeiro, por exemplo.

Enrique Mallón (Asime): "Unhas 3.000 persoas marcharon a outros países e temos que intentar recuperar polo menos algunhas"
¿Estanse contratando xa traballadores fóra de Galicia para atender as necesidades de personal?
Puntualmente, non é algo habitual. Pero as empresas están facendo os seus cálculos e se nuns meses non se atopa o número suficiente de profesionais recorreríase a contratar traballadores estranxeiros directamente ou a contratar empresas de fóra de Galicia que teñan o persoal. Con todo, o obxectivo de Asime é intentar que se ocupen todos ou a maior parte dos traballadores do sector que están en desemprego en Galicia e cualificados.
mallon
¿Pode chegar demasiado tarde o plan de Asime para formar persoal  e que haxa que buscalo fóra?
Tarde é porque xa teriamos que ter eses traballadores, pero probablemente ía ser complexo facelo en anos anteriores con recursos das empresas, que estiveron preocupadas por sobrevivir. Con recursos públicos púidose ter feito. Nós advertímolo; agora a ver se chegamos a tempo.

¿Faltou entón unha resposta áxil da Administración?
Seguramente a Administración tería que crer que a recuperación chegaba e que, aínda que non houbese emprego inmediato, había que facilitar crear esa canteira de traballadores cualificados que se ían precisar cando chegase a recuperación.

¿Marcharon moitos profesionais do sector a outros países coa crise?
Calculamos que 3.000 foron a outros países, maioritariamente a Alemaña, Noruega, Holanda, Reino Unido e incluso Suramérica. Son os traballadores que temos que intentar recuperar, algúns deles polo menos.

¿Ese novo emprego no sector ten garantías de certa estabilidade?
Cremos que hai estabilidade porque cremos que vai vir unha época de boa carga de traballo. Os traballadores que elixan o sector metal van acertar porque en todas as actividades se prevé crecemento durante uns anos.

¿E que tal está o metal a nivel salarial, tras uns anos nos que en xeral houbo baixadas?
Os convenios sectoriais e de empresa que existen no sector son dun xeito ponderado líderes en retribucións en Galicia.

Comentarios