Medio Ambiente entra na poxa por Sálvora

Despois de que o pasado mes de marzo Caixa Galicia se fixera coa propiedade da illa de Sálvora, o Ministerio de Medio Ambiente anunciaba onte que pensa exercer os seus dereitos de tenteo para poñer a illa, así como os illotes de Noro e Vionta, baixo titularidade pública. 

O Ministerio de Medio Ambiente explicou a súa postura nunha carta remitida ó presidente da Fundación Germán Estévez, Xermán Janeiro. Nela asegúrase que o Ministerio solicitou  “documentación para instar o tenteo” tras coñecer na prensa a operación de compra-venda entre o marqués de Revilla, propietario dos terreos e o director xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez.

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciou que a vindeira semana a Consellería de Medio Ambiente e o Goberno Central asinarán un convenio coa caixa para desenvolver proxectos comúns no Parque das Illas Atlánticas. No caso particular da Illa de Sálvora, este acordo permitirá desenvolver alí un centro de investigación ornitolóxica.

Dende a Fundación para a protección da natureza, Germán Estévez amosou a súa satisfacción, se ben lamentou que a Administración non comprara directamente a propiedade “para preservar os seus valores ambientais e paisaxísticos”.

Regulación

A Administración do Estado pode intervir nos pocesos de compra-venda de espazos protexidos -como é o Parque Nacional Illas Atlánticas ó que pertence o arquipélago- en virtude do artigo 10 da Lei de Conservación de Espazoso Naturais. Nel dise que o Estado pode exercer un dereito de tenteo nun prazo de tres meses dende que a entidade compradora llo notifique á Administración. Nese punto, o Ministerio pode optar por exercer o dereito de tenteo, igualando sempre o prezo pagado ó anterior propietario.

Caixa Galicia presentou no seu día esta adquisición como “o primeiro exemplo dos plans da entidade para xestionar espazos con fins sociais e baseados na sostibilidade”. Dicía pretender a súa apertura á sociedade e crear alí un centro de investigación de bioloxía mariña.

Comentarios